RBxuntanza

29/09/2024

As mentiras da Xunta: non hai folla de ruta para as viticultoras e viticultores da Ribeira Sacra

O Sindicato Labrego convoca unha xuntanza aberta mañá ás 19h. no salón de actos do edificio sindical en Monforte de Lemos. Malia á publicidade institucional, a Xunta de Galicia non habilitou medidas de apoio ás viticultoras e viticultores

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas convoca unha xuntanza aberta mañá, luns 30 de setembro, ás 19h., no salón de actos do edificio sindical de Monforte de Lemos, para abordar cas viticultoras e viticultores da Ribeira Sacra estratexias a seguir para sobrelevar o forte impacto económico que na comarca supón a non recollida da uva a máis de medio milleiro de produtoras e produtores.

Malia aos anuncios institucionais, a Xunta de Galicia non activou ningunha medida de apoio directo ás persoas viticultoras, nin tampouco se aprecia horizonte de traballo ningún que protexa a produción da vendima do vindeiro ano e non vernos de novo na mesma situación.

A preocupación na comarca é grande. Non só unha importante parte da súa economía depende directamente do viño, senón que son milleiros de postos de traballo os vinculados indirectamente a esta actividade, que van dende o turismo ou os establecementos especializados, até a propia estrutura de servizos ou a hostalaría.

Convocadas polo SLG, na mañá de hoxe viticultoras e viticultores levaron as súas reivindicacións ao Presidente da Xunta de Galicia aloxado no Pazo de Sober esta fin de semana. Tamén rexistramos unha carta dirixida ao propio Alfonso Rueda, instándoo a convocar unha mesa de traballo real, con presenza de tódolos axentes do sector, que decontado comece a establecer pautas para protexer a Denominación de Orixe Ribeira Sacra, tales como a poda en verde e baixar rendementos, prever axudas directas para as persoas viticultoras para o ano 2025, limitar plantacións, campaña de promoción importante diferenciando a DO Ribeira Sacra e un mapa claro que permita coñecer con certeza os límites da DO.