Novas

  • As medidas anunciadas pola UE non serven para paliar a crise dos custos de produción derivados da guerra de Irán

    As medidas anunciadas pola UE non serven para paliar a crise dos custos de produción derivados da guerra de Irán

    • 19,Mai 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • NON ACORDO UE - MERCOSUR
    • sindicato labrego galego
    • soberanía alimentaria

     

    • As medidas publicadas hoxe pola UE para facer fronte o encarecemento dos prezos dos fertilizantes non cumpren coas necesidades das labregas europeas, poñendo en risco a súa viabilidade e o futuro da produción de alimentos na UE.

    • Dende o Sindicato Labrego Galego consideramos que estas non son suficientes e alertamos da necesidade de lexislar cara a un modelo de produción de alimentos máis resilientes e non tan dependente das importacións.

    • Un dos sectores máis afectados polas consecuencias económicas da guerra de Irán é o sector primario. Demandamos medidas a medio e longo prazo que reduzan a nosa dependencia dos fertilizantes e solicitámoslle á Xunta de Galicia e ao Estado español que insten á Comisión Europea a iniciar unha investigación por mor da baixada nos prezos da carne de vacún.

    Galiza, 19 de maio de 2026. A actual guerra en Oriente Medio está a poñer en serio perigo a produción de alimentos dentro da Unión Europea. Un dos sectores máis afectados polas consecuencias económicas da guerra é o sector primario, que viu como en poucas semanas os prezos dos combustíbeis e dos fertilizantes duplicaron o seu prezo comprometendo a viabilidade económica de moitas granxas. A situación de incerteza provoca certo temor e un posíbel desabastecemento de produtos básicos para a fabricación de fertilizantes que se usan dentro da UE.

    Medidas insuficientes

    Hoxe coñecíase a publicación por parte da UE de medidas para facer fronte a esta crise, estas son claramente insuficientes para o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), que solicita medidas reais que favorezan unha transición cara a un modelo de produción de alimentos máis resiliente e non dependente das importacións e do consumo de altas cantidades de fertilizantes.

    As medias propostas pola UE son medidas a corto prazo e que nin tan sequera garanten o subministro a un prezo razoábel e estábel”, alerta Brais Álvarez, apicultor e Secretario de Acción Sindical do Sindicato Labrego Galego. “Demandamos medidas a medio e longo prazo que reduzan a nosa dependencia dos fertilizantes elaborados a base de gas natural”, engade. Neste senso, dende o Sindicato Labrego Galego urximos derivar fondos para que as granxas se adapten a outros modelos de produción onde non se dependa tanto deste tipo de fertilizantes e se vaia cara a un uso de modelos de fertilización máis eficientes e menos contaminantes, tendo en conta os propios recursos xerados nos nosos territorios.

    O modelo de produción agroindustrial fainos terribelmente dependentes destes insumos, que non controlamos e que son os que de verdade son altamente contaminantes. Podemos entender a negativa da UE de non eliminar o arancel ao mecanismo de axuste de carbono en fronteira, pero entón o que ten que ter claro a UE e os Estados membros é que é necesario iniciar xa unha transición cara un modelo agrícola máis resiliente e baseado na agroecoloxía, é dicir, a UE ten que tomar cartas no asunto e apostar por unha vez por todas pola Soberanía Alimentaria dos nosos pobos e iso pasa na crise actual por incentivar a través da ciencia e da formación o uso de outros produtos fertilizantes e favorecer con prezos estábeis dos produtos agrarios a dependencia que temos destes fertilizantes”, asevera Álvarez.

    Prezos estábeis, protección do mercado e axudas á desintensificación

    É por iso que dende o Sindicato Labrego Galego temos claro que a UE ten que poñer no centro do debate político tres cuestións fundamentais para garantir a viabilidade económica das granxas Europeas e o acceso á alimentación da poboación Europea: “Crises como a provocada pola guerra en Oriente Medio fainos ver o fráxil que é o noso modelo de produción e como se compromete o acceso á alimentación da nosa sociedade. A UE ten que ter claro que para non ser tan dependentes das importacións destas materias primas ten que garantirnos prezos estábeis, protexer os nosos mercados de produtos importados de 3 países algo incongruente cos actuais tratados de libre comercio como o MERCOSUR e apostar claramente por axudas que fomenten a desintensificación, tendo claro que non se pode deixar a ninguén atrás e tendo claro que se poden conxugar axudas temporais para evitar a desaparición de granxas con liñas a máis longo prazo que fomenten esta desintensificación e evitar a medio prazo estas crises”, recolle o Secretario de Acción Sindical do SLG.

    Dúbidas sobre os efectos do Tratado UE-Mercosur

    Nas últimas semanas produtos como a carne de vacún están a experimentar en todo o Estado español unha forte baixada dos prezos en orixe. Estas baixadas comezan a ser especialmente fortes dende a entrada en vigor do tratado UE-Mercosur. Dende o SLG dubidamos se existe unha relación entre ambas situacións.

    Seguimos a estar en contra do tratado UE-Mercosur e non cremos que as cláusulas de salvagarda contempladas no Regulamento da UE 2026/687 sirvan para protexernos. Con todo, solicitamos á Xunta de Galicia e ao Estado español que insten á Comisión Europea a iniciar unha investigación ao amparo do artigo 6 do regulamento onde se contemplan as investigacións a facer sobre os considerados produtos sensíbeis entre os que se atopa o vacún de carne, e que contempla como un dos motivos para esta investigación unha baixada do prezo que estamos xa a constatar no vacún de carne e no caso galego especialmente forte dentro da carne amparada pola IXP Vaca e Boi de Galicia”, afirma Brais Álvarez.

    De non ser escoitada esta petición de inicio de investigación como recolle o propio regulamento das cláusulas de salvagarda, estudaremos a realización de accións reivindicativas até ser oídas e tidas en contas estas demandas. “Hai uns meses a Xunta de Galicia, o Ministerio e organizacións como UUAA dixéronnos que non nós preocuparamos que as cláusulas de salvagarda ían a protexernos, entrado o Mercosur hai 19 días vemos como o prezo da carne baixou intensamente estas dúas semanas, polo tanto se tan boas son as cláusulas esiximos que se inicie unha investigación, xa que sospeitamos que se está aproveitando a conxuntura para baixarnos o prezo, algo que xa alertamos hai meses que ía acontecer”, sinala o mozo apicultor.