Como denuncia ante a intención da Xunta de non resolver as axudas de incorporación e plans de mellora de 2025, as labregas e os labregos do Sindicato Labrego Galego concentráronse esta mañá diante do Edificio EGAP da Xunta de Galicia, mentres tiña lugar o Pleno do Consello Agrario Galego.
“Protestamos porque é inxusto que digan que apoian o rural e o relevo e dan axudas para as incorporacións cando non é certo”, confesa Manola Suárez Pozas, labrega afectada. “Estamos agardando 40.000 euros que nos vai axudar a dar de comer a moita xente. E non vai poder ser posíbel. Imos ter que agardar un ano máis da nosa vida. Pode que nos rendamos e pode que non, non se sabe”, testemuña o tamén labrego Arren Sagar.
Galiza, 20 de febreiro de 2026. Esta mañá as labregas e os labregos do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) concentráronse diante do Edificio EGAP da Xunta de Galicia, mentres tiña lugar o Pleno do Consello Agrario Galego, ao que a organización foi convocada. Entre os puntos da orde do día solicitamos a inclusión das axudas de incorporación e plans de mellora de 2025, petición que foi rexeitada pola Consellería do Medio Rural. Por ese motivo, xuntámonos ás portas da Xunta demandando a resolución inmediata de ditas axudas.

Sen resolución das axudas
O pasado luns 16 de febreiro dende o Sindicato Labrego Galego presentamos formalmente a inclusión da orde do día porque non van resolver as axudas de incorporación de 2025. Onte comunicáronnos que non ían incluír ese punto no Consello Agrario Galego. “Concentrámonos en Compostela onde se celebra o Consello agrario para amosarlle á conselleira que non poden deixar colgadas ás máis de trescentas cincuenta mozas e mozos que no ano 2025 solicitaron a axuda de incorporación, e que o que ten que facer CMR como mínimo é dar explicacións nos órganos constituídos de porque de forma caciquil decide xuntar a convocatoria do ano 2025 coa de 2026 animando de forma indirecta a que moitas mozas e mozos renuncien a incorporarse á actividade agraria”, denunciou dende a concentración o Secretario de Acción Sindical, Brais Álvarez, mozo apicultor.
Tal e como afirmou a Secretaria Xeral do SLG tras saír do Pleno do Consello Agrario Galego, a gandeira María Ferreiro, estamos ante “un tema que nos preocupa enormemente porque as solicitudes de incorporacións da convocatoria de 2025 están a día de hoxe sen resolver, parécenos inxusto que as labregas e labregos a día de hoxe non saiban nada da súa solicitude”, testemuñou a gandeira. “O que nos trasladan de parte da administración é que estas solicitudes da campaña de 2025 se van a rescatar para a convocatoria de 2026, co cal a xente tería que agardar case outro ano máis a que as súas solicitudes sexan resoltas. Isto non pode suceder: Somos persoas, non expedientes”, demandou a Secretaria Xeral do SLG ás portas da Xunta.

Testemuñas de persoas labregas
Xuntáronse esta mañá ás portas da Xunta de Galicia arredor de cincuenta labregas demandando a resolución das axudas de incorporacións. Entre elas, coñecemos o caso de Manola Suárez Pozas, que nos contou que “a Xunta publicou no DOG que ían resolver en xaneiro, e iso quere dicir que entre xaneiro e febreiro iamos a ter o primeiro pago das nosas incorporacións e non resolveron nin comunicaron nun DOG a intención de xuntalas co 2026. Nós deixamos os nosos traballos e comezamos a facer investimentos e agora vémonos con que este ano temos que estar paradas e parécenos moi inxusto, non sabemos o que imos facer este ano. Protestamos porque é inxusto que digan que apoian o rural e o relevo e dan axudas para as incorporacións cando non é certo”, confesa a labrega.
O mesmo lle sucedeu a Arren Sagar: “Eu son a persoa que lle tocou incorporarse en representación dunha familia. A nosa idea é vivir do rural e dar de comer ás nosas veciñas e veciños dun xeito sostíbel a longo prazo para sempre e levamos as primeiras seis semanas deste ano agardando por algunha novidade sobre estas benditas incorporacións, que son un pé moi importante para arrincar o proxecto e a mediados de febreiro limos nos medios de comunicación que as incorporacións de 2025 vanse fusionar coas de 2026. Estamos agardando 40.000 euros que nos vai axudar a dar de comer a moita xente. E non vai poder ser posíbel. Imos ter que agardar un ano máis da nosa vida. Pode que nos rendamos e pode que non, non se sabe”, testemuña o labrego.

Pleno do Consello Agrario Galego
Na xuntanza do Pleno do Consello Agrario Galego no EGAP da Xunta de Galicia en Santiago de Compostela, á que asistiu a Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, María Ferreiro, canda as labregas e integrantes da Executiva Nacional do SLG-CCLL Isabel Vilalba, Xosé Manuel Parente e Xosé Manuel Calvo Rey, procedeuse á aprobación dun manifesto conxunto sobre a Política Agraria Común (PAC), que se remitirá á Comisión Europea, ao Goberno do Estado e ao Parlamento Europeo. Ademais, tratáronse outros puntos da orde do día, como a baixada dos prezos no sector lácteo -tema que denunciamos a comezos de mes nun comunicado, onde solicitabamos a intervención urxente da Consellería do Medio Rural ante as ameazas de baixas de prezo das industrias lácteas– e sobre a tramitación da PAC 2026 -asunto arredor do que dende o SLG tamén nos pronunciamos, advertindo que a obrigatoriedade de indicar o DNI das propietarias nas solicitudes vai supor a redución da superficie declarada-.

Postura do SLG ante o acordo da PAC
No día de onte dende o SLG reflectimos nun comunicado a postura da nosa organización ante o texto proposta na votación de hoxe, na que recolliamos que, ante o texto formulado e despois dos debates que se deron no grupo de traballo impulsado por petición do SLG-CC.LL analizamos que:
1- Actualmente o que temos enriba da mesa é unha proposta da Comisión Europea formada por membros do Partido Popular Europeo (PP) e os Socialdemócratas (PSOE) moi prexudicial para os intereses das granxas galegas e que comprometen a súa viabilidade no futuro próximo, non respondendo ás necesidade das mesmas. É, por tanto, un obxectivo do SLG-CC.LL mostrar en Europa un rexeitamento amplo das granxas galegas a esta proposta, darlle visibilidade á nosa situación particular e amosar o malestar xeral que esta xera. O texto debatido no grupo de traballo amosa o rexeitamento de todas as asinantes á proposta feita dende Bruxelas e pode axudar a modificar a postura da Comisión Europea, aínda así somos conscientes que este acordo só ten validez para mostrar o rexeitamento nesta fase de negociación onde se está a debater a nivel de Bruxelas sendo necesario profundar no futuro como imos desenvolver estes puntos aquí.
2- O texto recolle de forma xenérica algunha das demandas históricas do SLG-CC.LL e da Vía Campesina Europa (ECVC) como a recollida no punto 5 da mesma, abrindo a posibilidade de camiñar cara a unha PAC que estableza unha verdadeira axuda á renda xunto coa promoción e protección da actividade agraria e das persoas que realmente habitamos o territorio e producimos alimentos. Nestes primeiros momentos é, para nós, un paso importante que se recoñeza, a nivel global, que a PAC non protexe ás persoas produtoras de alimentos nin é, actualmente, un sistema vantaxoso para as nosas granxas. Este punto ábrenos a posibilidade no futuro de loitar porque os pagos ás granxas sexan unha verdadeira axuda á renda das persoas titulares e a PAC serva para garantir uns prezos dignos e unha renda digna, aínda así temos que ter claro que o texto proposto só é un inicio.
3- Por último, o texto formulado ábrenos a porta a traballar por acadar unha PAC onde os Estados e as rexións pesen máis nas decisións e como aplicar as políticas agrarias no seu territorio. O texto abre a posibilidade a que Galiza teña un maior peso en decidir como se aplica esa PAC no seu territorio.
4- Aínda entendendo que este acordo entre a Consellería do Medio Rural, SLG-CC.LL, UU.AA e ASAGA é coa idea de facer chegar o malestar do sector agrogandeiro galego á Comisión Europea, para o SLG-CC.LL é o punto de inicio que debe guiar a implantación da PAC no noso país, e polo tanto, asinar este texto para remitir á Comisión Europea e ao Goberno español, non é un cheque en branco para a Consellería do Medio Rural, senón que ten que ser un compromiso de seguir a desenvolver estes puntos que consideramos vantaxosos para as granxas galegas e que necesitan ser traballados para materializalos en cuestións reais que se trasladen as granxas. Polo tanto a nosa sinatura ante o presente acordo está supeditada a un compromiso en firme de que a Consellería do Medio Rural siga á traballar neste grupo de traballo e desenvolver as propostas iniciais en medidas concretas.

Resolución inmediata das axudas de incorporación e plans de mellora de 2025
A falta de resolución das axudas de incorporación e plans de mellora de 2025 “supón unha indefensión para as persoas que solicitaron no ano 2025 e que en moitos casos iniciaron a súa actividade e con esta manobra incrementan a súa incerteza até un ano máis sen saber se van a recibir esta axuda ou si se van poder incorporar”, engadiu o Secretario de Acción Sindical do Sindicato Labrego Galego o apicultor mozo Brais Álvarez.
Dende a nosa organización preguntámonos que vai pasar con todas as persoas labregas que pediron a incorporación en 2025, están comprometendo a vida de moitas persoas, gandeiras, agricultoras, produtoras que organizaron a súa vida contando con esa axuda, que xa fixeron investimentos, que tivemos que coller a granxa por xubilación, etc. Amosamos a nosa preocupación polo que pode pasar no futuro, que as persoas que solicitaron en 2025 se atopen con impedimentos para poder solicitar en 2026, que non se cumpran os requisitos, etc. Non podemos concibir que as persoas que queren apostar por un proxecto no rural teñan que estar dous anos agardando a que se resolva unha convocatoria, cando nalgúns casos xa se incorporaron ou fixeron investimentos contando con ela. Polo que esta mañá concentrámonos diante das portas da Xunta para pedir de maneira urxente que se resolva a convocatoria de 2025.

Solicitamos unha convocatoria específica no 2026
Ademais, dende a nosa organización solicitamos que, no caso de que non chegue o orzamento previsto pola Consellería do Medio Rural para tratar esta cuestión, que se faga unha convocatoria específica no ano 2026 para as persoas que queden fóra da resolución de 2025 por criterios de prioridade, garantindo as condicións de 2025.
Nese senso, preguntámonos que pasará co presuposto destinado ás axudas, xa que tendo en conta que o ano pasado cun orzamento de 30,5 millóns de euros non foron suficientes para cubrir a totalidade das solicitudes, que acontecerá agora cos 53 millóns cos que se pretende cubrir dúas convocatorias. Cantas máis quedarán fóra?
