Baixo os lemas “Convocatoria do Consello Agrario Galego XA!; Medidas eficaces contra a epidemia; Onde está o grupo de traballo alerta tempera?; U-la Conselleira?; Conselleira Antidemocrática, non atende nin escoita as labregas”, esiximos á Consellería do Medio Rural que cumpra as súas promesas e atenda as labregas de Galiza.
Amosamos a nosa preocupación pola nova Política Agraria Común (PAC) e por doenzas que atentan contra as granxas das labregas da Galiza, como a Dermatose Nodular Contaxiosa, cuxos primeiros casos se detectaron recentemente no Estado español. A súa detección suporá o sacrificio de todos os animais da granxa.
Galiza, 14 de outubro de 2025. Hai unha semana, o pasado 7 de outubro, dende o Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas esixiámoslle á Consellería do Medio Rural (CMR) a convocatoria inmediata do Consello Agrario Galego, tras a promesa que nos fixo -e que aínda non cumpriu- o pasado 29 de xullo de que ía convocalo para o mes de setembro. Hoxe, 14 de outubro, lanzamos unha campaña protagonizada polas labregas e os labregos do Sindicato Labrego Galego demandándolle actuacións inmediatas á CMR baixo os lemas: Convocatoria do Consello Agrario Galego XA!, Medidas eficaces contra a epidemia, Onde está o grupo de traballo alerta tempera?, U-la Conselleira?, Conselleira Antidemocrática, non atende nin escoita as labregas.

“Os días van pasando e seguimos sen ter novas por parte da Consellería do Medio Rural do Consello Agrario que xa nos prometera a propia conselleira e tamén o fixo de xeito público, a finais do pasado mes de xullo”, afirma Brais Álvarez, apicultor e membro da Executiva Nacional do Sindicato Labrego. Álvarez acudiu, canda Xosé María García, integrante da Executiva Nacional do SLG e labrego, á reunión convocada pola Consellería do Medio Rural o pasado 29 de xullo en Santiago de Compostela para abordar os Impactos da Futura PAC 2028-2034. Xuntanza á que nos citaron dende a Consellería logo de que o SLG lle solicitara nun escrito -con datación do 21 de xullo-, a convocatoria urxente do Pleno do Consello Agrario Galego para tratar a proposta da nova PAC e crear unha comisión de traballo para termos voz nas decisións que se tomen dende Europa. Esta petición tivo lugar logo de que a Xunta de Galicia anunciara -o pasado 18 de xullo- que ía convocar a todos os axentes do sector primario para facer fronte común diante das novas políticas europeas para o rural e o mar.
“Naquel momento a intención da convocatoria deste Consello Agrario era tratar a realidade da nova PAC e ver como enfocabamos dende Galiza a negociación desta nova PAC. Pero xa non só é que non a convocara para tratar este tema, senón que dende aquel momento a realidade do sector foi mudando e agora mesmo temos unha situación altamente preocupante ás portas de entrar nas nosas granxas -esperemos que non- como pode ser a chegada a Galiza da Dermatose Nodular Contaxiosa”, indica.
Por iso, dende o SLG estamos realizando diversas asembleas informativas por diferentes puntos de Galiza para informar ás labregas e aos labregos destas cuestións que están a poñer en perigo o noso medio rural.

Trátase dunha enfermidade moi grave de categoría A, que afecta ao gando bovino e foi detectada na Unión Europea. Recentemente detectáronse os primeiros casos do Estado español en Catalunya. Dende o Sindicato Labrego Galego amosamos a nosa preocupación ante esta doenza e as consecuencias que pode supoñer a súa chegada a Galiza. Pedimos actuación inmediata por parte da Consellería do Medio Rural. “Parécenos un tema altamente preocupante e unha situación de moita indefensión para as granxas”, confesa Brais Álvarez.
Dende a nosa organización non podemos entender que, ante esta situación, a conselleira non contactase coas organizacións agrarias máis representativas do sector para ver como se vai enfocar esta ameaza que teñen as granxas galegas. “É unha ameaza real altamente preocupante, como a propia conselleira recoñece co envío desta fin de semana dunha carta ás gandeiras e gandeiros galegos, onde se fala de que a detección desta enfermidade nalgunha granxa suporá, por motivos obvios, o sacrificio inmediato de todos os animais da granxa e a destrución dos produtos presentes que puideran estar contaminados. É dicir, estamos ante a ameaza dunha gravísima enfermidade”, engade.
No Sindicato Labrego Galego defendemos que neste momento debe primar a prevención antes de que comecen a chegar os primeiros casos a Galiza. “Por iso demandamos que a Consellería do Medio Rural convoque xa o Consello Agrario para tratar estes temas que realmente preocupan ao sector primario e deixe de mandar cartas que tratan ás veces incluso de lanzar balóns fóra dicíndonos cales son as nosas obrigacións sen dicirnos como a Xunta de Galicia vai poñer todos os medios dispoñíbeis para que esta enfermidade non chegue a Galiza”, sinala o representante do Sindicato Labrego.
Neste momento cómpre prestar atención tanto á nova PAC como á Dermatose Nodular Contaxiosa, temas de vital importancia para o sector primario que deberán ser debatidos no Consello Agrario Galego. “A Consellería segue sen escoitar ao sector, escoita a quen el considera”, afirma Álvarez. “Teremos que estudar outras vías e ver como podemos facer para que a voz das labregas e dos labregos do país se escoite”, acredita Álvarez.
