08/03/2021
As labregas afrontamos en folga o 8 de marzo constatando o empeoramento da igualdade no agro e no rural
Este 8 de marzo de 2021, a labregas do SLG tamén apoiaremos a folga feminista. Hai un ano da última folga de mulleres e para as labregas, en cuestión de igualdade, a situación segue indo a peor. Seguimos sendo ese factor invisible que sostén o mundo rural co noso traballo nas granxas, cos nosos coidados ás persoas maiores e á rapazada. Porén, a maioría de nós segue sen ver recoñecida esta contribución á hora de adquirir algún tipo de compensación ou dereito como a maioría das traballadoras:
- É indignante que levemos xa varios anos coa cifra de tan só 18 labregas que se deron de alta como cotitulares das explotacións nas que traballan, cando as estimacións apuntan a que deben ser unhas 35.000 as mulleres galegas que traballan na granxa familiar sendo unicamente o cónxuxe varón o titular da mesma.
- É indignante que, como consecuencia directa desta invisibilización do traballo do meirande das labregas, apenas o 5% das que chegan a cotizar acadan unha pensión íntegra fronte ao 80% dos homes.
- É indignante que nas cooperativas, segundo datos da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca), sendo mulleres o 46% das persoas socias, a presenza feminina se reduza a un 16% nos consellos reitores e a un 6% nas presidencias.
- É indignante que, a nivel estatal, as mulleres cobren só o 27,5% das axudas directas da PAC ou o 26,35% das de desenvolvemento rural. Ademais, a contía das axudas da PAC son menores nas mulleres que nos homes. Se analizamos o caso galego, hai máis mulleres que cobren axudas que homes. Das 27.357 persoas beneficiarias, o 43,17% eran homes e o 56,82% mulleres; porén, a axuda media da PAC que cobran os homes na Galiza é de 9.736 €, mentres que a axuda media das mulleres redúcese a 4.106 €. Isto é así porque as axudas da PAC non están deseñadas con perspectiva de xénero e non contemplan que a maioría das explotacións rexentadas por mulleres adoitan basearse en producións alternativas, normalmente menos dimensionadas, pero perfectamente viables, creadoras de riqueza e emprego no rural e produtoras de alimentos de calidade. Porén, Bruxelas déixaas fóra dos seus apoios públicos ao agro.
- É indignante ver como seguen a pecharse servizos públicos esenciais no rural, como escolas ou centros médicos, cuxa ausencia sempre repercute negativamente na xornada laboral das mulleres por sermos nós, decotío, as que asumimos as tarefas familiares relacionadas coa saúde e os coidados da rapazada e das persoas maiores.
- É indignante que, en troques de mellorar o noso sistema sanitario reforzando e aumentando os centros médicos rurais en vez de pechalos, a Xunta saque da manga unha Lei de Saúde que o único que fai é restrinxir aínda máis os nosos dereitos fundamentais e liberdades, abondo recortados polo estado de alarma, e substituír os coidados pola represión e o medo.
- É indignante comprobar que, ao tempo que pechan servizos esenciais para nós no rural, a Xunta planifica o reparto de centos de millóns de euros dos Fondos Next Generation entre unhas poucas empresas amigas, sen destinar nin un céntimo a financiar solucións ás desigualdades que sufrimos as labregas e as mulleres do rural: nin un céntimo para servizos de coidados e de saúde preto da casa, nin un céntimo a achegar a educación e a cultura ás aldeas, nin un céntimo para impulsar a titularidade compartida, nin un céntimo para reducir a fenda salarial ou das pensións, nin un céntimo para apoiar especificamente o labor profesional das labregas, nin un céntimo para socorrer ás mulleres que sofren violencia en soidade no rural.
- Coma todos os anos, debemos repetirnos ao dicir que sobran motivos para expresar a nosa indignación apoiando a folga do 8 de marzo, que sobran motivos por unha igualdade no rural e nas granxas que está ben lonxe de chegar. Sen dúbida, dende as diversas administracións e dende todas as ideoloxías partidistas, hoxe lembraranse moito de nós, pero mañá volveremos ser as grandes esquecidas Por iso, as traballadoras do SLG e as labregas participaremos activamente nos actos de protesta e manifestacións que se realizarán por toda Galiza durante a xornada de hoxe e non acudiremos aos nosos postos de traballo.
Ademais da folga deste 8 de marzo, a Secretaría das Mulleres do SLG organizou o seu XVI Encontro Anual para o mércores 10 de marzo na Casa da Terra (Antas de Ulla). Nesta xuntanza, que desta vez terá un aforo reducido en respecto aos protocolos sanitarios da Covid, un dos temas de debate e análise será, precisamente, se as políticas públicas, incluída a PAC, coidan ou descoidan as mulleres labregas.