
30/04/2024
Aportacións do SLG e a CEVC ao Consello de Agricultura e Pesca da UE para promover a transición agroecolóxica
Isabel Vilalba compila nunha carta dirixida ao ministro Planas medidas específicas para fortalecer a produción de alimentos. A UE perde 700 persoas labregas ao día e o 57,6% ten máis de 55 anos. Precisamos máis poder regulador na PAC e menos na OMC
Isabel Vilalba Seivane, Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), organización integrada na Coordenadora Europea da Vía Campesina Internacional (CEVC), dirixiu unha carta ao Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas Puchades, con contribucións do SLG-CCLL ao Consello de Ministros de Agricultura e Pesca celebrado na xornada de onte en Luxemburgo. [CARTA ADXUNTA]
As achegas, subscritas polo conxunto de organizacións da CEVC, versaron sobre dous aspectos de especial relevancia para as labregas e labregos galegos: o debate xurdido ao respecto do estudo do Comité Común de Investigación (CCI) sobre o impacto económico acumulativo dos tratados de libre comercio (TCL) na agricultura da UE e a evolución en torno á visión do futuro da PAC e ao diálogo estratéxico sobre o futuro da agricultura europea.
No primeiro destes puntos, o SLG-CCLL chama a atención sobre o feito de que o estudo do CCI conclúa que “o análise confirma que o programa comercial da UE ten o potencial de ser beneficioso para o sector agroalimentario da UE”, malia non ter sido estudado en profundidade o impacto específico sobre os agricultores e agricultoras e non estar presente nas conclusións. De feito, o propio Comisario europeo da DG AGRI, Wojciechowski declarou, durante a última reunión informal do Consello celebrada en Genk o 9 de abril, que as persoas agricultoras europeas foron as perdedoras no proceso de liberalización comercial.
“Observamos que as políticas agrícolas actuais baseadas na OMC e nos TLC provocaron perdas de emprego no sector agrícola. Se a tendencia actual continúa, a Unión Europea perderá 700 labregos e labregas por día ata 2040, ao que hai que engadir que máis da metade das produtoras europeas de alimentos teñen máis de 55 anos. Isto é unha contradición co principio de cohesión territorial da Unión Europea, porque as granxas manteñen o dinamismo das rexións rurais creando emprego en zonas estruturalmente desatendidas. A presenza de granxas é fundamental para evitar o despoboamento das zonas rurais. [...] A garantía do dereito fundamental á alimentación para toda a poboación non pode estar suxeita á especulación que se produce nos mercados globalizados baseados na OMC e os TLC”, advirte a Secretaria Xeral do SLG.
Para pór fin á esta tendencia cómpren, canto menos, dúas actuacións da UE. En primeiro termo reforzar con urxencia a Directiva europea sobre prácticas comerciais desleais para garantir legalmente que os prezos sexan superiores aos nosos custos de produción. Habida conta da necesidade de adoptar medidas inmediatas, isto pódese facer engadindo un artigo sinxelo á directiva actual e adiando unha reforma máis fonda da Directiva que podería levarse a cabo máis tarde.
Paralelamente, poñer fin aos tratados de libre comercio que inclúan ao sector agrario, comezando polo final definitivo das negociacións do acordo UE-Mercosur. A UE debería promover a reforma do comercio agrícola, que se basearía no concepto de soberanía alimentaria (SA) tal e como se define no art. 15 da Declaración das Nacións Unidas sobre os dereitos dos campesiños e outras persoas que traballan no medio rural (UNDROP), garantindo o dereito das persoas e dos países á soberanía alimentaria e a un comercio que respecte que os prezos dos alimentos das importacións e das exportacións non sexan inferiores aos custes de produción.
En canto á actualización do futuro da PAC e do diálogo estratéxico, consideramos que a pesares do seu orzamento a PAC foi ineficaz durante as últimas décadas e acabou minando os seus propios obxectivos sociais e ambientais. No contexto da crise climática e da inestabilidade global, e con vistas á apertura da autonomía estratéxica, cómpre restablecer o papel enriquecedor dunha política agrícola e alimentaria común e a súa función de estabilización de prezos.
“Unha transición agrícola [cara un modelo agroecolóxico] será máis aceptada se as persoas produtoras saben que poden contar con prezos xustos e estables. Se estes prezos son a base da renda agraria, liberarase o orzamento da PAC para axudar ás granxas a avanzar cara formas de produción agroecolóxicas e máis sostibles e para apoiar as granxas situadas en rexións xeoclimáticas desfavorecidas, onde os custos de produción son máis elevados”, explica Isabel Vilalba.
Instamos, xa que logo, a unha reforma que debe permitir á Política Agraria Común (PAC), entre outros aspectos, recuperar o seu papel regulador do mercado. Canda esta transformación, unha condición para o mantemento da agricultura campesiña é un sistema de axuda específico e axeitado, baseado nun orzamento sólido e coherente, que permita unha transición dos nosos modelos agrarios mediante medidas relevantes a longo prazo e altas ambicións sociais e ambientais.
Reorientar as subvencións do primeiro piar da PAC, primando a transición agroecolóxica e sostible; pagos decrecentes calculados en función do número de persoas que traballan nunha explotación e non por hectárea; fomentar a instalación de mozos e mozas; nas zonas desfavorecidas, que as subvencións orientadas á produción cubran os maiores custos de produción vinculados a desvantaxes naturais e estruturais; apoio a prácticas agroecolóxicas e sustentables; apoio á transición cara prácticas agroecolóxicas e a activación de axudas á renda para produtos en sectores deficitarios son algunhas das medidas específicas propostas ao Consello Europeo de Ministros/as de Agricultura e Pesca.
Aliás, no documento dirixido ao ministro Planas, o Sindicato Labrego Galego recalca a pertinencia de centrar a política de desenvolvemento rural no (re)desenvolvemento da transformación artesanal descentralizada de alimentos e das cadeas de valor territoriais, así como na diversificación das explotacións agrarias, o fortalecemento dos grupos de produtores e produtoras e a igualdade de xénero.