28/02/2023
Apoio ao activista social Miguel Abraira na súa folga de fame para denunciar o bloqueo do concello de Miño
Ao contrario da celeridade para facilitar megaurbanizacións, o Concello mantén bloqueada a solicitude de Abraira dende o 2019. Este sábado 4 participaremos na concentración de apoio que terá lugar ás 20h. diante da Delegación do Goberno (A Coruña)
Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) queremos trasladar a nosa solidariedade e apoio ao activista Miguel Abraira, compañeiro co que o SLG ten compartido moitas loitas sociais a favor da maioría da poboación, arestora en folga de fame dende o pasado 25 de febreiro para denunciar o bloqueo administrativo ao que o está sometendo o concello de Miño.
Un medio rural vivo precisa de iniciativas económicas que permitan asentar poboación nestas áreas, e de xeito diferenciado naquelas zonas especialmente deprimidas, como é o caso da parroquia de Callobre, no archiurbanizado concello de Miño, abondo coñecido por facilitar en determinadas zonas unha edificación masiva de vivendas que non se están a corresponder ca demanda de habitabilidade, ficando baleiras.
Fronte ás facilidades e celeridade ca que o Concello tramita estas construcións chegadas de poderosas promotoras como Fadesa, comprometendo incluso as arcas públicas consentindo condicións de contratación abusivas que van na contra dos intereses dos propios habitantes de Miño, Miguel Anxo Abraira leva dende o ano 2019 agardando pola activación dunha licencia urbanística no lugar da Pousadoira, parroquia de Callobre, que lle permita ter unha vivenda no mesmo lugar onde leva varios anos desenvolvendo a súa actividade productiva a través dun obradoiro de transformación de alimentos.
Este vindeiro sábado 4 de marzo o Sindicato Labrego Galego participará na concentración de apoio que terá lugar ás 20h. diante da Delegación do Goberno, e secundará aquelas iniciativas que se propoñan para denunciar este caso de discriminación e esixir ás administracións públicas o cumprimento dos prazos de tramitación.