
07/03/2024
Anos de deficiencias na execución das políticas da CMR lastran a viabilidade das granxas galegas
Esiximos que a CMR publique xa a orde que regula as axudas da PAC 2024 e abra prazo para novas solicitudes de agroambientais. Denunciamos o abandono de responsabilidades da CMR á hora de buscar unha correcta aplicación da PAC á realidade galega
Brais Álvarez, apicultor e membro da Executiva Nacional do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL); Ana Rodríguez, gandeira e economista especializada en políticas agrarias no SLG-CCLL e María Ferreiro, gandeira e responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG, denunciaron esta mañá en rolda de prensa en Santiago de Compostela as dificultades que están a afrontar as granxas galegas por mor das continuas deficiencias na planificación da Consellaría do Medio Rural, así como polo abandono da súa responsabilidade como institución galega interlocutora co Ministerio de Agricultura.
Dende o Sindicato Labrego levamos moito tempo denunciando a parálise e o desmantelamento sistemático que está a sufrir a Consellería de Medio Rural baixo a xestión do conselleiro José González Vázquez, situación que está influíndo negativamente en todas as granxas do país comprometendo seriamente a viabilidade de centos delas. Exemplos sonados foron a denegación da maioría das axudas á agricultura ecolóxica ou a discriminación das pequenas granxas das axudas habilitadas por mor da COVID-19 -recurrida xudicialmente polo SLG conseguindo que se ditaminara a obriga de subsanar esta discriminación, fallo xudicial que a CMR estase negando a cumprir-.
Centrándonos en exemplos recentes, vai a xogo con estas eivas o feito de que as solicitudes de incorporación de persoas mozas realizadas no 2023 foran resoltas xa entrado o 2024; ou que o mesmo ocorrera coas axudas de todas as agroambientais da PAC, solicitadas antes de xullo do ano pasado pero publicada a súa resolución inda fai catro días. Peor acontece cos ecorreximes do 2023, que a día de hoxe non cobrou ningunha persoa labrega deste país; e na mesma liña vai o feito de que a 7 de marzo un considerable número de granxas non teña percibido absolutamente nada polos dereitos a Axuda Básica á Renda para a Sostenibilidade (ABRS), malia seren uns pagos que tradicionalmente se realizaban en decembro. A propia Consellaría recoñeceu que estes atrasos debíanse a unha mala planificación de medios humanos e materiais para a súa correcta tramitación.
Persistindo neste abandono, parece ser que a Consellaría está valorando non abrir prazo para novas solicitudes de pagos agroambientais, ecolóxicos, etc. Estas axudas son para o período 2024-2027, polo que non activalas este ano sería un importante agravio comparativo cas que si solicitaron no 2023, ademais de deixar sen apoio a aquelas granxas que por exemplo queran facer unha transición a ecolóxico. Neste sentido, esiximos á CMR que publique con carácter inmediato a Orde que regula as axudas da PAC 2024 e, dentro da mesma, habilite novas solicitudes de axudas agroambientais dotándoas do orzamento correspondente.
Dende o Sindicato Labrego Galego preocúpanos que as demoras, a falla de transparencia e, en xeral, a neglixencia sistematizada no desenvolvemento das políticas agrarias, se teñan enquistado no equipo liderado polo conselleiro José González Vázquez, e xa estamos a ver vir o seguinte problema: a nova Orde de axudas de incorporación e plans de mellora, sacada ás presas durante a campaña electoral e que á hora de ser aplicada estamos a detectar que está incompleta e xera inseguridade xurídica para moitas das persoas que queren solicitala. Ante esta nova metedura de zoca, nunha mostra máis de falta de transparencia, a Consellaría está “parcheando” dando instrucións internas ao persoal funcionario, criterios que ao non seren publicados sitúannos nunha situación de indefensión como produtoras e como organizacións agrarias.
Cuestións como a aplicación a granxas en ecolóxico de criterios de limitación de axudas para as granxas intensivas -por exemplo no relativo aos invernadoiros-, as altas posibilidades de que o aumento da cantidade a percibir nos plans de mellora e os criterios de puntuación teñan como consecuencia que estas axudas sexan totalmente insuficientes e que se quede moita xente fóra ou, xa mesmo no referido á xestión técnica desta Orde, que a aplicación informática MELLES habilitada para a súa xestión siga presentando fallos, debuxan un escenario sensiblemente problemático para as produtoras e produtores de alimentos no noso país.
Unha vez máis pedimos á Consellaría do Medio Rural que solucione os seus continuos problemas de funcionamento, e no caso concreto da Orde de incorporación sexan publicadas as pertinentes correccións e aclaracións, aumentando asemade a partida orzamentaria para garantir que ninguén vaia quedar fóra da mesma por falta de fondos, como xa sucedeu no ano 2022 ca exclusión de 74 persoas mozas cumprían tódolos requisitos para a incorporación e non percibiron a axuda.
Solicitamos tamén que sexa ampliado o prazo de solicitude de forma oficial, e se proceda a subsanar as constantes incidencias técnicas da aplicación MELLES.
Esta mesma deixadez neglixente para con un sector social e económicamente tan importante como é o produtor de alimentos estámolo a padecer tamén con respecto á Política Agraria Común (PAC). A Consellaría renuncia a ser interlocutora co Ministerio para asegurar que a PAC teña unha aplicación coherente ca realidade galega. A día de hoxe estanse modificando reais decretos que teñen que ver coa ordenación do bovino, coa nutrición sostible dos solos agrarios, coa Lei da Cadea Alimentaria... Modificacións moi importantes para o sector pero que, ao non existir ningunha vontade de diálogo por parte da nosa propia Consellaría, non van contar cos aportes e solicitudes do sector primario galego.
Unha das cuestións máis importantes que se están a negociar é o Real Decreto de Nutrición Sostible dos Solos Agrarios, o que en Galicia coñecemos como o Real Decreto dos Puríns. No resto do Estado é un Real Decreto que non lles preocupa o máis mínimo. Por que? Pois porque a maioría son agricultores e agricultoras que fertilizan con fertilizantes químicos. Pero a realidade galega é outra, aquí hai moitas gandarías de carácter familiar, que non son capaces de cumprir este Real Decreto en cuestións como a maquinaria a introducir, o plan de abonado, o plan de fertilización, o asesor de fertilización, etc.
Dende o SLG imos presentar as nosas alegacións para que so Ministerio as teña en conta, pero é unha carencia patente non saber que presentou a Consellaría, se é que presentou algo.
Outra cuestión de incomprensión da nosa realidade por mor da falta de comunicación entre a Consellaría e o Ministerio atinxe aos ecorreximes. Galicia é unha das comunidades autónomas que menos expedientes de ecorexime presentou e, dentro deses expedientes, das que menos hectáreas presentou. Porén, o Ministerio di que a única información que ten ao respecto é sobre os problemas de aplicación dos ecorreximes nas zonas áridas. Xa que logo, a Consellaría do Medio Rural da Xunta de Galicia tampouco lles debeu trasladar información neste sentido.
É totalmente intolerábel que tendo o peso que ten no noso país o sector primario, sendo por exemplo as principais produtoras en leite, a pouca calidade da representación da CMR provoque que sexamos unha comunidade autónoma que apenas é tomada en conta nas prioridades do Ministerio da Agricultura.