Logo50

21/09/2023

Aniversario do SLG-CCLL: 50 Anos construíndo futuro loitando pola Soberanía Alimentaria

O SLG-CCLL celebrará o seu cincuenta aniversario cun evento festivo e reivindicativo que terá lugar este sábado en Encrobas. Con motivo do 50 aniversario o SLG-CCLL lanza unha publicación na que se recollen fitos históricos da loita sindical agraria galega

Este ano celebramos o cincuenta aniversario do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), fundado no ano 1973 logo de varios anos de actividade na clandestinidade.

Encrobas, escenario dunha das loitas sindicais agrarias históricas do Sindicato, acollerá o vindeiro sábado 26 de setembro un acto conmemorativo que reunirá a máis de trescentas persoas nunha xornada que terá como eixo vertebrador a historia sindical da nosa organización, a través de palestras, música, festa e, como non podía ser doutro xeito, alimentos labregos. Tamén se agasallará ás persoas asistentes unha publicación realizada con motivo deste aniversario, na que se compilan algunhas das principais loitas sindicais destes 50 anos.

Ás 11.30h., o primeiro Secretario Xeral do SLG-CCLL, Bernardo Fernández Requeixo, encetará o acto, que continuará cas intervencións do membro dos Comités de Axuda á Loita Labrega (CALL) dende o ano 1975 e colaborador do Sindicato até a actualidade Xoán Carlos Carreira Pérez, Calín; a Secretaria Xeral durante o período 1989-2007, Lídia Senra; a actual responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG-CCLL, María Ferreiro e o apicultor e membro da Executiva Nacional Brais Álvarez. Pecharán esta parte do evento Vítor Rodrigues en representación de La Vía Campesina Internaciona e a actual Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba.

As Pandereteiras das Encrobas serán as encargadas de amenizar a sesión verque terá lugar antes dun xantar elaborado con alimentos labregos fornecido pola cooperativa agroecolóxica “Con o xeito de Gaia”.

Ás 17h. retomaremos as actividades para xuntarnos, analizar e pór en común experiencias da loita labrega, desde a defensa do territorio até a propia defensa da produción de alimentos. A gandeira lucense María Osorio, a horticultora de Encrobas María Pardo; a vicerresponsábel de Sectores Vexetais, Belén Fervenza; o responsábel do sector vacún de carne, Samuel Formoso, e o responsábel do sector leiteiro, Manuel Villaverde, farán parte deste espazo de coloquio e mesa redonda.

A derradeira parte desta xornada conmemorativa dará comezo a partires das 19h. cunha queimada e o recital do Himno das Comisións Labregas. A formación musical “Tres pés para un Suso”, que interpreta pezas de Suso Vaamonde, será a encargada de pechar con música, sentimento e reivindicación esta emocionante xornada na que celebraremos e poremos en valor que o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas leva cincuenta anos construíndo futuro loitando pola soberanía alimentaria do pobo galego.