12/07/2024
Ameazas de baixada de ata 3ct/l nas ofertas de contratos do leite rompendo a barreira dos 40ct/l
Solicitamos á Consellaría do Medio Rural e ao Ministerio de Agricultura a supervisión do cumprimento da Lei da Cadea. Instamos á administración galega e estatal a anticiparse á baixada de prezo que acompaña a baixada de consumo estival
Atopámonos en período de renovación de contratos no sector lácteo e, malia que as poxas a nivel europeo están subindo o prezo, as ofertas das industrias ás gandeiras e gandeiros galegos son á baixa, situándose a maioría delas nunha marxe que vai dende 1 a 3 ct. menos por litro a aplicar sobre o prezo base vixente antes da renovación, que se sitúa nuns 40/41ct/l de media.
Efectivamente, este descenso vai supor baixar da barreira dos 40ct/l, que non só é psicolóxica, senón que á vista de precedentes pasados vai dar pé a situacións como que nas áreas comerciais haxa leite a 80 ou 70 céntimos, implicando non só unha perda de valor do produto nas granxas, senón repercutindo en distintos elos da cadea.
Neste momento a maior parte das ofertas que veñen á baixa son as das multinacionais, como Lactalis, e outras industrias que teñen capital autóctono.
No tocante ás industrias máis novas, como Inleit, que se adican maiormente a producir proteínas lácteas e son significativamente apoiadas pola Xunta de Galicia, condicionan ao sector produtor cun comportamento intestábel no tocante aos prezos, ás expensas das oscilacións de mercado. Así que como neste momento estamos en época estival, onde tradicionalmente se produce un descenso do consumo de produtos lácteos, tamén están tentando colocar contratos á baixa. Neste senso resulta salientábel que sexan precisamente algunhas das empresas que obteñen máis financiamento público, como Lactalis, Leite Río ou Inleit, as que estean tirando dos prezos á baixa.
Para afrontar este novo abuso das industrias lácteas, dende as institucións públicas pódese -e débese- facer bastante máis que “pedirlles” que non baixen os prezos, como fixo a Conselleira do Medio Rural, María José Gómez, o mes pasado -conselleira á que por certo non temos aínda o pracer de coñecer persoalmente malia termos solicitado unha xuntanza aos poucos días do seu nomeamento- . O propio Director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, ten adxudicado noutros tempos melloras no prezo do leite ás actuacións desenvolvidas pola Xunta de Galicia... Mesmo xusto o pasado mércores 10 de xullo, a conselleira, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, mantiveron unha reunión con representantes da Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil) para abordar vías de colaboración a prol da estabilidade do sector lácteo galego, durante a cal a conselleira pediu ás industrias lácteas estabilidade no prezo e que se reduza o diferencial con outras comunidades autónomas. Mais non serve con “pedir” de boas intencións. O sector lácteo precisa solucións reais.
Como xa fixemos a principios do mes de xuño, dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas instamos á Consellaría do Medio Rural e ao Ministerio de Agricultura a investigar a existencia dun posíbel incumprimento da Lei da Cadea, na medida na que se está a producir unha clara desvalorización do leite que afecta a distintos axentes dentro da mesma, con especial incidencia no elo máis feble: as granxas. Neste momento as gandarías galegas seguen estando por embaixo dos prezos pagados en Catalunya, Castela, Andalucía...
Por outra banda, dado que tradicionalmente o verano adoita ser un momento delicado no consumo do lácteos -vinculado ao peche de escolas, cambio de hábitos cotiáns ou á propia alza de temperaturas-, consideramos que sería importante que a Administración pública se anticipase a esta tendencia implementando medidas que palien as súas consecuencias no sector, entre elas a baixada de prezos ás gandeiras e gandeiros.