Para conmemorar este día en Galiza, organizamos o 17 e 18 de abril no Mercado da Reserva da Biosfera de Allariz un evento que contará con foliada, palestras e coa exposición da Declaración dos Dereitos Labregos e doutras Persoas que Traballan nas Zonas Rurais (UNDROP).
Tres décadas despois, a impunidade do masacre de Eldorado do Carajás é unha ferida aberta, sen que se fixese xustiza.
Advertimos que a ofensiva capitalista e neocolonial non se limita á violencia directa: as políticas comerciais neoliberais tamén son mortais para a vida rural. Os Tratados de Libre Comercio como o de Mercosur coa Unión Europea e outros, son instrumentos de sometemento que desmantelan a soberanía nacional para favorecer ás transnacionais.
Galiza, 17 de abril de 2026. Hoxe é 17 de abril, Día Internacional da Loita Labrega. Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas e a Vía Campesina -movemento internacional da que o SLG fai parte- mobilizámonos para conmemorar os 30 anos do Masacre de Eldorado do Carajás, cando en 1996, 21 persoas labregas sen terra foron asasinadas pola Policía Militar no Brasil mentres ocupaban terras como acción lexítima dentro da loita pola reforma agraria. A partir deste feito naceu o Día Internacional das Loitas Labregas.
Durante 30 anos mantivemos este día de acción fronte á violencia que persiste nos nosos territorios. Reafirmamos que a Reforma Agraria é indispensábel para sociedades xustas, promovendo a democratización da terra, a Soberanía Alimentaria e enfrontando a extrema concentración da propiedade da terra no mundo. O legado de quen nos precedeu é a base dunha loita que non pode deterse, ante a violencia, o neocolonialismo e o agronegocio que continúan avanzando, militarizando as comunidades rurais e Pobos Indíxenas, restrinxindo o acceso á terra e atacando os nosos modos de vida e organización colectiva.
Xornada en Allariz
Para conmemorar este día en Galiza, organizamos o 17 e 18 de abril no Mercado da Reserva da Biosfera de Allariz un evento que contará con foliada, palestras e coa exposición da Declaración dos Dereitos Labregos e doutras Persoas que Traballan nas Zonas Rurais (UNDROP). Hoxe, 17 de abril, terá lugar unha foliada polos dereitos das persoas labregas dende as 19:30h até as 23:00h no Mercado da Reserva da Biosfera de Allariz. Mañá, sábado 18, ás 11:30h inaugurarase a exposición da Declaración dos Dereitos Labregos e doutras Persoas que Traballan nas Zonas Rurais (UNDROP) na praza de abastos de Allariz, dando continuidade á quenda das palestras, que acontecerán ás 12h no mesmo espazo. Nelas contaremos con Begoña de Bernardo Miño, enxeñeira agrónoma, presidenta da asociación Véspera de nada e membro da Rede de decrecemento de Galicia, que falará do decrecemento dende a conxuntura actual. A continuación, coñeceremos os tratados de libre comercio que poñen en risco a nosa alimentación local da man de María Ferreiro, gandeira e Secretaria Xeral do SLG. As intervencións pecharase coa ‘Resposta: o modelo labrego que aposta pola Soberanía Alimentaria’, con Xosé María García, labrego e Secretario de Agroecoloxía do SLG.
Contexto actual
A actual administración estadounidense intensificou a súa ofensiva imperialista, promovendo o avance do neofascismo en todas as rexións do mundo, ameazando a paz e a autodeterminación dos nosos pobos. Xunto co seu aliado Israel, libran unha campaña neocolonial que mantén en albas a Irán e a outros países da rexión árabe. Enfrontámonos a un sistema en decadencia que, a través dos seus gobernos e no seu afán por manter o seu poder económico transnacional, vólvese cada vez máis violento e brutal. Tres décadas despois, a impunidade do masacre de Eldorado do Carajás é unha ferida aberta, sen que se fixese xustiza. Na recentemente concluída II Conferencia Internacional sobre Reforma Agraria e Desenvolvemento Rural (CIRADR +20) en Cartaxena, Colombia, lembramos aos mártires de Eldorado do Carajás e de todo o mundo que foron e seguen sendo perseguidos, criminalizados “como terroristas” e asasinados polo defender a terra, a auga e os territorios.
Así mesmo, marcamos 30 anos dende que o movemento global A Vía Campesina internacionalizou as loitas pola Soberanía Alimentaria. Un dos nosos grandes logros foi integrar o dereito á Soberanía Alimentaria nas discusións e marcos políticos internacionais como a Declaración sobre Dereitos Labregos e doutras Persoas que Traballan nas Zonas Rurais (UNDROP) e a Declaración sobre os Pobos Indíxenas (UNDRIP).
Ano Internacional das Mulleres Agricultoras
Este ano tamén celebramos o Ano Internacional das Mulleres Agricultoras –tema centrar do XX Encontro da Secretaría das Mulleres no Sindicato Labrego Galego que celebramos o 7 o 8 de marzo en Pontevedra–, recoñecido pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), un momento histórico para recoñecer o papel vital das mulleres na produción de alimentos e a defensa dos seus territorios. É unha oportunidade para visibilizar o seu traballo, denunciar a violencia que enfrontan e loitar por políticas públicas que as apoien de xeito real.
Foros Globais Nyéléni
Tamén ao longo destes anos, organizamos tres Foros Globais Nyéléni (2007, 2015, e 2025), que uniron movementos sociais para enfrontar as crises múltiples que nos afectan, presentando unha fronte unida. Aínda que logramos avances conxuntos con movementos sociais, o sistema capitalista e colonial que reprime e desposúe aos nosos pobos continúa sen freo, permitindo o refugallo de terras, protexendo as elites e criminalizando a quen loita pola terra mediante leis e xudicialización selectiva e outras formas de persecución en Palestina, Congo, Perú, Líbano, Myanmar, Sudán, Honduras, Ecuador e outros territorios. Non veñen salvarnos nin a “restaurar a democracia”. Veñen roubar a terra que cultivamos, usando o mito colonial de “terra non usada” para entregar os nosos bens comúns ao agronegocio, envelenarnos con agrotóxicos, desprazar a agricultura labrega que produce alimentos saudábeis e agroecolóxicos, e transformar os nosos ecosistemas en activos especulativos para bancos e fondos de pensión.
Non aos Tratados de Libre Comercio!
Advertimos que a ofensiva capitalista e neocolonial non se limita á violencia directa: as políticas comerciais neoliberais tamén son mortais para a vida rural. Os Tratados de Libre Comercio (TLC), como o de Mercosur coa Unión Europea e outros, son instrumentos de sometemento que desmantelan a soberanía nacional para favorecer ás transnacionais. Rexeitamos que os alimentos sexan tratados como mercancía e o comercio como unha arma; esiximos que os aranceis sexan ferramentas lexítimas para protexer ás pequenas persoas produtoras do dumping e non pancas de coacción xeopolítica manexadas polo poder imperial.
