29/09/2024
Alfonso Rueda abandona a Ribeira Sacra pola porta de atrás ante a mobilización das viticultoras/es
O Sindicato Labrego convocou concentración hoxe diante do Hotel Pazo de Sober onde o Presidente da Xunta estaba de retiro. Rexistramos unha carta dirixida a Alfonso Rueda reiterando a necesidade de medidas reais para salvar a Ribeira Sacra
Fronte á inoperancia e rumbo errático da Consellaría do Medio Rural e, por extensión, do Goberno galego, hoxe o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) levou adiante unha concentración diante do Pazo de Sober, establecemento ao que o Presidente Rueda argumentou acudir para reflexionar nas liñas da lexislatura. Segundo turistas alí aloxados, o ambiente do que os membros do Goberno dotaron a este establecemento o sábado pola noite foi intenso.
Ante a mobilización de viticultoras e viticultores ás portas do Pazo de Sober, esta mañá o presidente da Xunta optou por abandonar as instalacións pola porta de atrás, eludindo a principal desprezando ás persoas alí concentradas.
Canda esta concentración, o Sindicato Labrego Galego rexistrou hoxe unha carta na que lembramos a Alfonso Rueda que as medidas adoptadas pola Consellería de Medio Rural non son suficientes para garantir a continuidade das persoas traballando as viñas, sobre todo das poucas que temos que son agricultoras profesionais.
A destilación de crise chega tarde e non solucionou o problema dos depósitos cheos das adegas; e as axudas para o mantemento da paisaxe son moi necesarias, pero non van servir para as persoas que malvenderon as uvas ou para aquelas que as van deixar sen vendimar.
Para o Sindicato Labrego Galego, para este ano 2024, tería que terse establecido unha axuda para conservar as persoas viticultoras traballando no territorio, pagando por quilo de uva que quedara sen recoller. A estas alturas, pensamos que esta medida xa non ten sentido porque, insistimos, a maioría malvenderon a particulares ou meteron as uvas en cubas propias.
En calquera caso, o primeiro que hai que facer este ano é analizar os datos da vendima e saber como vai afectar máis adiante o que está pasando esta vendima da Denominación de Orixe, porque se non se ve futuro o abandono de viñedo vai ser moi importante.
Para o ano 2025 é necesario empezar a traballar xa, crear unha mesa de traballo entre todas as partes da D.O. e poñer enriba da mesa todas as opcións que podemos ter e ver cales poden ser mellores ou cales se poden realizar na Ribeira Sacra ou se se precisan todas. Sen viticultura é moi difícil que outras actividades como a turística se manteña dado que a promoción da zona faise en boa medida pola paisaxe, polo que a desaparición de socalcos en produción afecta moito máis alá do sector vitivinícola.
Propoñemos a creación xa da mesa de traballo na que estean presentes Consello Regulador, adegas, viticultoras e a Consellería de Medio Rural e falar, entre outras, das seguintes medidas :
Poda en verde e baixar rendementos.
Destilación de crisePrever axudas directas para as persoas viticultoras para o ano 2025.
Limitar plantacións.
Campaña de promoción importante diferenciando a DO Ribeira Sacra.
Mapa claro que permita coñecer con certeza os límites da DO.
Estamos nos últimos días de vendima na Denominación de Orixe Ribeira Sacra e uns 500 viticultores e viticultoras non tiveron adega que lles recollera a uva, polo que se viron na obriga de vender a prezos moi baixos a particulares ou elaborar viño para autoconsumo, no mellor do casos. Se non se actúa decontado, o entorno produtivo e paisaxístico da Ribeira Sacra, e o futuro das persoas que habitan este territorio, estará gravemente comprometido.