24/09/2024
Alertamos de significativas eivas na convocatoria de axudas para a EHE aprobadas onte polo Consello
A Secretaria Xeral do SLG dirixiu un escrito ao Director Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias da Consellaría do Medio Rural. As contías están vinculadas ao número de cabezas no censo, non ao de animais enfermos, discriminando as granxas máis afectadas
No Consello da Xunta que tivo lugar onte acordouse “apoiar aos gandeiros con axudas directas para paliar as consecuencias da enfermidade hemorráxica epizoótica, dotada con máis de 5,4 millóns de euros”.
Ante este anuncio, a Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego dirixiu hoxe un escrito ao Director Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias da Consellaría do Medio Rural (CMR), Silvestre José Balseiros, trasladando una serie de eivas respecto da aplicación real desta medida, identificadas polo SLG.
Para comezar, descoñecemos tanto o criterio que se vai seguir para considerar unha gandaría afectada pola EHE como o importe da indemnización por morte para animais maiores de 4 meses e menores de 18, e para os animais maiores de 120 meses, xa que no publicado so se dá a vaga estimación de que poden chegar a 1.600€ e que os menores de catro meses cobrarán 400 euros. Cabe lembrar que dende o Sindicato Labrego Galego xa fai meses que trasladamos á CMR que o montante das perdas económicas nas granxas por mor do gando que enferma e o custe dos tratamentos superan os 400€ por vaca, moi lonxe dos 20€ anunciados na axuda.
Por outra banda, ademais dunha xuntanza ca Consellaría para abordar as consecuencias Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), o Sindicato Labrego Galego leva meses solicitando á CMR axudas directas para as granxas que fan fronte aos custos veterinarios e lucro cesante que conleva a EHE. Sen embargo, tal e como foron definidas as axudas para tratamentos veterinarios e desinsectación anunciadas onte, estas son, por unha banda, discriminatorias precisamente para aquelas granxas que teñen máis casos e, polo tanto, que incorreron en gastos maiores.
Descoñecemos a motivación de non ter en conta o grao de afectación das granxas e fiar o importe das axudas a un criterio desligado da incidencia da enfermidade como é o número de cabezas nunha explotación, que non garda relación directa co impacto económico da EHE. Á vista da actuación da CMR nos últimos meses, é posible que ante a imposibilidade manifesta -ou a falta de interese- por facer un seguimento real dos casos existentes, optara por apoiarse no censo.
Ademais non se menciona cubrir con estas axudas o custe da vacina, nin tampouco se ten en conta o lucro cesante dos animais que tras sobrevivir á enfermidade tardan tempo en recuperarse, obviando que as perdas de produción e abortos son moi importantes nas granxas moi afectadas polo EHE.
Habida conta de todas estas eivas e inconcrecións, a Secretaria Xeral do SLG solicitou tamén no escrito dirixido hoxe á Consellaría a convocatoria do Consello Agrario Galego, que se pode convocar ata en 6 ocasións o ano, para tratar de forma conxunta con todos os axentes do sector as incidencias detectadas.