TrampasVelutina

16/06/2023

Alertamos da elevada presenza de Vespa velutina e propoñemos unha batería de medidas á Xunta de Galicia

Foron detectadas velutinas durante o trampeo primaveral, e este mes en colmeas e apiarios, presaxiando un ano complicado. Dirixímonos a Medio Rural e Medio Ambiente para que asuman as súas responsabilidades no control de especies invasoras

A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Isabel Vilalba Seivane, dirixiuse hoxe ás consellarías de Medio Rural e Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para alertar da existencia xa dunha significativa presenza do tártago de patas amarelas (Vespa velutina nigrithorax), ao tempo que demandou á Xunta de Galicia a asunción das súas responsabilidades no control da expansión desta especie invasora e solicitou unha xuntanza coa persoa responsable desta área nas respectivas Consellerías.

 

Na presente tempada, os abelleiros e abelleiras detectaron xa unha elevada presenza de velutinas na súa rede de trampeo primaveral, e no presente mes de xuño visualizaron individuos do tártago asediando as colmeas e cazando abellas nos apiarios. Nos últimos días, en casos moi concretos, xa se comezou a ver presenza do tártago arredor da froita que comeza a madurar. Este elevado número de raíñas na primavera e a presenza tan temperá nos apiarios, fai presaxiar que será un ano especialmente complicado en canto á existencia de niños de Vespa velutina, con consecuencias que poden ser devastadoras.

 

Entre as medidas necesarias para facer fronte á gran expansión da Vespa velutina nigrithorax na presente campaña 2023, dende o SLG urximos á súa inclusión nos catálogos galegos de especies invasoras -xa está considerada como tal no “Catalogo Español de Especies Exóticas Invasoras”-.

 

Ao mesmo tempo, tomando como base a “Estratexia para o control, xestión e posible erradicación do Avispón asiático ou Avispa negra (Vespa velutina ssp. nigrithorax) en España”, é imprescindíbel a elaboración dun protocolo ou plan de actuación galego para a detección, control e/ou erradicación da Vespa velutina que aborde con contundencia esta problemática.

 

Nesta liña, é preciso o fomento da investigación sobre o ciclo biolóxico e comportamento da Vespa velutina nigrithorax na Galiza, así como das ferramentas de trampeo (tipos de trampas e atraíntes) máis efectivas e menos perxudiciais para outras especies, priorizando o trampeo masivo coordinado, así como a actuación anticipada sobre os niños primarios, fronte á retirada de niños secundarios.

 

Para unha acción eficaz que dea resposta á crecente preocupación entre os sectores produtores, entre os que destaca a inquedanza do apícola, vitivinícola e de producións vexetais, dende o SLG solicitamos á Xunta de Galicia o establecemento dun plan da Consellería do Medio Rural a fin de abordar a problemática da perda de produción nas granxas afectadas pola presenza descontrolada desta especie.