Solicitamos a convocatoria dunha Mesa do Cambio Climático para abordar as medidas de fondo. “Temos que facer máis resiliente o sector primario en Galiza na loita contra o cambio climático”, sinala o Secretario de Acción Sindical do SLG, Brais Álvarez.
Nos vindeiros días prevese unha suba excesiva das temperaturas, o que vai supoñer un problema para os proxectos labregos. Advertímoslle á Xunta que teña en conta esta situación e que se contemple a dotación de fondos necesaria para cubrir as perdas que vai atravesar o sector.
Galiza, 17 de xuño de 2026. Un ano máis, dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) alertamos do período de seca que está atravesando en Galiza o sector primario, e que aumentará nos vindeiros días coa suba excesiva de temperaturas, polo que advertimos que este vai ser un verán especialmente duro para as produtoras e os produtores.
As labregas e os labregos están recollendo pouco forraxe, e sendo este de peor calidade, o que supón ter menos alimentos para os animais, menos gando, no caso do leite menos litros, etc, sumándolle a esta situación o aumento dos prezos dos fertilizantes, do gasóleo, etc. “Estamos vivindo as consecuencia dos episodios tan extremos de frío e calor, o que prexudican en grande medida ao sector primario”, resalta o Secretario de Acción Sindical, o apicultor Brais Álvarez. “O frío seca a herba, a calor aínda a seca máis, a auga encharca os prados e non permite facer o traballo, chegan enfermidades, a humidade, temperaturas moi altas.. e isto afecta tanto ás zonas de alta montaña, ás zonas de leite, ao vacún de carne, xa que incide na alimentación e coidados dos animais”, engade. Ademais, dende o SLG alertamos da presenza de enfermidades nos cultivos, como por exemplo no millo coa chegada do verme soldado -que está afectando en grande medida ao noso país, sendo moi difícil de controlar-, ou do mildio nas vindes, entre outros.
As consecuencias do Cambio Climático nas granxas, en aumento ano a ano
O problema da seca é unha cuestión que levamos denunciando dende os últimos anos na nosa organización. Pedíndolle á Xunta de Galicia que tome as medidas necesarias e mesmo solicitamos reunións para abordar esta eiva ás que nunca nos chegaron a responder. O cambio climático afecta a todo o sector primario, sendo o da horta un dos que máis está a sufrir as consecuencias. Nos vindeiros días prevese unha suba das temperaturas, o que vai supoñer un problema para os proxectos labregos. No caso da apicultura, por exemplo, constatamos a presenza da vespa velutina dous meses antes que o habitual nas comarcas galegas.
“Advertímoslle á Xunta que teña en conta esta situación, que se contemple a dotación de fondos necesaria para cubrir as perdas que vai atravesar o sector, porque haberá máis cultivos que irán sumándose, como é o caso da castaña, da pataca…con estes cambios térmicos e humidades van chegar enfermidades e haberá perdas nas colleitas. Cómpre estarmos preparadas”, subliña o mozo apicultor.
Convocatoria dunha Mesa do Cambio Climático
Lembrámoslle tanto á Consellería do Medio Rural como á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático que ano tras ano nos vemos na obriga de demandar medidas para salvagardar o sector primario ante a seca. Levamos dende o ano 2022 agardando a que a Consellería do Medio Rural responda á xuntanza que solicitamos con José González Vázquez. Xa mudou a persoa ao cargo da Consellería, pero as súas prácticas seguen igual. Solicitamos de novo a convocatoria dunha Mesa do Cambio Climático para abordar as medidas de fondo. “Temos que facer máis resiliente o sector primario en Galiza na loita contra o cambio climático. Precisamos dotar de fondos xa ao sector, cos seguros existentes non chegamos, precisamos unha resposta e solucións por parte do goberno galego canto antes”. A estas alturas, non nos valen as promesas. As labregas e os labregos de Galiza precisan medidas e fondos xa.