ObsSEctLact

12/04/2022

Alegamos ao Decreto do Observatorio do Sector Lácteo presentado pola Consellaría do Medio Rural

A CMR pretende reducir as reunións a unha por ano e non garante que os prezos sexan tidos en conta para analizar o sector. Solicitamos igualar o número de vogalías das organizacións agrarias ao das industrias, axente que presiona a cadea láctea.

Compostela, 12 de Abril 2022. O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), a través da súa Secretaria Xeral, Isabel Vilalba, vén de presentar alegacións ao borrador de Proxecto de Decreto do Observatorio do Sector Lácteo de Galicia da Consellaría do Medio Rural (CMR) [Adxuntamos emendas].

Cabe contextualizar que nas reunións mantidas cas organizacións agrarias no mes de febreiro, o Conselleiro prometeu que a mediados de marzo estaría activado o Observatorio do Sector Lácteo. Estamos a mediados de abril e apenas está en xestión un borrador. Xa no ano 2007 foi creado un Observatorio do Sector Lácteo.

No caso da proposta realizada agora, malia que o borrador do texto dá inicio afirmando considerar este sector “o alicerce máis importante do agro galego” -hipérbole que propuxemos matizar para abarcar outros sectores de significativa relevancia no noso agro-, resulta canto menos contradictorio que acto seguido a Consellaría do Medio Rural considere óptimo reducir o número de xuntanzas ordinarias obrigatorias do Observatorio a só unha ao ano. Dende o SLG-CCLL solicitamos que a frecuencia mínima das xuntanzas ordinarias sexa trimestral, a fin de evitar que este Observatorio remate por ser unha ferramenta inútil e afastada da realidade do sector.

No ámbito das funcións atribuídas a este órgano (Artigo 3), e na liña da reivindicación que vimos realizando á Consellaría da urxencia de contar con índices oficiais públicos de custos de produción sobre os cales poder calcular con transparencia o prezo do leite, propoñemos engadir que sexa o Observatorio a ferramenta empregada para a elaboración destes informes periódicos de índices de custos de produción.

Cómpre asemade concretar neste apartado, apuntamos nas achegas presentadas, que os prezos percibidos polas persoas produtoras “serán” tomados en conta, entre outros factores, para analizar a evolución do sector lacteo, e non o hipotético “poden ser” recollido no texto que propón a Consellaría. Suponse que o Observatoiro Lácteo debería contribuir a garantir a supervivencia do sector, é dicir, a que as persoas produtoras perciban prezos que cubran custos de produción e remuneren o seu traballo. O prezo é un indicador imprescindíbel, é totalmente inapropiado que a Consellería pretenda relegalo a un aspecto secundario que pode ou non ser tomado en conta.

Non tocante ás Vogalías deste órgano (Artigo 7), valoramos positivamente que entren a formar parte do Observatorio representantes da distribución e persoas consumidoras. Nembargantes, sen perder de vista as notorias desigualdades existentes ao longo da cadea de produción, e sendo as industrias -e grandes superficies- quenes exercen unha maior presión sobre os restantes elos da mesma, reivindicamos que as organizacións profesionais agrarias con maior representatividade de Galiza, e con presenza no Consello Agrario Galego, teñan garantidas alomenos o mesmo número de vogalías que os representantes da industria neste Observatorio. A proposta da Consellaría é limitar a representación das organizacións agrarias a unicamente dúas.

Entre outras achegas presentadas, no tocante á composición do Observatorio (Artigo 4), enfatizamos tamén a pertinencia de que a paridade non só “se procure”, senón que sexa un requisito no mesmo. Con respecto á realización dos plenos (Artigo 10), suxerimos que estes poidan ser convocados a solicitude de canto menos un terzo dos seus membros, en lugar de só cando “a presidencia o considere oportuno”, como propón a Consellaría.

A fin de que dinamizar unha activación real do Observatorio Lácteo como ferramenta para avanzar en medidas que garantan a supervivencia dos milleiros de granxas galegas, solicitamos que o prazo máximo para convocar a primeira xuntanza sexa dun mes dende a entrada en vigor do presente proxecto de Decreto.