plansmellora

31/01/2025

Alarma no sector pola denegación masiva de plans de mellora

O Sindicato Labrego Galego pide que se dote o orzamento para que se aproben os plans de mellora e incorporación solicitados. Malia cumprir os requisitos, houbo moitas máis solicitudes de plans de mellora desestimadas que aprobadas

A Consellaría do Medio Rural está a trasladar unha valoración da súa xestión dos plans de incorporación e mellora que consideramos debe ser matizada no seu optimismo, se pretendemos axustarnos á realidade do que está a acontecer no sector primario galego a este respecto.

En primeiro termo, resulta canto menos pouco procedente unha valoración positiva da aprobación de incorporacións. Efectivamente aprobáronse todas as que se solicitaron e que cumprían os requisitos, pero non podía ser doutra maneira, dado que son so 320 granxas, é dicir, un número moi reducido -135 na provincia de Lugo, a que máis ten-. De feito, houbo unha boa parte de persoas que desistiron das solicitudes ao saber que non lles aprobaba o plan de mellora. Tendo en conta que a previsión é que as incorporacións dos vindeiros anos non cubran o 5% dos abandonos, non estamos falando dun dato para nada positivo en termos relativos.

O 70% por cento dos titulares xubílanse nos próximos anos e en lugar de establecer medidas para subsanar esta situación, atopámonos con que a Xunta dedica 11.900.000 de euros ás axudas de persoas mozas, unha cifra moi lonxe dos 250.000.000 que está disposta a mobilizar para Altri, por poñer unha comparativa”, ilustra a Secretaria Xeral do SLG, a gandeira e produtora de faba de Lourenzá Isabel Vilalba.

Respecto aos plans de mellora -imprescindíbeis para que as persoas que se incorporan podan asentar a súa actividade-, quedaron o 74% fóra. Concretando datos, na liña de plans de mellora presentáronse 704 solicitudes e só se aprobaron 180, e dicir un 25,57% quedaron fóra, algúns deles con incorporacións aprobadas. Por priorización -é dicir, cumprían requisitos pero non había orzamento abondo- quedaron fóra desta convocatoria 434 expedientes. Estamos falando de arredor de 500 granxas que se viron obrigadas a facer en moitos casos proxectos técnicos e asumir múltiples gastos, e que levaban un ano agardando pola resolución da súa solicitude.

“A Conselleira foi sacar unha foto a unha granxa que di que vai recibir 300.000 euros pero hai case 500 que van recibir cero. Para ter a dimensión e viabilidade esixida para incorporarse, este medio milleiro de granxas precisaron facer un investimento, e foilles denegada a axuda do plan de mellora. Ata hai dous anos era inaudito que lle denegarán un plan de mellora a un mozo ou moza que se incorpora, analiza a Secretaria Xeral do SLG.

No tocante aos plans de mellora vinculados a contribuír á mitigación do cambio climático e uso eficiente dos recursos naturais, malia á problemática que está habendo de novas esixencias ás granxas -como por exemplo o decreto de nutrintes-, e todas as perdas que as persoas labregas están afrontando por novas enfermidades e fenómenos metereolóxicos adversos, do total de 457 solicitudes e aprobáronse 181, e dicir, un 39,61%, moitas menos que as 239 que por priorización -de novo cumprían os requisitos pero non había orazmento- quedaron fóra.

Nestes momento existe alarma no sector debido á denegación dos plans de mellora, que pon en entredito non só a viabilidade de centos de granxas senón a propia economía de milleiros de persoas. O Sindicato Labrego Galego pide que se dote o orzamento para que se aproben os plans de mellora e incorporación solicitados.