Baixo o título ‘Voltar aos mercados e feiras. Realidade ou utopía nos tempos actuais?’, a Asociación de Consumidoras e Usuarias Galegas (ACUGA) organiza mañá sábado 21 de xuño, de 11h a 13:30h, no Mercado 4Ponlas de Pontevedra (situado na Praza de Barcelos) a segunda actividade, logo da súa presentación o pasado 8 de maio en Santiago de Compostela coa ‘Merenda pola Soberanía Enerxética. Utopía ou realidade?’.
Desta vez a temática xira arredor da alimentación. En colaboración coa Federación de Consumidores e Usuarios (CECU), Amigas da Terra, REAS Galicia e o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), ACUGA acolle un faladoiro sobre alimentación con posterior cata de alimentos de tempada co fin de sensibilizar á cidadanía sobre as diferenzas que hai entre os alimentos da agroindustria contra os que se producen ao carón da casa e concienciala sobre o poder que ten á hora de transformar o mundo que habitamos, e divulgar outras posibilidades ao actual sistema alimentario.
Programa
Sarahi Boleko Eribe, de CECU, plasmaranos a través de datos actualizados, a realidade da produción de alimentos no mundo, en man de quen está, e cara a onde imos. A continuación dende ACUGA pasaremos a analizar todo o que cambia no momento no que decidimos mudar os nosos hábitos de consumo, para rematar ofrecendo ás persoas do faladoiro e que pasen darredor, produtos do propio mercado desta tempada.
ACUGA
A Asociación de Consumidoras e Usuarias Galegas (ACUGA) somos unha asociación que procura resignificar a palabra consumo co medio ambiente, a xustiza social, a seguridade alimentaria, o comercio xusto e solidario, a enerxía, a defensa dos colectivos máis vulerables e a protección dos datos persoais. Traballamos da man doutras organizacións que agrupan ao movemento de persoas consumidoras a nivel estatal, europeo e internacional (CECU, BEUC, Consumers International), e a día de hoxe, malia non ter dado o pistoletazo de saída, xa somos máis de 100 persoas asociadas.
