01/08/2024
Actos de denuncia ante os organismos que velan polo cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria
A Dirección do Leite do SLG-CCLL reuniuse onte en Teixeiro. Preocupa a baixada de prezos e o cese de recollidas a granxas. Solicitaremos reunións co director xeral de Política Agraria Común e control da Cadea Alimentaria e coa directora da AICA
Onte gandeiras e gandeiros da Dirección do Leite do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) fixeron unha parada na recollida da herba seca para avaliar nunha xuntanza en Curtis (A Coruña) a situación do sector.
De xeito destacado tratouse o proceso de renovación de contratos do leite, que malia aos prezos á alza en produtos como a manteiga ou o leite pagado noutros países, está de xeito anómalo a oscilar entre manter os mesmos prezos ou incluso baixadas nalgúns casos.
Tamén é moi preocupante a situación que están a vivir algunhas granxas pequenas que polas súas características de illamento ou o manexo e instalacións quedan sen posibilidade de renovar contrato coa súa empresa de sempre. Estes casos son os de granxas fóra de ruta, granxas con estabulación trabada ou mesmo granxas con baixas producións.
Fronte a esta situación, a Dirección do Leite do Sindicato Labrego Galego acordou realizar actos de denuncia ante os organismos que velan polo cumprimento da Lei da Cadea, tanto a nivel galego como estatal, así como solicitar entrevista tanto co Director Xeral de Política Agraria Común (PAC) e control da Cadea Alimentaria como coa directora da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) estatal.
Tamén se acordou facer accións de denuncia perante as persoas consumidoras para dar a coñecer as marxes nos prezos do leite e cales son as industrias que realizan prácticas abusivas coas granxas.
A Dirección Nacional do Leite do SLG abordou tamén a situación de incertidume climática e o seu impacto sobre a alza dos custos de produción, advertindo das posibles consecuencias dunha nova baixada do prezo do leite nas granxas con este panorama.
Asemade, fíxose fincapé na necesidade de facer chegar ás administracións públicas a importancia de desenvolver campañas e estratexias de comunicación orientadas a visibilizar o excepcional traballo que levan adiante as produtoras e produtores galegos para facer chegar alimentos de excelente calidade ás persoas.