28/06/2024
Acaparamento de terras na Ulla por industrias vitivinícolas: enfermidades, contaminación e inxerencias no mercado
Varias industrias vitivinícolas instaláronse na comarca da Ulla. As consecuencias medioambientais preocupan á veciñanza. Apelamos á definición dunha figura que protexa a función social da terra fronte ao seu acaparamento para lucro privado
O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) desenvolveu onte unha xornada informativa na Casa da Estación de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra) ao respecto das consecuencias para a veciñanza e o medioambiente da instalación de grandes empresas vitivinícolas na comarca da Ulla que están acaparando importantes extensións de terra que, ademais, en moitas ocasións nunca foran adicadas á plantacións de vides senón a dirixidas a outras producións alimentarias.
A través das experiencias de Lídia Senra, labrega agroecolóxica de Vedra; Natalí González e Jesús Santamarina, da Plataforma Si a un Rural Vivo e José Pereira, da Plataforma pola Regulación de Sulfatos no Salnés, situamos as claves dunha situación que vén incrementando a preocupación da veciñanza nestes últimos anos.
“Estase traspasando a terra das mans labregas que nos dan de comer a estas empresas que só queren as terras para o seu propio beneficio e mesmo en moitas casos para especular”, situou Lídia Senra antes de dar paso a Natalí González, enfermeira e veciña da comarca.
“A nosa Plataforma xurdiu ante a desesperación e desolación de ver como estaba talando centos de hectáreas de árbores autóctonas, sobre todo carballos e sobreiras centenarias que lembrabamos de toda a vida. Nacemos inicialmente polo impacto visual e paisaxístico, emocional, pero este modelo ten ademais outras consecuencias. De sempre houbo na comarca viñas para autoconsumo, tamén pequenas adegas que fan un traballo marabilloso, que respectan as masas forestais, tentan poñerse o máis lonxe posíbel das casas... Pero o que está pasando agora é que están desembarcando estas grandes empresas que están levando todo a eito, que non lle importa nada a biodiversidade nin a saúde das persoas, que están poñendo viñas ata debaixo das nosas xanelas, un dos cultivos máis agresivos que existen hoxe en día debido ao uso intensivo de fertilizantes e fitosanitarios, con graves repercusións na saúde”, contextualizou a representante da Plataforma Si a un Rural Vivo.
Seguidamente, Jesús Santamarina, tamén membro da Plataforma, sinalou algúns dos aportes imprescindíbeis destas masas forestais, máis aló do paisaxístico e de biodiversidade, tales como a purificación das augas e o aire, efecto esponxa para reter e liberar pouco a pouco a augas pluviais ou a formación dun tipo de solo que capta CO2. “O problema máis importante quizais sexa o dos fitosanitarios. Por poñer un exemplo, estes cultivos utilizan catorce veces máis químicos deste tipo que o cultivo de millo. Os seus residuos, xa que ademais son produtos que tardan moito en degradarse, non só afectan á contorna, tamén se atopan incluso en organismos mariños, moi lonxe daquí. Na comarca levamos xa tempo vendo a desaparición de varias especies animais no noso val a raíz da instalación destes grandes viñedos. Hai moitas funcións dos ecosistemas que nos rodean que se están vendo afectadas: a moderación de fenómenos extremos, a calidade do solo, o control de pragas e enfermidades, a polinización, a mellora do clima... Son innumerables os procesos nos que intervén a biodiversidade que nos rodea. Augas contaminadas, aire contaminado, sen biodiversidade, máis especies invasoras, sen paisaxe... Esta é a herdanza que deixaremos para o futuro a cambio de permitir este enriquecemento de grandes industrias.”
Dende a súa perspectiva como sanitaria, Natalí González retomou novamente a palabra para debullar as consecuencias para a saúde das persoas que están vendo sitiadas as súas vivendas por estes viñedos industriais. “O primeiro é que obviamente as persoas que xestionan as empresas que deterioran así a contorna non viven aquí, teñen as súas casas lonxe de onde contaminan. De feito vemos que aplican os produtos químicos sen ter en conta cuestións básicas como por exemplo se ese día fai aire ou non. A propia Organización Mundial da Saúde (OMS) advirte da posibilidade de intoxicación aguda e efectos a longo prazo, como cancros, naquelas persoas expostas de xeito intensivo a fitosanitarios. A OMS cando avisa é porque xa está máis que constatado, non funcionan de xeito preventivo. Tamén nos di a OMS que para mellorar a calidade do aire temos que apostar por cultivos en extensivo e ecolóxico, precisamente o contrario do modelo destes viñedos”, expuxo González.
“Nos datos estatais, o Ministerio de agricultura sustenta con estudos e datos que claramente que o uso de praguicidas é un risco para a saúde das persoas e do medio ambiente, con especial afección como disruptores endocrinos, como sinala un estudo da Universidade das Palmas de Gran Canaria. Tamén o Instituto de Saúde Carlos III sinala nunha investigación que só no ano 2019 en Europa unhas 300.000 persoas morreron prematuramente debido a contaminantes atmosféricos. Con respecto aos recén nacidos e mulleres embarazadas, contamos cun estudo que xa data do ano 2002 que analizou máis de 600 placentas e detectou que en absolutamente todas había praguicidas. É gravísimo. Máis recentemente, a Sociedade Galega da Hipertensión, no seu 29 congreso, celebrado o ano pasado, abordou de xeito destacado a “cardioloxía ambiental”, xa que está perfectamente demostrado que a contaminación ambiental e a aplicación de fitosanitarios están relacionados cas enfermidades cardiovasculares, que son precisamente as que máis hospitalizacións provocan en todo o mundo. Ata o de agora viamos que as persoas que viviamos no rural tiñamos mellor saúde que as das cidades, pero agora xa estamos nun nivel similar”, abondou.
O doutor en bioloxía e integrante da Plataforma pola Regulación de Sulfatos no Salnés, José Pereira, ilustrou con imaxes e exemplos concretos a situación nesta comarca, na que atopamos grandes extensións de territorio que simultanaean vivendas, hortas e viñedos, co conseguinte prexuízo para a poboación e deterioro destas producións vexetais. “Tradicionalmente no Salnés cada persoa facía o seu viño, ata que logo xurde outro modelo. Neste momento estamos rodeados de viñedos. Temos problemas cos sulfatados na contorna do colexio, por exemplo, ou cas plantacións de leitugas e outros vexetais que comercializan cooperativas da zona. Os datos de beneficio da Denominación de Orixe (DO) Rías Baixas son altísimos. É nn modelo intensivo promocionado pola Xunta de Galicia para encher liñais de supermercado con viño nos Estados Unidos, permitindo cultivos en terras agrarias e forestais, sen que se plantexen o feito de que é un cultivo altamente demandante de fitosanitarios”, explicou.
“Os métodos de sulfatado mudaron. Pasamos das carretillas de sulfatar aos aspersores. Das pedras de cobre, que xa eran malas, pasamos a produtos sintéticos que practicamente reúnen todas as marcas de risco que hai no mercado: nocivo para o medio ambiente, canceríxeno, corrosivo... Ademais sábese que o empeoramento do quecemento global as viñas van sufrir moito, polo que previsiblemente aumentará o uso destas substancias. En febreiro deste ano no Salnés xa estaba sulfatando a xente, e estase sulfatando ata outubro. Supostamente un mes antes da vendima hai que deixar de sulfatar, pero case ninguén o fai, porque enfermidades como o mildeu pódenche acabar ca colleita en 48 horas. Estamos nunha produción vitivinícola totalmente industrializada que o que pretende é a masificación da produción. No Salnés non só temos un problema ecolóxico, un problema de saúde e un problema de convivencia, senón tamén que ca industrialización masiva do viño, amparada pola DO Rías Baixas -que debería ser a que precisamente protexera a cultura do viño e en lugar diso está protexendo os intereses económicos destas producións industriais-, estamos asistindo á destrución das adegas tradicionais que non son capaces de superar a presión que lle está a facer a expansión destes viñedos. Hai estudos nos EEUU que indican que so o 0,1% do que se sulfata chega á pranta, polo tanto o restante remata contaminando noutros sitios. Por que chegamos a este punto? Porque os políticos permiten esta situación. En Galicia non hai ningunha lei que regule sancións por un mal uso dos produtos fitosanitarios. So de glifosato bótanse 1.500 toneladas anuais no noso país. No Salnés sulfátase con máis de 100 produtos distintos, adóitase facer así para que a vide non se faga resistente; sen embargo a maior parte ten o mesmo composto químico base. As análises de augas amosan alta contaminación por fitosanitarios, que ademais teñen unha alta persistencia no medio natural”, concretou José Pereira.
Como remarcou onte Lídia Senra, dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG_CCLL) consideramos que a administración pública ten que adoptar responsabilidades na custodia de terras para a produción de alimentos. “Se a alimentación é fundamental para a vida, a terra debería ter unha función social. Precisamos unha figura que protexa a terra, e que independentemente de quen sexa a propiedade da mesma, tería que haber formas de que esa terra non puidera traspasarse ás grandes empresas, a estes negocios, porque ao final, é quitar a terra das mans de quen a traballa para entregala, vendela, hoxe a grandes industrias vitivinícolas, e mañá a outro tipo de negocio. Ademais tamén se pode dar a situación de que nun futuro os nosos netos e netas necesiten voltar producir alimentos. Son moitas as decisións políticas que poden mudar o xeito no que hoxe accedemos masivamente aos alimentos. Vémolo por exemplo co encarecemento do petróleo, as guerras, o que pode levar a a que no futuro moitas persoas que hoxe non ven a necesidade de producir alimentos teñan que facelo ante unha posible escaseza e para o cal é imprescindible salvagardar a terra. Isto resólvese con medidas políticas, pero as medidas políticas avanzan cando hai unha presión social”.
A viticultura industrial non só non é compatible ca produción de alimentos, senón que tamén destrúe as pequenas producións e ás pequenas adegas.
Ademais, estas grandes adegas industriais están a impoñer o seu modelo utilizando cartos públicos, como por exemplo os de plans de reestruturación de viñedos, os fondos para promoción exterior, a axuda para investimentos ou para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas. No ano 2020 o 50% das axudas convocadas pola Xunta de Galicia foron para 15 bodegas e a que máis cobrou nese ano foi Martín Codax.
Con esta xornada informativa o SLG-CCLL enceta unha campaña de denuncia e visibilización do acaparamento de terras agrarias nas comarca da Ulla, que terá continuidade en vindeiros actos informativos e reivindicativos.