O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) abriu o pasado 19 de agosto o prazo para que as persoas mozas interesadas nas estancias formativas do programa Cultiva 2026 presenten a súa solicitude a través da sede electrónica do ministerio. O prazo estará aberto ata o 15 de setembro, incluído.
O programa Cultiva organiza estancias formativas prácticas de entre 5 e 14 días en granxas modelo, coa finalidade de favorecer a transferencia de coñecemento entre profesionais do agro. As persoas participantes poden escoller granxas con producións iguais ou diferentes ás propias, situadas en calquera punto do territorio estatal, sempre que non asistisen previamente a unha estancia na mesma granxa.
O catálogo dispoñible na web do ministerio ofrece 300 granxas distribuídas por todas as comunidades autónomas, cun buscador que permite filtrar por territorio, datas e tipo de produción.
As estancias comezarán a partir de xaneiro de 2027 e poderán desenvolverse ao longo de todo o ano.
O programa conta cunha dotación orzamentaria inicial de 1,2 millóns de euros, ampliable, destinada a cubrir os gastos de aloxamento, mantemento e transporte das persoas participantes durante a estancia. Ademais, as persoas seleccionadas recibirán unha compensación polos gastos de substitución, para que outra persoa se poida facer cargo da atención e xestión da súa propia granxa mentres dura a formación.
Teñen prioridade na asignación de prazas as mulleres, os mozos e mozas incorporados máis recentemente á actividade agraria e quen aínda non participase en edicións anteriores do programa. Tamén poden presentar solicitude as persoas que, aínda tendo 41 anos ou máis na actualidade, se incorporasen á actividade agraria nos últimos cinco anos con 40 anos ou menos.
A solicitude preséntase a través da sede electrónica do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Toda a información sobre esta convocatoria e sobre as edicións anteriores está dispoñible no espazo de Relevo Xeracional da web do MAPA: https://www.mapa.gob.es/es/desarrollo-rural/temas/relevo-generacional/visitas-formativas
O proxecto piloto arrancou en 2020 con 13 participantes en oito comunidades autónomas. Dende entón a participación medrou de xeito progresivo: 54 persoas en 2021, 92 en 2022, 202 en 2023, 202 en 2024 e 363 na edición de 2026, aínda en execución. En total, o programa acumula máis de 900 persoas beneficiarias dende a súa creación. A presenza de mulleres entre as participantes osciloou entre o 18% e preto do 30% nas últimas convocatorias.