17/09/2024
Abonda de mentiras ás viticultoras/es da Ribeira Sacra: fai meses que se contempla marco legal para xestionar esta crise
CMR e UUAA escudan o seu inmobilismo no descoñecemento de marcos legais que permitan activar axudas directas ao sector. O SLG achega á CMR a Orde que xa no mes de xullo permitiu á Rioxa atallar en cuestión de días a súa crise de excedentes
A semana pasada a Consellaría do Medio Rural (CMR) tentou disuadir as mobilizacións das viticultoras e viticultores da Ribeira Sacra a través dunha convocatoria de reunión con determinadas organizacións agrarias, da que o único resultado coñecido publicamente é unha exigua nota de prensa da CMR anunciando que van seguir falando e que non atopan un encaixe legal, argumento subscrito por Unións Agrarias (UUAA) en medios de comunicación -ao tempo que confirmou explicitamente que a Consellaría lles ofreceu falar o pasado venres a cambio de que disuadiran ás viticultoras da Ribeira Sacra de seguir mobilizándose-.
Ben, se a grandísima dificultade que ten a Xunta de Galicia para poder actuar nesta Denominación de Orixe é o descoñecemento da posibilidade de marcos normativos a aplicar, dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas ofrecémoslle o noso asesoramento -e, xa de paso, reiteramos a solicitude de xuntanza para falar sobre este tema-, e procedemos a achegarlle información do procedemento seguido pola súa homóloga na Rioxa, con quen podemos poñela en contacto no caso de que iso tamén lle supoña unha complicación.
O 26 xullo a Consejería de Agricultura, Ganadería, Mundo Rural y Medio Ambiente da Rioxa publicou a Orden AGM/54/2024, de 25 de julio, por la que se dictan las bases reguladoras para la solicitud de ayudas en "régimen minimis" para compensar los problemas de comercialización y la pérdida de renta de las explotaciones vitícolas acogidas a la DOCa Rioja.
A continuación abriu un periodo de cinco días para solicitalas, e resolveunas nas semanas seguintes. Trátase de axudas de minimis para un sector que nunca cobra axudas.
Como xa enfatizamos a semana pasada, logo de anos sabendo que existe un problema cos excedentes de tinto na Ribeira Sacra, e tra-las demandas de solución por parte do sector dende fai meses -ao que hai que engadir que a Conselleira díxonos no mes de agosto que todo estaba resolto-, é absolutamente indignante a estratexia da Xunta de Galicia -e de quen lle fai o caldo gordo- de convocar reunións baleiras de contido para que vaia pasando a vendima e o desgaste faga mella no sector produtor mobilizado.
Na Denominación de Orixe Ribeira Sacra -a única existente en Lugo de viño-, aproximadamente 1.400.000kg de uva tinta van quedar sen vendimar, afectando de xeito directo a arredor de 600 persoas que traballaron todo o ano na viña e que agora non teñen quen lles merque a uva, persoas que teñen a viticultura como o seu medio de vida. Ademais, son milleiros os postos de traballo indirectos vinculados a este sector na comarca, alén de aportar o seu principal sinal de identidade paisaxístico e cultural.
Non imos permitir o abandono da viticultura heroica por parte da Xunta de Galicia. Reiteramos que até que se proceda á publicación de medidas no DOG o sector seguirá con mobilizacións, e trasladamos unha vez máis as nosas demandas á Consellería de Medio Rural:
-
Axudas directas para as persoas viticultoras que non teñen quen lles recolla a uva.
-
Mesa de traballo para activar máis medidas na presente campaña e para deseñar estratexias que protexan a do vindeiro ano e seguintes.