05/07/2022
A Xunta mantén a estratexia de brazos caídos para deixar morrer as granxas galegas e favorecer a agroindustria
Mobilización unitaria esta mañá en Ourense para esixir medidas inmediatas que garantan prezos por riba de custos de produción. A Xunta de Galicia aboca á cidadanía galega á dependencia de alimentos industriais traídos de fóra a prezos desorbitados
Centos de persoas secundaron na mañá de hoxe en Ourense a mobilización convocada pola Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (ADEGAL), a Asociación de Productores da Pataca da Limia, Federación Rural Galega (FRUGA), Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) e Unións Agrarias (UUAA), en demanda de medidas urxentes para garantir a supervivencia do sector primario.
Baixo o lema “Non aguantamos máis”, as produtoras e produtores de alimentos esixiron aos gobernos galego e estatal medidas inmediatas que freen a situación crítica derivada do impacto da suba de custos de produción, o patente incumprimento da Lei da Cadea Alimentaria e as nefastas políticas agrarias aplicadas nas últimas décadas, responsábeis do peche de milleiros de explotacións no noso país.
A gandeira e integrante da Executiva Nacional do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Sonia Vidal, salientou a importancia de transitar cara un cambio de modelo agroalimentario que protexa e garanta a produción de alimentos de calidade no noso territorio: “A Xunta de Galicia está a actuar dun xeito absolutamente irresponsable. Cada vez máis persoas están tendo dificultade para poder mercar alimentos. Canto menos alimentación producimos na Galiza, máis vulnerábeis somos á alza desorbitada de custos. Para que aprobou a Consellaría do Medio Rural a Lei da Cadea Alimentaria se non tiña pensado facela cumplir? A cidadanía ten que comezar a tomar consciencia de que o Partido Popular de Galicia é unha organización ao servizo das grandes industrias alimentarias. Que os alimentos sexan cada vez máis caros é unha situación de mercado ca que están moi cómodos, unha inxustiza ca que están dispostos a colaborar activamente, por exemplo insistindo na política de brazos caídos que está acelerar a morte do sector primario.”
Na lectura final do manifesto unitario, as organizacións convocantes chamaron a atención sobre a caída do número de persoas produtoras de alimentos no noso país, pouco máis de 70.000 labregas e labregos no presente ano.
Malia esta sangría, a zona da Limia inda xera de xeito directo o 20% da actividade económica da comarca. E de modo indirecto repercute no resto de actividades, en particular no comercio, que supón o 19,9% da súa economía. O grado de aproveitamento agrario co que conta a comarca da Limia é polo tanto moi relevante. Xunto a municipios colindantes como Xunqueira de Ambía, Sandiás, Vilar de Santos e a chaira da Limia, conta cunha superficia agraria útil superior ao 50%, cando no resto da Galiza a cifra non supera o 28%.
De feito, a quinta parte da afiliación á Seguridade Social na comarca da Limia é da agricultura, en municipios como Baltar, Calvos de Randín, Porqueira ou Sarreaus o sector agrario mesmo supera o 30% da afilación total á Seguridade Social.
O peso deste sector pon sen dúbida de relevancia a necesidade da súa defensa como eixo de futuro da economía comarcal, pero a agresiva suba de custos padecida nos últimos meses está a pór en risco os postos de traballo de moitas familias da Limia, aboncando un importante número de granxas ao peche deifinitivo, situación que sen dúbida agravará a dependencia da cidadanía galega de alimentos traídos dende fóra.
“Avisamos da situacion asfixiante no mes de marzo, e avisamos que sairíamos ás rúas de novo, e aquí estamos hoxe, meses despois, cos prezos dos carburantes, da electricidade, dos insumos e dos fertilizantes a alza e sen previsión de baixada. A cidadanía galega ten que saber que a irresponsabilidade política está poñendo en risco a produción de alimentos no noso país. Morrendo NON podemos producir “, sentenciaron as organizacións convocantes.