CartasTouro2

30/01/2025

A Xunta envía cartas á veciñanza afectada pola mina Touro-OPino dando por feito a expropiacións dos seus bens

No 2023 Cobre San Rafael solicitou a reapertura desta mina con forte oposición social, o proxecto está en prazo de alegacións. A Xunta e a empresa mineira utilizan a figura de PIE para facer crer á veciñanza que é inevitable que o proxecto vaia para adiante

Que che chegue unha carta da Xunta advertíndoche de que vaias revisar a relación de bens e dereitos que se van ver afectados pola reapertura dunha mina de cobre a ceo aberto, que non so non está aprobada, senón que nda por riba está en período de alegacións, era xa o que nos faltaba por ver dentro do rol do Partido Popular de Galicia de “conseguidor” das empresas extractivas.

Logo das visitas intimidatorias polas casas levadas a cabo por persoas vinculadas a Cobre San Rafael para convencer á veciñanza de que non se pode facer nada para parar este proxecto, agora a Xunta de Galicia suma esforzos en consolidar esa enganosa interpretación acelerando un trámite informativo que debería levarse acabo única e exclusivamente no caso de que fora aprobado o proxecto, cinguíndose, como é lóxico, ás características finais do mesmo, que a día de hoxe inda non se coñecen no caso da reapertura da mina de cobre de Touro-O Pino, ao atoparse en período de alegacións xerais até o 31 de xaneiro e contar a poboación directamente afectada cunha ampliación deste prazo para facer chegar as súas consideracións.

Comprimiron tanto os procedementos con todas as "simplificacións" que parece que se dá por feito que os proxectos que van ao Consello da Xunta xa teñen todos os parabéns da administración e a aprobación. Por un lado a empresa presionando e por outro a Xunta. Dende o Sindicato Labrego reiteramos á cidadanía que este proxecto non está aprobado. De feito, se se avalían os impactos deste proxecto axeitadamente nunca se debería aprobar”, explica a coordenadora da loita contra o acaparamento de terras no Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Margarida Prieto Ledo.

Como sinalamos fai uns días, a promotora desta mina nin sequera demostrou que conte con algo tan esencial para a seguridade da poboación como é dispoñer dos medios técnicos e económicos requiridos para o mantemento das infraestruturas correspondentes durante un período suficiente para evitar os riscos de colapso da balsa de residuos mineiros.  Ademais, existe unha alta probabilidade de que, de executarse o proxecto, se produzan augas de drenaxe ácidas que chegarán ás masas de auga superficial e subterráneas, afectando á funcionalidade e estrutura dos hábitats de interese comunitario tanto da ZEC, como de ámbitos próximos precisos para garantir a súa conectividade e integridade.

Lembremos que, logo de fortes mobilizacións sociais, a Xunta de Galicia tivo que desestimar a súa aposta pola reapertura da mina de Touro-O Pino no ano 2021. Á vista dos feitos, lonxe de acoller a preocupación social patente, estaba simplemente agardando un mellor momento. Cando no 2023  Cobre San Rafael -vinculada  á multinacional canadense Atalaya Mining e a Explotaciones Gallegas- solicitou a reapertura, a Xunta xa tiña máis avanzada a súa estratexia de modificación lexislativa para facilitar ás empresas extractivas a superación das esixencias medioambientais: o recoñecemento como Proxecto Industrial Estratéxico (PIE).

Baixo esta denominación a Xunta de Galicia outorga privilexios a determinadas empresas, conectadas con elites económicas e/ou políticas galegas (non se coñece polo dagora a ningunha persoa autónoma ou pequena empresa á que lle declararan PIE algún proxecto), permitíndolle por exemplo expropiar de xeito forzoso as terras da veciñanza, acelerar a tramitación ou limitar á metade do legal o tempo no que vai estar a exposición pública o proxecto, poñendo deste xeito significativos impedimentos para dificultar que a cidadanía poda estar informada e defenderse.

A estas alturas xa podemos constatar que a mina de Touro-O Pino é un caso paradigmático de despregue de estratexias administrativas e empresariais para tentar acalar as protestas da poboación afectada por proxectos extractivos altamente perigosos, un plan de lucro empresarial que ademais de pór en alto risco a saúde da poboación prexudica directamente o desenvolvemento de actividades económicas xa existentes.

Nesa contorna existe unha economía diversificada entre multitude de sectores como o agroalimentario, gandeiro, forestal, servizos, comercio ou turismo, en especial o vinculado ao Camiño de Santiago. Abrir a mina de Touro significaría que a propia Xunta de Galicia non nos permita vivir das nosas granxas, dos noso pequenos negocios, etc. para que unha empresa con longa traxectoria de nefastas praxes ecolóxicas se lucre a costa da nosa saúde e a destrución da natureza”, reitera Margarida Prieto.

Dende o Sindicato Labrego Galego queremos amosar todo o noso apoio á veciñanza de Touro-O Pino e alentamos á cidadanía a fortalecer esta loita presentando as alegacións dispoñíbeis. Son moitos os proxectos que xuntas temos conseguido botar abaixo, incluída a anterior tentativa de reapertura da mina, e xuntas e organizadas vai ser tamén como imos parar as minas proxectadas neste momento e calquera outra ameaza á Vida na nosa terra.