
22/01/2025
A Xunta desmantela o Observatorio do Sector Lácteo de Galicia sen someter a decisión ao Consello Agrario
Reduce a frecuencia de xuntanzas acordada cos axentes do sector e introduce interlocutores alineados coa propia Consellaría. Instamos á Consellaría do Medio Rural a establecer liñas de traballo reais, máis aló da axenda de eventos da Conselleira
Sen dúbida resulta rechamante a énfase do Partido Popular en vender como positivas as recentes modificacións do Observatorio do Sector Lácteo, as cales, por se acaso, coidouse de non someter a debate no Consello Agrario -onde estamos representados os axentes do sector- e impoñelas a golpe de Decreto vía Consello da Xunta.
Así, o pasado 20 de xaneiro foi aprobado o Decreto da Consellería do Medio Rural que regula a nova estrutura e o sistema de funcionamento do Observatorio Lácteo de Galicia, un Observatorio que, como temos denunciado reiteradamente, nunca cumpriu ca periodicidade de reunións acordada nin coas funcións atribuídas de xerar índices de prezos de xeito periódico. Agora, a conselleira María José Gómez remodélao sen sequera ter realizado o traballo encomendado cando o conselleiro José González decidiu resucitalo logo de anos de inactividade.
O certo é que o Observatorio Lácteo de Galicia nunca volveu ter actividade real, non se elaboraron informes públicos de custos e nin sequera se publicaron os resultados da tan cacarexada Conta Láctea.
Avanzando na súa estratexia de baleirar de significado real esta ferramenta, con este novo pau a Consellaría reduce a frecuencia das reunións do Observatorio que se acordara por consenso co sector para facer un seguimento real e eficaz, cando menos trimestralmente, ficando agora relegadas a unha vez ao ano -limitación que a Consellaría leva rumiando polo menos dende fai tres anos-. É dicir, á vista dos antecedentes, estas xuntanzas van ser inda máis escasas ou, se cadra, inexistentes.
Ademais, observamos que a introdución de novas vogalías precisamente acrecenta a representación de organizacións que non adoitan cuestionar o papel da Consellaría, ao tempo que se desbotou a posibilidade de modificar a composición do Observatorio para garantir a paridade de xénero ou unha cuestión tan relevante para o sector como é que as organizacións profesionais con representación no Consello Agrario teñamos no Observatorio alomenos o mesmo número de vogalías que a industria, como xa temos solicitado.
Dende o Sindicato Labrego Galego rexeitamos esta nova manobra evasiva da Xunta de Galicia furtando o debate no Consello Agrario e así esquivando o confrontamento co Sindicato Labrego Galego, e instamos á Consellaría a deixar de eludir realizar o seu traballo, comezando por establecer unha axenda da Conselleira María José Gómez que vaia máis aló das romarías, inauguracións, premios e demais eventos de promoción, e que convoque dunha vez ás organizacións agrarias a unha xuntanza que permita traballar dende xa nas necesidades reais das persoas que producimos alimentos no noso país.