11/12/2023
A Xunta de Galicia non só non adiantou a PAC, senón que as granxas nin sequera cobraron este mes
O Goberno galego utilizou os medios de comunicación para gabarse de anticipar a PAC. A día de hoxe, nin anticipou nin pagou. Consideramos que os atrasos no cobro da PAC son culpa das demoras nos controis por parte da propia Xunta de Galicia
A mediados do mes pasado, a Xunta de Galicia anunciou a través dunha nota de prensa que Galiza ía estar entre as primeiras comunidades en pagar os anticipos das axudas da Política Agraria Común (PAC). Mesmo se aventurou a gabarse de que o FOGGA realizaría o pago do 70% da axuda total no anticipo e do 90% nas axudas del saldo.
Chegado o mes de decembro, constatamos que, unha vez máis, asistimos á instrumentalización dos medios de comunicación por parte do Goberno galego con fins propagandísticos, ao tempo que dá unha falsa imaxe de apoio ao sector primario, mentras que seguimos padecendo o peche continuado de granxas galegas.
Como denuncia a gandeira e economista especializada na PAC no Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Ana Rodríguez, “os anticipos da PAC poden ser polo 70% de todas as axudas e deica o 1 de decembro, pero a Consellería di que só pagou a 6.200 gandeiros/as. Estamos a 11 de decembro e esperamos cobrar neste mes, pero xa non estariamos a falar de anticipos, senón do pago normal da PAC”.
Dende o Sindicato Labrego Galego entendemos que estes atrasos no cobro da Política Agraria Común débense precisamente a que a Consellería do Medio Rural non ten feito os controis que esixe a normativa para poder facer eses anticipos.
Neste sentido queremos expresar a nosa preocupación pola posibilidade de que o mal proceder da Consellaría poda afectar aos pagos, poñendo en risco o cobro do mes de decembro.
“Abonda xa de empeorar a viabilidade económica das granxas galegas a base dunha nefasta xestión administrativa, e inda por riba aderezada con fake news sobre adiantos inexistentes. A estas alturas precisamos saber canto imos cobrar e cando, tendo en conta ademais que ao ser o primeiro ano de aplicación da PAC 2023-2027 temos máis incerteza ca nunca sobre os importes. E queremos datos reais, non propaganda”, zanxa Ana Rodríguez.