17 de abril de 2017

12/04/2017

A Via Campesina reclama unha Declaración dos Dereitos Labregos na ONU neste 17 de abril, Día das Loitas Labregas

O movemento internacional da Vía Campesina chama a todos os seus membros e aliados a mobilizarse o 17 de abril, Día Internacional das Loitas Labregas. Este ano, queremos que o mundo saiba que os labregos e labregas, e outras persoas que teñen o seu medio de vida no rural, traballaron moi duro polos seus dereitos. A iniciativa dos dereitos labregos, iniciada hai 17 anos pola Vía Campesina, é agora un proceso avanzado dentro das Nacións Unidas cara a unha Declaracióni dos Dereitos Labregos. Esta declaración, de aprobarse, creará un instrumento xurídico internacional para protexer os dereitos e chama a atención sobre as ameazas e a discriminación que sofren os labregos e labregas en todo o mundo.

A necesidade dunha Declaración da ONU sobre os Dereitos Labregos é máis urxente e evidente neste século XXI. Os labregos e labregas, que producen o meirande dos alimentos consumidos no mundo, seguen a enfrontarse á criminalización, discriminación, desprazamentos e persecución a pesares da existencia de numerosos instrumentos legais internacionais para o recoñecemento e a protección destes dereitos.

Os dereitos básicos dos labregos e labregas son cada vez máis vulnerables a medida que empeora a crise económica e ecolóxica. Esta situación está estreitamente relacionada coas violacións de dereitos humanos: expropiación de terras, desaloxos forzosos, discriminación de xénero, ausencia do dereito á terra e falta de desenvolvemento rural, baixos ingresos e dificultades para acceder aos medios de produción, protección social insuficiente e criminalización dos movementos que defenden os dereitos labregos.

Un bo exemplo de todo isto témolo en África, onde máis do 70% da produción e o coidado da agricultura está en mans de mulleres; porén, hai moi pouco recoñecemento dos seus dereitos en relación coa propiedade dos activos, dificultade para acceder a créditos e información, escasa participación no deseño das políticas agrarias... En Brasil, a pesares de moitos anos de loitas labregas por unha reforma agraria integral, a falta dunha distribución xusta da terra persiste. En Europa, a Política Agraria Común e a desrregulación do mercado do sector lácteo afectan miles de ganderías familiares. En Asia, do mesmo xeito que no resto do mundo, os tratados de libre comercio e os tratados bilaterais destruíron os mercados locais e continúan ameazando as formas tradicionais de agricultura e de intercambio entre labregos e labregas. A concentración da terra está aumentando a medida que algúns labregos e labregas afectados polas políticas neoliberais se ven forzados e forzadas a vender as súas terras. Por último, a participación da mocidade na agricultura está nas súas horas máis baixas.

Facemos un chamamento mundial para conmemorar o Día Internacional das Loitas Labregas e continuar traballando para reforzar a soberanía alimentaria, a loita contra o cambio climático e a conservación da biodiversidade; loitar por unha auténtica reforma agraria e unha mellor protección contra o acaparamento de terras; continuar conservando, usando e intercambiando as nosas sementes; e fortalecer a solidariedade entre labregos e labregas. Isto fortalécenos para defender a nosa terra contra o interese das empresas transnacionais, a persecución e a violencia contra os labregos e labregas. Este ano, en xullo, en Euskadi, a Vía Campesina celebrará a súa VII Conferencia Internacional para afondar na súa análise da crise actual e acordar as liñas estratéxicas de acción para fortalecer este movemento como unha expresión da voz dos labregos e labregas a escala global.

Tamén facemos un chamamento aos países para que non apoien a Declaración das Nacións Unidas sobre os Dereitos Labregos. Mobilizaremos aos nosos membros e aliados para presionar aos nosos gobernos e para garantir o éxito na próxima negociación na cuarta sesión do Grupo de Traballo Intergobernamental sobre os Dereitos Labregos no Consello de Dereitos Humanos da ONU en Xenebra. Cremos que, ao defender os dereitos dos labregos e das labregas, a humanidade tamén gaña. Unídevos a nós neste 17 de abril de 2017 organizando manifestacións, presionando aos gobernos, organizando debates e discusións públicas, proxeccións de películas, mercados labregos, festivais e accións solidarias.

É vital que os nosos dereitos labregos se garantan. O acceso á terra é esencial para unha vida digna no campo e para conseguir a soberanía alimentaria para todos os pobos do mundo.

17 de abril de 2017