aldurfe

27/09/2021

A veciñanza de Aldurfe fai fronte á Consellaría e oponse á construción da planta de transferencia de SOGAMA

Dende o Sindicato Labrego Galego apoiamos a loita da veciñanza, sumándonos as súas demandas e instamos a Consellería de Medio Ambiente e os concellos afectados a que actúen dun xeito transparente e claro, e que deixen de insistir en converter o medio rural nun vertedoiro das áreas urbanas.

Nos últimos días as veciñas de Aldurfe no Concello de Riotorto tiveron coñecemento de que dende o Concello se cedera unha finca situada no lugar do Franco coa intención de construír unha planta de transferencia para o acopio e distribución dos residuos dos concellos de Riotorto, A Pastoriza, A Pontenova, Pol, Ribeira de Piquín e Meira. A planta, de máis de 6.0002, recibirá tamén os residuos FOSUR (residuos orgánicos) dos concellos mencionados anteriormente e doutros como A Fonsagrada, Baleira, Cospeito e Vilalba.

Este proxecto, feito de costas a veciñanza, foi coñecido o pasado venres cando o concello organizou unha asemblea informativa para comunicar ás veciñas/os a súa construción. Esta pranta, que se situaría a menos de 100 metros dunha casa e de varias explotacións gandeiras, e situada nunha zona de produción agraria e gandeira, provocou un forte rexeitamento entre a veciñanza, tanto polo impacto que o proxecto pode ter nas súas vidas (cheiro, tráfico pesado por viais rurais…), como polo ocultamento por parte do concello do proxecto ata unha fase moi avanzada do mesmo.

Este mesmo luns, e aproveitando a visita da Conselleira de Medio Ambiente Angeles Vázquez para presentar o proxecto no mesmo lugar onde se pretende construír, a veciñanza manifestouse e até organizou unha tractorada improvisada pola parroquia para visibilizar ante a Consellería o seu total rexeitamento a este proxecto.

Dende a veciñanza reclamaron á Conselleira que se ubique a pranta nunha zona de uso industrial, como vén acontecendo con este tipo de proxectos, e canto menos que non afecte a poboacións e a terreos de uso agrario. Mostráronlle a súa preocupación polos cheiros que poden desprender, a preocupación de que poidan voar plásticos e outros materiais e rematar nas parcelas de uso agrario, e a pouca garantía do tratamento que se vai a facer coas augas de lixiviado nunha zona onde pasta o gando e nacen numerosos acuíferos.

Dende o Sindicato Labrego Galego apoiamos a loita da veciñanza, sumándonos as súas demandas e instamos a Consellería de Medio Ambiente e os concellos afectados a que actúen dun xeito transparente e claro, e que deixen de insistir en converter o medio rural nun vertedoiro das áreas urbanas.