ConcentraciónPediatría23out24

19/10/2024

A veciñanza da Terra Chá mobilízase en demanda dun servizo digno de pediatría

O SLG apoia a concentración convocada pola veciñanza este mércores 23 de outubro ás 13h. no centro de saúde de Castro. A falta de persoal médico é tan grave que moitos días os centros médicos están pechados ou un/ha profesional atende cupo de 3

Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) apoiamos a mobilización convocada pola veciñanza dos concellos de Cospeito, Castro de Rei e Outeiro de Rei (Lugo) reclamando unha atención pediátrica de calidade para as crianzas, procedendo a substituír as baixas da profesional asignada.

Dita mobilización terá lugar o mércores 23 de outubro ás 13:00 horas diante do Centro de Saúde de Castro Ribeiras do Lea.

Dende o Sindicato Labrego temos denunciado en reiteradas ocasións a precarización que a atención primaria e as especialidades teñen sufrido nos últimos anos, con especial incidencia no rural. Concellos da Terra Chá, coma Abadín, Muras, Xermade, Guitiriz ou Vilalba non contan coas prazas de profesionais cubertas.

Ademais a principios de ano iniciamos unha campaña informativa con charlas e a proxección do documental “Destruír É o Plan” da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Galega SOS SANIDADE PÚBLICA, as últimas realizadas en Vilalba e Friol, para achegar información e un debate moi necesario do que está a acontecer coa privatización da sanidade: a falta de profesionais e as carencias materiais responden a unhas políticas que debilitan os servizos públicos para favorecer os centros médicos privados.

Na Tera Chá o escenario é tan grave que danse moitos días nos que non hai persoal médico de ningún tipo e directamente os centros están pechados. Noutras ocasións un/ha so/a profesional ten que atender o cupo de dous ou tres médicos/as.

Esta situación -máis acentuada no no noso rural se cabe- é inaceptable, e é consecuencia de máis dunha década de políticas de xestión sanitaria que foron paulatinamente deteriorando este servizo esencial para a poboación ao tempo que impactou negativamente na saúde dos propios/as profesionais pola carga de traballo inasumible e o estress o que se ven sometidos/as.