31/07/2024
A Valedora do Pobo insta de novo á Consellaría a activar medidas para pór fin aos atrasos cronificados na xestión dos servizos para a dependencia e discapacidade
Por segunda vez neste ano a Valedora confirma ao SLG a persistencia dos atrasos e solicita á Consellaría máis medios. Esta semana reiteramos tamén as conclusións deste segundo informe durante o pleno do Consello Galego de Benestar Social
No mes de febreiro un informe da Valedora do Pobo realizado a instancias da vogal do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) no Consello Galego de Benestar Social (CGBS), Margarida Prieto Ledo, constatou a cronificación de descomunais atrasos na xestión das solicitudes de dependencia e discapacidade por parte da Consellaría de Política Social e Xuventude.
Neste mes de xullo, nunha segunda comunicación a Valedora María Dolores Fernández Galiño informounos da solicitude dun informe á Consellaría ao respecto das demoras na valoración de dependencia e da aprobación do Programa Individual de Atención (PIA), achegándonos as principais conclusións do mesmo.
Así, a través da Valedora puidemos coñecer que a Consellaría argumenta ter tomado medidas ao respecto, pero ao mesmo tempo asume que non só estas accións non deron lugar a unha subsanación do incumprimento de prazos na xestión das solicitudes, senón que ao provocar un aumento das solicitudes de revisión dos PIA os medios humanos e técnicos dispoñíbeis ficaron inda máis escasos, producindo unha acumulación de expedientes admitida no propio informe da Consellaría.
De feito, como confirma a Valedora, “os retrasos nas valoracións de dependencia, na aprobación dos programas de atención e na efectividade de determinados servizos xa aprobados” son coñecidos tanto a través das queixas presentadas tanto polo SLG como por outras organizacións e persoas. Ante as súas recomendacións, a Consellaría adoita respostar que a xestión de solicitudes realízase por orde de entrada.
Neste sentido, dende o Sindicato Labrego Galego secundamos a posición da Valedora ao dirixirse á Consellaría incidindo en que “o feito de que a Consellaría respectara a ordenación non xustificaba o incumprimento dos prazos” e que “a principal consecuencia destes retrasos é a falta de atención ou a atención insuficiente”, polo que canda as accións iniciadas pola Consellaría, como subliña a Valedora, “debera engadirse algunha outra medida que permita evitar os retrasos na determinación da dependencia e dos servizos ou prestacións que correspondan”.
Así pois, por segunda vez nesta primeira metade do ano 2024, a Valedora do Pobo incide na “confirmación dos retrasos” que motivan as queixas do SLG e conclúe que “os retrasos nas valoracións e aprobacións dos programas de atención continúan, polo que seguiremos atentos á necesidade de mellora”.
Como alertou esta mesma semana Margarida Prieto Ledo durante as súas intervencións no Consello Galego de Benestar Social, as actuacións da Consellaría semellan ser máis ben de cara á galería, modificando a redacción dos textos lexislativos sen mellorar realmente o seu fondo, e mesmo “colando” nestas modificacións cuestións que demoran inda máis os procesos de atención á dependencia e discapacidade.
A vogal do SLG tamén se interesou durante o pleno do CGBS pola incorporación das melloras solicitadas pola Valedora no mes de febreiro, así como polos datos exactos do número de persoas en lista de agarda, pero dende a Consellaría non se concretou ningún dato, limitándose a insistir en que están a realizar estudos sobre a actual situación en materia de dependencia e discapacidade.
Dende o Sindicato Labrego Galego pedimos algo moi simple á Consellaría: boten contas das solicitudes emitidas, estuden o tempo que leva a súa tramitación e contraten os medios humanos e materiais para que a mesma poda ser realizada no tempo estipulado por Lei. Niso consiste a responsabilidade de xestionar orzamentos públicos para fornecer servizos á cidadanía, ser eficaces na prestación de servizos é o obxectivo máximo de calquera administración, é totalmente intolerábel que unha cuestión tan relevante como é a asistencia a persoas dependentes -que potencialmente somos calquera de nós nun futuro- teña un mal funcionamento cronificado, que leva a que centos das persoas que solicitan este servizo morran antes de acceder ao mesmo.