Novas

  • A trampa da Xunta sobre o Acordo UE-Mercosur: unha convocatoria encuberta coa escusa da PAC – O SLG di NON ao tratado!

    A trampa da Xunta sobre o Acordo UE-Mercosur: unha convocatoria encuberta coa escusa da PAC – O SLG di NON ao tratado!

    • 10,Feb 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • acordo ue-mercosur
    • CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL
    • NON ACORDO UE - MERCOSUR
    • sindicato labrego galego
    • A Consellería do Medio Rural convocounos para tentar alcanzar un acordo común sobre o Mercosur dunha maneira encuberta, coa escusa de tratar a PAC.

    • Como levamos defendendo dende a chegada do posible acordo UE-Mercosur manifestamos o noso rotundo NON Á APLICACIÓN DO ACORDO e, dende logo, até que A ALIMENTACIÓN QUEDE FÓRA DESTE TRATADO.

    Galiza, 10 de febreiro de 2026. No día de onte a Consellería do Medio Rural (CMR) convocou ao Sindicato Labrego Galego, xunto a outras organizacións agrarias, para tratar dous puntos: a Política Agraria Común (PAC) e Acordo UE-Mercosur.Na PAC era para ver se había acordo no documento elaborado no grupo de traballado da PAC, que aí está correcto, si que hai acordo”, explica a gandeira e Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) María Ferreiro. Este documento sobre a PAC ten que ir asinado polo Consello Agrario e xa quedou a data marcada para o vindeiro 20 de febreiro, para a súa posterior entrega ao emitirase ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Até aquí todo ben. Os problemas xorden pola outra cara da moeda, polo acordo de libre comercio entre a Unión Europea e o Mercosur. Un tema que dende a Xunta de Galicia tentaron introducir dunha maneira forzada entre as persoas responsábeis das organizacións presentes, as cales confesaron, de maneira clara, que ese tema non era un tema para tratar nesa reunión, xa que hai posturas contrarias sobre o acordo UE-Mercosur e que non iamos chegar a un consenso.

    Que fixo a Consellería? Mentir.

    A Consellería do Medio Rural vén de anunciar nun comunicado que “tendo en conta a posíbel entrada en vigor do acordo UE-Mercosur, na xuntanza abordouse a posibilidade de elaborar unha declaración conxunta de respaldo a unha aplicación práctica reforzada do tratado, incluíndo unha serie de garantías máis específicas a poñer en marcha pola UE, o Ministerio e o propio Goberno galego, a maiores das cláusulas de salvagarda que xa contempla o propio acordo”, recollen no seu escrito. Tal e como afirma a Secretaría Xeral do SLG, non precisabamos unha xuntanza para chegar ao acordo da PAC, porque era algo que xa estaba falado. Que fixo a Consellería do Medio Rural? Maquillar un tema co outro. O que realmente quería a CMR era tentar presentar un acordo común sobre o tema do Mercosur, e reuniunos no contexto da PAC.

    “Nós dixemos que neste punto non pode haber ningún tipo de acordo nin de postura conxunta porque tal e como manifestamos no Consello Agrario do 16 de xaneiro, o Sindicato Labrego Galego ten unha postura contraria ao Acordo UE-Mercosur e se o acordo fose para adiante a alimentación debe sacarse do propio acordo. Non hai ningún feito que a nós nos cambie desa postura”, aseverou na xuntanza a gandeira María Ferreiro

    Dese xeito, a Xunta de Galicia pretendeu onte obter, dunha forma forzada e nada respectuosa, un documento conxunto da postura do Consello Agrario Galego sobre o acordo UE-Mercosur, con garantías e controis, para presentarlle ao Ministerio, dando por feito que o acordo ía entrar. “Nós dixemos que neste punto non pode haber ningún tipo de acordo nin de postura conxunta porque tal e como manifestamos no Consello Agrario do 16 de xaneiro, o Sindicato Labrego Galego ten unha postura contraria ao Acordo UE-Mercosur e se o acordo fose para adiante a alimentación debe sacarse do propio acordo. Non hai ningún feito que a nós nos cambie desa postura”, aseverou na xuntanza a gandeira María Ferreiro. E non foi a única, xa que máis responsábeis de organizacións agrarias tamén amosaron a súa opinión de que o tema de Mercosur non era un tema para tratar nesa reunión.

    Unha vez máis a Consellería do Medio Rural manipula e tenta facerlle chegar aos medios de comunicación e, polo tanto, á cidadanía, unha información errada e confusa, sen ser veraz coas conclusións acordadas. Dende o Sindicato Labrego Galego, como levamos defendendo dende a chegada do posíbel acordo UE-Mercosur manifestamos o noso rotundo NON Á APLICACIÓN DO ACORDO UE-MERCOSUR e, dende logo, até que A ALIMENTACIÓN QUEDE FÓRA DESTE TRATADO seguiremos opoñéndonos sen dar pé a ningún tipo de negociación.