A Seguridade Social notificou unha liquidación complementaria que afectará a persoas autónomas do sector agrario.
Desde o Sindicato Labrego Galego informamos á afiliación sobre esta liquidación complementaria e comunicamos que aínda non notificaron as regularizacións do ano 2024.
Galiza, 21 de novembro de 2025. Desde o Sindicato Labrego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), informamos á nosa afiliación de que a Seguridade Social comunicou unha revisión das cotas do Réxime Especial Agrario (REA) de autónomos correspondentes ao período comprendido entre setembro de 2021 e decembro de 2023. Esta revisión débese a que durante ese tempo non se aplicou correctamente a cotización por formación profesional, un erro administrativo que agora se procede a regularizar mediante unha liquidación complementaria.
O cargo correspondente a estas diferenzas realizarase o próximo 28 de novembro na conta bancaria habitual de cotización de cada persoa afectada. Segundo informou a propia Seguridade Social, os importes non son elevados e corresponden unicamente ao axuste da parte da cotización por formación profesional que non se aplicara no seu momento.
As persoas afectadas recibirán ademais unha notificación por SMS ou correo electrónico informándolles desta regularización. Para consultar o detalle das cotas, pódese acceder ao sistema IMPORTASS ou á Sede Electrónica da Seguridade Social.
Pendente a regularización das cotas do 2024
Cabe sinalar que, por outra banda, aínda non se coñece información sobre as regularizacións das cotas correspondentes ao ano 2024, unha cuestión que continúa pendente de resolución por parte da Administración. Non nos parece normal que, estando a finais de 2025, anden con trámites de 2024 e sen dar unha data de cando se fará esta regularización.
Desde o Sindicato Labrego Galego lembramos a importancia de revisar periodicamente as nosas cotizacións e poñémonos á disposición da nosa afiliación para resolver calquera dúbida relacionada con este asunto ou con outras cuestións de Seguridade Social.
Por último, desde o SLG reclamamos tamén que se habilite máis persoal nas oficinas da Seguridade Social para atender ás persoas autónomas, independentemente de que os trámites teñan que facelos de forma telemática. A dixitalización dos procedementos non pode supoñer o abandono da atención presencial, especialmente nun colectivo que a miúdo precisa acompañamento na xestión dos trámites administrativos.
