Novas

  • A Rede de Impulso á pequena Transformación Alimentaria (RITA) publica unha Guía para fomentar a posta en marcha de obradoiros compartidos

    A Rede de Impulso á pequena Transformación Alimentaria (RITA) publica unha Guía para fomentar a posta en marcha de obradoiros compartidos

    • 29,Xuñ 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • Obradoiros compartidos
    • RITA
    • sindicato labrego galego
    • Estes espazos colectivos permiten mellorar a sostibilidade e viabilidade do sector agroalimentario local e favorecen a profesionalización de actividades artesanais.

    • RITA identificou un crecemento sostido na última década con 35 obradoiros compartidos en funcionamento e 6 en proceso de posta en marcha a escala estatal.

    • O Sindicato Labrego Galego forma parte da Rede de Impulso á Pequena Transformación Alimentaria (RITA) canda ARCA (Associació d’Iniciatives Rurals i Marítimes de Catalunya), a Cooperativa Germinando, Extremadura Alimenta, SEAE (Sociedad Española de Agricultura Ecológica y Agroecología) e o Instituto de Estudos Campesiños da Universidade de Córdoba (ISEC-UCO).

    Galiza, 29 de xuño de 2026. A Rede de Impulso á Pequena Transformación Alimentaria (RITA) publica unha nova guía de recomendacións prácticas para impulsar a posta en marcha de obradoiros compartidos. Estas infraestruturas de uso colectivo, equipadas e rexistradas conforme a normativa sanitaria, solucionan un dos principais escollos para a actividade de pequenas producións locais e PEMES: os altos custos de investimento que supón empezar cun obradoiro propio. Esta vía para emprender gaña terreo nun contexto complexo, onde os custos de produción están á alza e hai moitas dificultades para que a agricultura familiar e os pequenos proxectos agroalimentarios saian adiante e atopen remuda xeracional. É aí onde os obradoiros compartidos se converten nunha peza clave: facilitan dar o salto da produción agraria a produtos xa elaborados, con valor engadido; e permiten probar a actividade antes de lanzarse ao mercado, sen realizar grandes investimentos. Funcionan, na práctica, como viveiros de emprendemento.

    As vantaxes do uso colectivo dos obradoiros

    Un obradoiro compartido funciona de varios xeitos: cada persoa produtora pode elaborar ela mesma os seus produtos, contratar a unha profesional para que os elabore a partir das materias primas achegadas, ou combinar ambas. Sexa como sexa, compartir o espazo permite sacar máis partido aos recursos e xerar sinerxías entre as partes.

    Ademais, estes espazos colectivos axudan a regularizar e comercializar elaboracións que se fan de forma caseira, o que favorece o autoemprego, a profesionalización do sector e a fixación de poboación en zonas rurais. A iso súmanse beneficios menos tanxíbeis pero moi importantes como son o fomento da cooperación e alianzas entre quen produce e elaboran, e con outros axentes da cadea alimentaria e do territorio. Na práctica, os obradoiros compartidos sosteñen a actividade agraria a escala local e todo o ecosistema que hai detrás.

    Sobre a Guía de Recomendacións Prácticas para Obradoiros compartidos

    Dirixida a entidades públicas e privadas que se expoñan impulsar un obradoiro no seu territorio, a Guía ordena o proceso, paso a paso, en bloques. Estes son:

    os cinco aspectos clave que convén resolver antes de empezar,

    as distintas formas de gobernanza e xestión,

    as modalidades de rexistro sanitario coas oportunidades e dificultades de cada unha destas,

    un mapa estatal de obradoiros xa en funcionamento e

    unha listaxe de documentos de referencia.

    Ao longo da guía preséntanse varios exemplos de éxito de obradoiros compartidos en cada un dos aspectos clave, en función da súa organización e gobernanza ou a súa modalidade de rexistro sanitario. Ademais, inclúese un mapa que mostra os 35 obradoiros identificados a nivel estatal así como outros 6 que se espera que proximamente estean en funcionamento. O obxectivo desta Guía, sostén o equipo impulsor da RITA, é que cada iniciativa arrinque de forma planificada, consciente e axustada ao seu contexto.

    A Guía de recomendacións prácticas para a posta en marcha de obradoiros compartidos está dispoñíbel de forma gratuíta neste enlace:

    https://taapa.org/recursos/guia-recomendaciones-obradores-compartidos-rita/

    O proxecto RITA impúlsano ARCA (Associació d’Iniciatives Rurals i Marítimes de Catalunya), a Cooperativa Germinando, Extremadura Alimenta, Sindicato Labrego Galego, SEAE (Sociedad Española de Agricultura Ecológica y Agroecología) e o Instituto de Estudos Campesiños da Universidade de Córdoba (ISEC-UCO).

    Conta co apoio e acompañamento da Fundación Daniel e Nina Carasso a través do seu eixo Alimentación Sostíbel, contribuíndo á transformación da sociedade cara a un modelo máis ecolóxico e inclusivo e un desenvolvemento en plenitude.

    Obradoiros de referencia xa en marcha: exemplos para compartir

    Dentro das actividades realizadas por RITA no último ano, impulsáronse formacións e visitas de aprendizaxe a varios dos obradoiros que aparecen na Guía. Para coñecer de preto experiencias en marcha, destacamos:

    El Quall (Alpens, Barcelona). Na comarca do Lluçanès, esta queixaría colectiva funciona como incubadora para quen quere emprender na transformación láctea artesá. Impulsada polo Consorci del Lluçanès, facilita a creación de proxectos emprendedores que achegan valor, dinamizan economicamente o territorio e crean emprego.

    El Quall combina formación especializada co acceso a unhas instalacións equipadas e habilitadas para case calquera elaboración con leite —quedan fora os xeados e a manteiga—, de modo que (durante 3 anos) os proxectos poden desenvolver, testar e comercializar o seu produto con todas as garantías antes de decidir se se emancipan nun obradoiro propio.

    S’Obrador (Binissalem, Mallorca). Xestionado pola Associació de la Producció Agrària Ecològica de Mallorca (APAEMA), é unha cociña industrial de uso colectivo dedicada a conservas e elaborados vexetais: confeituras, fermentados, encurtidos, zumes, legume cocido, deshidratados, salsas ou cremas, entre outros. Naceu en 2019 froito da colaboración entre a asociación de produtores/as ecolóxicos APAEMA e a cooperativa Productors Balears de Fruits Secs. S’Obrador responde á necesidade que tiñan os agricultores e agricultoras de APAEMA de transformar os seus excedentes e dar un valor engadido a determinados produtos. Alén do emprego que xerou, as persoas produtoras poden dar de alta as súas receitas —cumprindo todos os requisitos sanitarios— e elaborar baixo a súa propia marca ou a marca S’Obrador. Só en 2022 transformou 8.932 kg de produto, equivalentes a 31.281 unidades, ao servizo de 20 produtoras e produtores.