20/12/2024
A quen vai favorecer que a Consellaría do Medio Rural estea deixando esmorecer ás pequenas viticultoras e viticultores da Ribeira Sacra?
Confírmase que os anuncios de axudas da CMR para as persoas viticultoras foron unha cortina de fume para desmobilizar ao sector. Demandamos á CMR prezo e axuda compensatoria que garantan unha remuneración xusta ás viticultoras/es ante o anuncio do Consello Regulador de baixada de rendementos por hectárea
Comezando xa a poda para a vendima do 2025, moitas persoas pregúntanse na Ribeira Sacra cales son os intereses detrás da estratexia da Consellaría do Medio Rural (CMR) de demolición do modelo de pequenas e medianas viticultoras no que tradicionalmente se veu sustentando a produción desta Denominación de Orixe Protexida (DOP).
A hipótese maioritaria é que existen adegas industriais que cobizan facerse co prestixio acumulado nesta DOP, que ademais ten entre os seus valores engadidos a produción vinculada a unha paisaxe singular, con grande potencial noutros sectores económicos como o turismo. Semella que a nova conselleira, utilizando a manida estratexia de anuncio de medidas falsas a través dos medios de comunicación, conseguiu superar o verano e a vendima.
Outra cuestión que está no ruxe-ruxe da comarca é por que motivo as organizacións agrarias que romperon a unidade sindical nas mobilizacións argumentando fiarse das promesas da administración galega, atópanse tan cómodas na situación que temos agora, é dicir, co abandono de decenas de produtoras e produtores, e en ningún momento critican á Xunta nin se queixan do incumprimento dos acordos.
Cómpre lembrar que, en plenas mobilizacións, a Consellaría chantaxeou ás organizacións agrarias esixindo o cese das mesmas a cambio de manter unha xuntanza, un plantexamento non só abusivo, senón mesmo ilóxico nunha administración pública, que ten precisamente entre os seus deberes e competencias traballar conxuntamente cos axentes lexitimados no sector. A represalia contra o SLG por non ter aceptado esta chantaxe foi cancelar a xuntanza que tiña comprometida con nós e non convocarnos a ningún encontro nos que se tratou esta problemática.
O tempo adoita poñer as cousas no seu sitio. Sen dúbida, o paso dos meses está servindo para concretar que a alianza estratéxica entre a Consellaría do Medio Rural e as organizacións agrarias que romperon as mobilizacións implicou as seguintes consecuencias:
-Non foi activada ningunha axuda para as viticultoras e viticultores.
-Non se deron explicacións de por que en ningún momento o Goberno autonómico valorou adoptar un marco legal para aprobar axudas de minimis,como si fixo no seu momento La Rioja.
En definitiva, malia aos anuncios institucionais, a Xunta de Galicia non activou ningunha medida de apoio directo ás persoas viticultoras, nin tampouco se aprecia horizonte de traballo ningún que protexa a produción da vendima do vindeiro ano e non vernos de novo na mesma situación.
A vendima do ano que ven empézase agora polo que, se a Xunta de Galicia segue sen tomar ningunha medida, van quedar cepas sen podar. As viticultoras e os viticultores son perfectamente conscientes de que, no caso de que a uva se recolla para o ano, os prezos moi baixos da última campaña van marcar a tendencia da vindeira.
Dende o Sindicato Labrego Galego seguimos cuestionámonos por que, malia terse alertado desta situación dende moito antes do inicio da vendima, a Consellaría do Medio Rural estivo ignorándoa durante meses, e só baixo a presión das mobilizacións saíu anunciando medidas, sen que finalmente ningunha chegara ás persoas produtoras.
Medidas do Consello Regulador
Nesta mesma liña cómpre valorar as medidas recentemente propostas polo Consello Regulador, xa que non serán eficaces se non son acompañadas por accións complementarias por parte da CMR que garantan unha remuneración xusta para os viticultores e viticultoras diante da baixada de rendementos, como si se levaron a cabo en noutras Denominacións de Orixe.
Agardamos que o prezo da uva da Ribeira Sacra no ano 2025 non sexa a un euro ou menos dun euro por quilo, cun rendemento de sete mil e pico quilos por hectárea, xa que tendo en conta os custos de produción, unha vendima a ese prezo sería a estocada final para as pequenas e medianas produtoras da viticultura heroica.
Máis información:
Denuncias e medidas demandadas polo SLG:
23 de Outubro de 2024: Diriximos cartas á Conselleira, AGACAL e aos 19 concellos da DO Ribeira Sacra demandando apoios para as viticultoras/es
11 de Outubro de 2024: Moita uva sen vendimar, vendas por baixo de custos e incumprimento da Lei da Cadea Alimentaria
29 de Setembro de 2024: As mentiras da Xunta: non hai folla de ruta para as viticultoras e viticultores da Ribeira Sacra
29 de Setembro de 2024: Alfonso Rueda abandona a Ribeira Sacra pola porta de atrás ante a mobilización das viticultoras/es
28 de Setembro de 2024: As viticultoras e viticultores da Ribeira Sacra achegarán mañá a Alfonso Rueda as súas reivindicacións
25 de Setembro de 2024: Onde están as axudas e garantías para as viticultoras e viticultores da Ribeira Sacra?
19 de Setembro de 2024: #SOSRibeiraSacra: Lanzamos campaña de denuncia a pé de rúa e nas redes sociais
17 de Setembro de 2024: Abonda de mentiras ás viticultoras/es da Ribeira Sacra: fai meses que se contempla marco legal para xestionar esta crise
13 de Setembro de 2024: Ata que haxa medidas reais de apoio, as viticultoras e viticultores da Ribeira Sacra seguirán en pé de loita
12 de Setembro de 2024: Concentración polo presente e futuro da Ribeira Sacra, MAÑÁ, venres 13, ás 11.30h. na Consellaría do Medio Rural (Lugo)
6 de Setembro de 2024: Entrega de batería de medidas inmediatas ao Consello Regulador Ribeira Sacra
5 de Setembro de 2024: VENRES 6 de setembro: Concentración diante do Consello Regulador Ribeira Sacra
3 de Setembro de 2024: Só o compromiso de recollida e prezo pode resolver o problema de fondo na Ribeira Sacra
29 de Agosto de 2024: 6 de setembro: Concentración diante do Consello Regulador Ribeira Sacra
23 de Agosto de 2024: Viticultoras/es da Ribeira Sacra reciben xa cartas e chamadas confirmando a negativa das adegas a recollerlles a uva
19 de Agosto de 2024: Solicitamos á CMR a convocatoria urxente dunha mesa de traballo para abordar a crise da Ribeira Sacra
23 de Xullo de 2024: A climatoloxía adversa fai perder ás viticultoras e viticultores das Rías Baixas parte da colleita
4 de Xuño de 2024: Reiteramos á Consellaría do Medio Rural a pertinencia de convocar unha xuntanza con tódolos sectores para abordar medidas fronte á crise de excedentes na Ribeira Sacra
9 de Maio de 2024: Urximos a adoptar medidas reais de protección para as persoas viticultoras e o noso modelo de produción