Pepe Ramón en Xenebra

01/01/2006

A policía de Hong Kong libera a Xosé Ramón Cendán tras dous días de cativerio

O noso compañeiro do Sindicato Labrego Galego atopábase na cidade chinesa participando nas mobilizacións contra a OMC

 

O membro das executivas do Sindicato Labrego Galego (SLG) e da Coordinadora Labrega Europea (CPE), Xosé Ramón Cendán, vén de confirmar vía telefónica a súa liberación. A nova coñecíase cara ao mediodía do luns, 19 de decembro. Cendán fora detido en Hong Kong polas autoridades chinesas o serán do 17 de decembro (hora española), por participar nas protestas contra o VI Cumio Interministerial da OMC. 

 

Fronte á globalización da economía que se estaba a negociar no cumio da OMC en Hong Kong, revivíronse de xeito paralelo protestas tamén globais, como xa acontecera en Seattle ou Cancún. As protagonistas das mobilizacións foron, fundamentalmente, as organizacións agrarias, coa Vía Campesina á fronte, movemento que integra a organizacións agrarias de todo o mundo, entre as que se inclúe o Sindicato Labrego Galego. Non en van, a agricultura era o sector que máis se xogaba nas negociacións. Neste senso, o SLG enviou ás protestas de Hong Kong ao seu responsábel de relacións internacionais, Xosé Ramón Cendán, único galego presente no cumio e estrela mediática por uns días a causa da súa detención polas autoridades chinesas.

 

Cando isto aconteceu, moitos preguntáronse que demo pintaba un galego manifestándose en Hong Kong. O propio Cendán explicábao á súa chegada ao aeroporto de Lavacolla na madrugada do 21 de decembro: “colaborando en todo o posíbel para opoñernos a que se faga unha liberalización aínda maior da economía”.

 

O sindicalista, que viaxou a China en calidade de membro das executivas do SLG e da Coordinadora Labrega Europea (CPE), foi detido cando el e un milleiro de manifestantes tentaron achegarse ao edificio onde tiñan lugar as negociacións. Iso acontecía no serán do sábado 17 de decembro, hora galega. O propio Cendán relata que “máis de mil manifestantes fomos arrodeados e detidos nunha rúa ancha por 8.000 efectivos da policía. A cada hora, ían achegándose un pouco máis a nós e estreitando o cerco. Estivemos así toda unha noite, con moito frío”. Despois viría a detención, as esposas nos pulsos, e dous días de cárcere. No caso de Xosé Ramón, pasou parte dese tempo en observación nun hospital por detectárselle síntomas de febre por mor do frío soportado toda a noite á intemperie.

 

 O SLG en Lavacolla recibindo a Pepe Ramón

 

Familiares, compañeiros e compañeiras de traballo, e xente afiliada ao Sindicato Labrego Galego, transnoitaron para darlle a Xosé Ramón Cendán un agarimoso recibimento

 

Alén da anécdota da detención de Xosé Ramón Cendán, se houbese que resumir en dúas palabras o que reivindicaban os miles de manifestantes que lle augaron a festa á OMC, estas serían “soberanía alimentaria”. Iso era o que demandaba Cendán para Galiza, e o que reclamaban os seus compañeiros vidos dos cinco continentes: o dereito dos labregos e labregas de cada país a alimentar ao seu propio pobo. Respectar ese dereito suporía a necesidade de protexer as fronteiras á entrada de produtos foráneos e manter viva unha agricultura de carácter labrego e familiar orientada ao abastecemento local e interior. Esta reivindicación traduciuse nunha esixencia: a agricultura non pode ser obxecto de negociación na OMC. En palabras do actual coordinador da Vía Campesina, o indonesio Henry Saragih, “as persoas, os pobos, o medio ambiente, o planeta e a vida, non poden ser postos en poxa comercial, como está a acontecer coa agricultura. A OMC pon en perigo a viabilidade do xeito de vida labrego para transformalo nunha simple industria de produción de alimentos sen campesiñado”. Dende o SLG, engaden que “á agricultura non se lle poden aplicar as regras do economicismo nin do libre mercado, xa que dela depende a alimentación das persoas e, por engadido, a súa saúde”.

 

Cendán advertía que “a consecuencia da liberalización dos mercados para a agricultura galega sería que o noso medio rural rematase convertido nun auténtico deserto. Nós non podemos chamarlle competencia a facerlle fronte a salarios que moitas empresas, incluídas as españolas, pagan en países de África, Asia e América Latina, con obreiros cobrando soldos mensuais de entre 60 e 80 euros, para producir hortalizas, carne, viño, patacas ou leite a prezos tirados. Iso en Europa non é posíbel. Precisamente, por esa baixada constante dos prezos agrarios e da renda agrícola pechan de seguido explotacións en toda Europa e en Galiza, e fican zonas rurais enteiras desertizadas”.

 

A pesares do mal trago do encarceramento, o sindicalista galego afirmou ter “un bo recordo das mobilizacións, da forza que se fixo e do compañeirismo demostrado. Cómpre ter en conta que tivemos moitas dificultades para poder manifestarnos con liberdade, xa que nos querían manter a raia lonxe do edificio onde se negociaba para que non se nos vise. Aínda así, houbo importantes manifestacións que pretenderon, fundamentalmente, que poida seguir existindo agricultura no mundo, ou que siga habendo unha educación e unha sanidade públicas”.
En canto aos logros acadados nas negociacións, “constituíron un avance en canto a axenda, pero non en resultados concretos”. De feito, Cendán amosouse máis preocupado cos orzamentos comunitarios aprobados tamén esta semana, pois “alén dos cartos que se puidesen gañar ou perder, supuxo un retroceso o feito de baixar a porcentaxe do que debe aportar cada país, xa que iso se traducirá nunha redución de servizos. A tendencia debería ser a contraria. Teñamos en conta que os países máis avanzados son aqueles nos que hai uns impostos máis altos, como Noruega, xa que cuns ingresos maiores pódense facer mellores políticas das que se beneficie a cidadanía”.

 

Aínda que puidemos ver a Xosé Ramón Cendán visibelmente fatigado á súa chegada a Galiza, xa que levaba “cinco días sen case durmir”, non esqueceu lembrar que “temos unha nova cita a finais de abril en Xenebra, cun novo encontro da OMC, e haberá que seguir loitando aí. Pero non só loitando fronte aos ministros que negocian a porta pechada o noso futuro, senón tamén a nivel local, como fixeron o Sindicato Labrego Galego e a CIG en Compostela o 15 de decembro. Penso que hai que comprometer á sociedade para que se sigan mantendo os dereitos da cidadanía”.

 

A campaña galega

Na Galiza, foi o Sindicato Labrego Galego quen levou a batuta das mobilizacións contra a OMC cunha campaña que comezou a principios do verán. Así, o SLG, co apoio puntual doutras organizacións sociais e sindicais, visitou as principais vilas e cidades galegas para informar sobre as consecuencias da liberalización comercial no noso país. Conferencias, debates, música, ou mostra e degustación de produtos labregos, foron algunhas das armas utilizadas para combater á OMC.

 

A culminación desta campaña veu coa manifestación do 15 de decembro en Compostela, organizada por CIG e SLG, na que dous milleiros de persoas se sumaron ás protestas globais que estaban acontecendo eses días de xeito paralelo ás negociacións no VI Cumio da Organización Mundial do Comercio.

 

Agradecementos

O SLG amosou a súa satisfacción pola liberación de Cendán e das outras persoas detidas, e agradeceu publicamente a solidariedade achegada por diversas persoas e organizacións; amais das xestións feitas para a súa liberación por parte do deputado do BNG no Congreso, Francisco Rodríguez; da Consellaría de Medio Rural; da Delegación do Goberno en Galiza; da Consellaría de Presidencia; e o consulado español en Hong Kong.

 

Xosé Ramón Cendán naceu en Abadín (Lugo) en 1958, e forma parte do Sindicato Labrego Galego dende 1977. Dende o ano 2001, forma parte da Executiva da Coordinadora Labrega Europea (CPE) e representa a esta organización no Comité Consultivo de Desenvolvemento Rural da Unión Europea. Actualmente, ocúpase de coordinar as relacións internacionais do Sindicato Labrego Galego. Cendán atopábase en Hong Kong dende o 10 de decembro, a onde viaxou para apoiar as mobilizacións contra o cumio da OMC e en defensa de todos os sectores agropecuarios de Galiza, en serio perigo se levan adiante a pretendida liberalización dos mercados agrarios internacionais.