01/10/2024
A polémica empresa Cobre San Rafael utiliza prácticas de dubidosa ética coa veciñanza de Touro - O Pino
Envalentonados pola declaración da mina como PIE por parte da Xunta, levan meses ameazando ás veciñas/os con expropiarlles. Reiteramos que a declaración PIE desta mina é un escándalo político: ten unha DIA negativa e acumula décadas de denuncias e sancións
Nas últimas semanas o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas foi alertado de reiterados episodios de acoso e intimidación por persoas do entorno da empresa Cobre San Rafael á veciñanza de Touro-O Pino.
Envalentonados pola declaración da mina como Proxecto Industrial Estratéxico (PIE), individuos vinculados á empresa están levando a cabo visitas intimidatorias nos domicilios das persoas propietarias dos terreos -en ocasións ata catro veces-, moitas delas maiores e/ou que viven soas. Tamén están conseguindo os números de teléfono daquelas que non viven no concello, e realizando chamadas telefónicas de presión, sen aclarar a procedencia dos informadores que están a facilitar estes datos persoais, e confundindo á xente indicando que a mina xa está a aprobada e abrirá despois do Nadal.
“Nestes encontros forzados, os enviados da empresa utilizan a coacción para que lles sexan vendidas as terras decontado, ameazando se non ca expropiación. Esta situación está a crear angustia entre as veciñas e veciños, ao tempo que incrementa a tensión xa existente na comarca con esta mina a ceo aberto, claramente rexeitada pola cidadanía”, abonda a veciñanza agrupada na Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non.
Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) amosamos o noso total apoio á loita levada adiante por esta Plataforma, e canda elas cuestionámonos que tipo de empresas elixe a Xunta de Galicia como compañeiras de viaxe. “Fai menos dunha semana dabamos conta da posible prevaricación de directores xerais e funcionarios da Consellaría de Economía na autorización da mina solicitada por Materiales Cerámicos Materias Primas, S.L en Muras, anulada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) cunha sentenza que precisamente enfatiza o favorecemento político da tramitación dese expediente”, lembra a coordenadora da loita contra o acaparamento de terras no SLG, Margarida Prieto. “Agora outra das empresas ás que leva anos apoiando non só pretende explotar unha mina con Declaración de Impacto Ambiental (DIA) negativa e varias sancións, senón que tamén se adica a violentar ás veciñas e veciños nas súas propias casas”.
Coñecedora do apoio por parte da Administración pública, esta empresa obvia por completo que as persoas propietarias dos terreos teñen deito a decidir que facer cos mesmos, chegado o caso.
Dende o Sindicato Labrego Galego e a Asociación Mina Touro-O Pino Non, esiximos á empresa Cobre San Rafael e ao seu entorno que cese inmediatamente nas súas manobras de presión á veciñanza, e ao Goberno galego lembrámoslle que precisamente nesa contorna existe unha economía diversificada entre multitude de sectores como o agroalimentario, gandeiro, forestal, servizos, comercio ou turismo, en especial o vinculado ao Camiño de Santiago.
Abrir a mina de Touro significaría que a propia Xunta de Galicia non nos permita vivir das nosas granxas, dos noso pequenos negocios, etc. para que unha empresa con longa traxectoria de nefastas praxes ecolóxicas se lucre a costa da nosa saúde, da destrución da natureza e da apropiación pola forza dunhas terras agrarias que non lles pertencen.
PIE: o lucro das empresas por riba dos dereitos das persoas
O pasado mes de xuño alertamos do escándalo político que significaba a decisión da Xunta de Galicia de privilexiar a Cobre San Rafael -polémica polos seus reiterados episodios de contaminación- declarando Proxecto de Interese Estratéxico (PIE) a mina a ceo aberto que a empresa quere explotar no concello de Touro-O Pino.
O PIE é unha figura inventada ad hoc polo Partido Popular instrumentalizando a Administración galega que lle permite privilexiar a determinadas empresas -maiormente as extractivas de recursos naturais- por riba das normativas medioambientais. Utilízana para forzar a aprobación de proxectos especialmente lesivos para a saúde das persoas e da natureza, moi habitualmente acompañados dunha forte e consciente a oposición social aos mesmos.
Permite ás corporacións cuestións estratéxicas como expropiar de xeito forzoso as terras da veciñanza, acelerar a tramitación do proxecto ou limitar á metade do legal o tempo no que vai estar a exposición pública, poñendo deste xeito significativos impedimentos para dificultar que a cidadanía poda estar informada e defenderse dun plan de negocio industrial que prexudica gravemente a saúde poboación e o territorio.