Novas

  • A mudanza climática é unha realidade, as pequenas granxas labregas tamén

    A mudanza climática é unha realidade, as pequenas granxas labregas tamén

    • 09,Out 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • cambio climático
    • Sector Vexetal

     

    • Dende o sector vexetal do Sindicato Labrego Galego demandámoslle á Consellería do Medio Rural a adopción de medidas de apoio ás pequenas produtoras de froita e hortalizas do noso país, fartas de ser sempre as esquecidas, a pesares do importante papel que realizamos, a nivel económico, social e ambiental.

    • Na campaña de 2026 puidemos observar as consecuencias, directas e indirectas, do cambio climático no sector vexetal. Lembramos que a horta representa o 17,5 % do valor da produción da rama agraria galega (case o 43% da produción vexetal galega), sendo a cuarta comunidade autónoma por valoración económica da súa produción.

    • Neste escenario climatolóxico, presente e futuro, a pequena produción labrega, a pesares de ser a grande afectada, tamén é unha das chaves para que o territorio sexa máis resistente ao cambio climático e a agroecoloxía unha das ferramentas para acadar os obxectivos europeos de neutralidade de carbono de aquí a 2050.

    Galiza, 9 de outubro de 2026. Nos últimos anos estamos a ver como se baten récords meteorolóxicos ano tras ano, de feito os últimos 4 anos atópanse entre os mais calorosos da serie histórica galega, pero tamén 2024 e 2025 estiveron por riba da media no que respecta ás precipitacións. Pero seguimos sufrindo episodios de seca.

    Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) lembramos que xuño de 2025 foi o mais cálido da serie con anomalías de 3ºC por riba da media. Lonxe de mellorar, xuño de 2026 foi o segundo mais cálido, despois do de 2025, con anomalías de 2,6ºC por riba do valor normal climatolóxico1.

    O problema non é simplemente que chova menos ou que faga máis calor, o problema é que a climatoloxía é cada vez mais irregular e extrema, rompendo os ciclos aos que estabamos acostumadas. Nos últimos anos estamos a observar como a episodios de choivas moi intensas lles seguen episodios de temperaturas extremas.

    Esta situación non só afecta á produción, senón que tamén afecta á planificación. O novo escenario climatolóxico xera maior incerteza e falta de previsibilidade, dificultando a programación das producións, o que pode significar perder prezo, calidade ou mercado.

    A horta na campaña de 2026

    Os cultivos hortícolas de verán son, en momentos concretos do seu ciclo, especialmente sensíbeis a episodios de estrés térmico, reducindo a súa produtividade e estragando froitos que perden valor para a súa comercialización. Neste sentido, temos un punto “agochado” de perda de rendibilidade, xa que cando se fala de produción fálase, polo xeral, de cantidade, pero non da calidade desa produción. As elevadas temperaturas deste verán tamén elevaron o destrío.

    Nesta campaña de 2026 puidemos observar como cultivos de tomate e pementos, xa no mes de xuño, mostraban síntomas de estrés térmico por exceso de temperaturas. A solución non pode ser simplemente regar máis, especialmente nun ano como este no que apenas houbo precipitacións e apenas hai un mes 107 concellos mantiñan algún tipo de alerta por seca.

    Pero o sector vexetal non só está a sufrir os efectos directos da climatoloxía, senón tamén os seus efectos indirectos: a combinación de calor, humidade e cambios bruscos de tempo tamén modifica as condicións para unha maior presenza de pragas e enfermidades, o que incrementa a presión fitosanitaria sobre os cultivos.

    Á vez que aparecen novas pragas e enfermidades, as existentes desprázanse cara a lugares nos que antes non representaban un problema.

    As granxas pequenas, unha das chaves contra o cambio climático

    O cambio climático está a golpear un sector que xa parte de determinadas fraxilidades: pequena dimensión das granxas, pouca capacidade de investimento, problemas de acceso á terra, falta de man de obra, dificultades para a comercialización e a escasa capacidade para repercutir custes de produción no prezo final do produto.

    Unha mesma seca non ten o mesmo efecto nunha grande finca capitalizada con rega, infraestrutura e seguro que nunha pequena finca diversificada que vende directamente no mercado local.

    Neste escenario climatolóxico, presente e futuro, a pequena produción labrega, a pesares de ser a grande afectada, tamén é unha das chaves para que o territorio sexa máis resistente ao cambio climático e a agroecoloxía unha das ferramentas para acadar os obxectivos europeos de neutralidade de carbono de aquí a 20502.

    Falta de axudas no sector vexetal

    A horticultura galega está a gañar peso económico e superficie, pero segue tendo unha política de apoio público menos específica que a gandaría. Mentres o vacún dispón de pagamentos asociados á produción, axudas por animal, medidas agroambientais específicas e mecanismos extraordinarios activábeis ante determinadas crises, a horta depende en maior medida de axudas horizontais, investimentos e medidas agroambientais.

    O sector hortícola galego apenas recibe axudas comparado co resto de subsectores. Se ben é certo que podería acceder a elas (PAC, plans de mellora,…) dado o deseño político destas e a dimensión media das granxas agrícolas galegas, a maioría delas quedan excluídas por non acadar os mínimos necesarios. Non é de recibo que unha pequena granxa de horta de 2 Has de superficie e que mantén a 2 persoas no territorio, para acceder a un plan de mellora teña que realizar un investimento mínimo de 15.000 €.

    Aínda así, a horta representa o 17,5 % do valor da produción da rama agraria galega (case o 43% da produción vexetal galega) sendo a cuarta comunidade autónoma por valoración económica da súa produción, con algo máis de 660 M€ pagados ás labregas que cultivan case 9.460 Has de superficie3.

    En contra do que ocorre noutros territorios, case a totalidade da horta producida no noso país se consume aquí, exportando unha cantidade ínfima do producido (<2%), agás no caso da pataca, polo que podemos afirmar que a horta é o sector que máis aporta á soberanía alimentaria da Galiza e que máis pode axudar á mitigación do cambio climático e á resiliencia do noso sistema agroalimentario.

    Medidas que cómpre activar

    Dende o Sindicato Labrego Galego pedímoslle á Consellería do Medio Rural que se poña a traballar a reo a favor de reforzar o sector hortícola galego, fartas de ser sempre as esquecidas deste país, a pesares do importante papel que realizamos, a nivel económico, social e ambiental.

    Van aló 10 meses dende que a Consellería do Medio Rural prometeu “máis de 172.000 euros para un novo programa de apoio a produtores de froitas e hortalizas”4 dos que descoñecemos o seu destino e aplicación que, a pesares de ser unha cantidade insuficiente e irrisoria, poderían ter sido de moita utilidade para as pequenas produtoras de horta do noso país..

    Así, dende o sector vexetal do SLG demandámoslle á CMR a adopción de medidas de apoio ás pequenas produtoras de froita e hortalizas do noso país:

    • Reservar unha parte axeitada, suficiente e realista dos orzamentos galegos para o sector hortofrutícola.

    • Axeitar o deseño das liñas de axuda para garantir o acceso aos pequenos proxectos labregos (reducir límites de investimento, límites de superficie,…).

    • Liña específica de axuda para a adaptación dos invernadoiros existentes ao novo escenario climatolóxico (mellora da ventilación, estruturas de sombreado, automatización do control climatolóxico,…).

    • Liña de axuda específica para acometer melloras e investimentos e adaptación ao cambio climático en granxas hortofrutícolas, adaptada á realidade do sector (mellora dos sistemas de rega, enerxías renovábeis,….).

    • Implementar un servizo público de asesoramento ao sector, especialmente no que respecta á adaptación e control das novas pragas e enfermidades derivadas da mudanza climática ou, como mínimo recuperar a figura das agrupacións de defensa vexetal ao igual que se auxilian as agrupacións de defensa gandeira.

    _______

    1 Meteogalicia.

    https://www.meteogalicia.gal/web/publicacions/anuarios-e-informes-climatoloxicos

    2Agroecology and carbon neutrality in Europe by 2050: what are the issues? https://www.iddri.org/sites/default/files/PDF/Publications/Catalogue%20Iddri/Etude/201904-ST0219-TYFA%20GHG_2.pdf

    3Plan estratéxico da horta de Galicia 2023 – 2030 https://mediorural.xunta.gal/sites/default/files/anuncios/2024-01/plan-estratexico-horta-250124.pdf