MobilizaciónMuras23-2

21/09/2024

A loita na defensa da terra dá resultados: celebramos a paralización da mina San Acisclo (Muras)

Malia ás reiteradas irregularidades, infraccións e alarma social, esta mina foi favorecida pola Administración galega. Dende o ano 2020 actuamos contra esta ampliación mineira. Solicitaremos de novo a caducidade das súas concesións

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) celebra a recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulando a concesión da Xunta para o desenvolvemento da mina de feldespato San Acisclo número 4076, situada no termo municipal de Muras (Lugo) e promovida por Materiales Cerámicos Materias Primas SL.

Se cadra nos vindeiros días voltamos abochornarnos vendo á conselleira de medioambiente e cambio climático, Ángeles Vázquez, índose laiar a Bruxelas de que os tribunais galegos insisten en facer cumprir a normativa medioambiental e de participación cidadá vixente en lugar de darlle para adiante todo canto proxecto industrial presentan os clústers empresariais, como recentemente presenciamos con respecto aos polígonos eólicos, sector onde a propia anterior conselleira de medioambiente do PpdG, Beatriz Mato -a día de hoxe na cúpula directiva de Greenalia-, ten intereses económicos.

Queremos parabenizar por este éxito ao Concello, á veciñanza organizada e ás asociacións ambientalistas que interpuxeron contenciosos para botar abaixo a autorización da Xunta. É moi importante que valoremos e non esquezamos que a loita social na defensa da terra si que dá resultados. Vémolo con esta mina que se parou grazas ao traballo en rede da cidadanía, pero tamén por exemplo ca paralización da mina de coltán da Penouta (Ourense), a de cuarzo que a empresa ERIMSA quería explotar na Terra Chá ou na importante cantidade de sentenzas que están a facer fronte á invasión de polígonos industriais eólicos”, salienta Margarida Prieto Ledo, do SLG na Terra Chá e coordenadora da loita contra o acaparamento de terras no Sindicato Labrego.

Como denunciamos en reiteradas ocasións, esta concesión mineira que data do ano 1969 vén acumulando irregularidades en aspectos como a súa tramitación ou na transmisión de dereitos que tiñan que ser declarados caducados por inactividade constatada polo menos dende o 2008. Ubícase ademais na Proposta de ampliación da rede Natura 2000 de Galicia (2011), vulnerando a Directiva 92/43/CEE relativa á Conservación de Hábitats Naturais e da Fauna e Flora Silvestres, así como a Directiva Marco da Auga.

Se ben a finais do ano 2020 o Sindicato Labrego Galego xa presentou as primeiras solicitudes de información da concesión que agora se pretendía explotar, non foi ata mediados do ano 2021 cando se nos proporcionaron os primeiros datos, logo de presentar unha queixa na Valedora do Pobo.

Previamente a esta denuncia na Valedora as solicitudes perdíanse por Santiago e tardaban dous meses en entrar na delegación de Industria de Lugo -explica Prieto-. Sempre tivemos a sensación de que a Administración estaba tomando parte claramente pola empresa, dándolle para adiante a un expediente inzado de irregularidades. Dende o SLG comezamos a alertar á veciñanza, mantivemos xuntanzas, acudimos ao pleno do concello -co que tamén tivemos reunións- e convocamos mobilizacións”.

MobilizaciónMuras23

PlenoMuras

Sometido a información pública dende o 7/01/2022 (DOG Núm. 13, de 20 de xaneiro de 2022), cómpre destacar en primeiro lugar que nos seus aspectos máis importantes este proxecto para a extracción de feldespato -que a promotora tentou presentar como unha ampliación da mina do 1969 malia non gardar similitudes en canto a tamaño e tipo de explotación- era idéntico ao denegado pola Xefatura Territorial o 31/10/2019, pero visado en distinta data.

No 2022 o Sindicato Labrego Galego Galego, a asociación Petón do Lobo, Fundación Montescola e Ecoloxistas en Acción Lugo, canda outros colectivos da Rede Galega Contra a Minería destructiva da Galiza, Contraminacción e entidades e asociacións ambientalistas da Terra Chá, como Espazo Agroecolóxico, A Estruga e Terra Chá Sostible presentamos alegacións contra a aprobación do proxecto de explotación e o plan de restauración desta explotación de recursos mineiros.

A solicitude do Sindicato Labrego Galego, en xaneiro do 2023 a Deputación de Lugo emitiu un informe en relación ao proxecto de ampliación da explotación mineira San Acisclo. Nas conclusións do mesmo manifestou a súa “preocupación polo estado de conservación das zonas húmidas da Reserva da Biosfera Terras do Miño, en especial polas da Serra do Xistral, as cales albergan os maiores valores ambientais desta Reserva, así como pola afección a hábitats prioritarios e de interese comunitario, e recalcamos que, en ningún caso, o órgano de xestión desta Reserva de la Biosfera foi coñecedor, así como tampouco informou nin autorizou (ao non ser a Administración competente) o proxecto”.

Ademais das súas múltiples irregularidades, e mesmo carecendo das preceptivas autorizacións de augas, ambiental e urbanística, a promotora tratou de realizar traballos mineiros, denuncia que Margarida Prieto Ledo documentou e trasladou o 13 de marzo do 2023 ao concello de Muras e á Polícía Autonómica. O 16 de marzo o Concello emitiu unha orde de paralización. Esa mesma tarde convocamos unha mobilización canda a veciñanza para esixir a admisión dos recursos de reposición presentados polas veciñas e veciños, organizacións ambientalistas e o SLG e a revocación dos permisos concedidos pola Xunta de Galicia.

Uns meses despois, o 15 de xuño do 2023, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) suspendeu a autorización da Xunta pola súa proximidade a espazos protexidos, acollendo a pretensión da asociación Petón do Lobo. É un detalle importante neste senso, que ilustra os intereses de fondo da administración galega, que neste fallo o TSXG especifica que ten que “rexeitar o argumento que ofrece o defensor autonómico acerca de que a asociación medioambiental carece de lexitimación para interesar a medida cautelar”, revelando unha rechamante belixerancia da administración pública contra organizacións sociais que velan pola preservación do medioambiente.

A finais dese mesmo ano, o Consello Científico do Comité Español do Programa MaB da UNESCO deu a coñecer o resultado do “Informe Puntual relativo á incidencia dun proxecto de explotación mineira na Reserva da Biosfera de Terras do Miño (Proxecto Mineiro San Acisclo, Muras, Lugo)”, realizado tamén a solicitude do Sindicato Labrego Galego,  no que se confirmaron cuestións moi graves, como a constancia de que o “Proxecto de explotación: CE ampliación a San Acisclo e plan de restauración CE ampliación a San Acisclo” non fora sometido a un proceso de avaliación de impacto ambiental -a pesares de incluír unha área de afección de 61.215m2 nunha zona tampón dunha Reserva de Biosfera-.

Ao igual que á Deputación de Lugo, tampouco lle pasou desapercibido a este organismo da UNESCO a conivencia da Administración galega con este tipo de proxectos, sinalando no inicio do seu informe que a Comunidade Autónoma de Galicia non remitira ningunha información á Secretaria do Comité MAB, e advertindo de que esta era unha situación “que resulta común coa acontecida noutros expedientes, xerándose unha situación anómala que afecta o proceso de avaliación das incidencias nas Reservas de Biosfera de Galicia”.

Nos vindeiros días imos solicitar novamente á Xunta de Galicia a declaración de caducidade das concesións e instar ao concello de Muras a que faga o propio. Agardamos que despois desta sentenza, que entre outras cousas evidencia o desleixo da administración galega no tocante a protexer á poboación dos impactos destes proxectos industriais extractivos, a Xunta tome nota e declare as caducidades. Foron anos de loita, en rede, apoiándonos entre varias organizacións e sumando forza para defender o noso dereito a habitar nun medio rural con actividades produtivas que xeren vida, como fan as pequenas e medianas granxas produtoras de alimentos, fronte á explotación salvaxe de recursos naturais que pretenden facer empresas como esta en connivencia con certas administracións públicas. Esta vitoria dános azos para seguir loitando na defensa do territorio, da auga, do futuro, en definitiva: da Vida” -reafirma Margarida Prieto.