A gandeira de leite e produtora de faba en Lourenzá, Isabel Vilalba Seivane, formará parte da Comisión Executiva da Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG), co firme obxectivo de levar a voz das labregas e dos labregos de Galiza aos espazos de decisión do Estado español.
A Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras vén de celebrar a súa XVI Asamblea Xeral os días 21 e 22 de maio de 2026, onde se debateron que políticas agrarias defender fronte ao Ministerio de Agricultura e outros organismos, en relación ao modelo agrario, á futura PAC e á Lei da Cadea Alimentaria, entre outras cuestións.
Madrid, 22 de maio de 2026. Unha delegación conformada por oito labregas e oito labregos de distintos sectores do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), vén de participar na XVI Asemblea da Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG), celebrada en Madrid os días 21 e 22 de maio de 2026.
Esta Coordinadora, conformada por organizacións agrarias de todos os territorios do Estado, definiu de xeito conxunto cales son os eixos de traballo a desenvolver diante do Ministerio e outros organismos, para a defensa das pequenas e medianas granxas de todo o Estado español.
A voz das labregas de Galiza
Unha nutrida representación de labregas e labregos do Sindicato Labrego Galego participou na XVI Asemblea da Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras coa intención “de levar a voz e as problemáticas das labregas galegas a todos os espazos onde poidamos ter incidencia para defender os nosos dereitos”, salientou María Ferreiro, gandeira e Secretaria Xeral do SLG-CCLL, que foi a persoa que encabezou a delegación galega.
Os principais debates versaron arredor da Lei da Cadea Alimentaria, a futura Política Agraria Común (PAC) e a loita por un modelo agrogandeiro que teña en conta as necesidades das persoas produtoras e das consumidoras afastándose do modelo agroindustrial e de concentración de riqueza.
A proposta de PAC do SLG
Neste senso, dende o SLG salientamos que “quixemos tratar dende este espazo que se defenda no Ministerio a nosa proposta de PAC, unha proposta de PAC que pretende ser unha verdadeira axuda á renda para as persoas labregas e que permite a regulación dos mercados”, esclareceu a gandeira María Ferreiro dende Madrid.
Isabel Vilalba, nova integrante da Comisión Executiva da COAG
Na mesma Asemblea procedeuse á elección da Comisión Executiva que coordinará a relación entre as distintas unións e organizacións que se articulan nesta Coordinadora. En dita Comisión -composta por primeira vez nos 50 anos da Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras por igual número de homes que de mulleres (catro e catro)-, resultou elixida como integrante a actual Secretaria de Relacións Externas, Organizacións e Movementos Sociais, a labrega Isabel Vilalba Seivane, que pasará a participar neste espazo común onde se decide de xeito diario que propostas e medidas levar de xeito conxunto ás administracións de carácter estatal e tamén europeo.
“As labregas e os labregos de Galiza temos que estar naqueles espazos que sexan útiles para sermos escoitadas e onde se decide o noso futuro, e aínda máis cando a nosa conselleira sistematicamente dá as costas ao noso sector”, afirmou Vilalba dende o Salón Roma do Hotel Marriot Auditórium, en Madrid, onde tivo lugar a XVI Asemblea da Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG), aludindo á Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia. “A Coordinadora permite ampliar a nosa voz e facer alianzas estratéxicas que nos permitan avanzar”, concluíu.
