
13/11/2023
A industrialización da IXP Ternera Gallega: novo golpe mortal ás granxas de vacún galegas
A industria, os cebadoiros, UU.AA e Gandeiros Galegos da Suprema asinan o fin da marca Ternera Gallega Suprema. Con esta modificación -que debe ser ratificada pola UE-, quedan excluídas da marca as granxas que fan acabado en base a pasto
Nos últimos meses estase negociando a modificación do prego de condicións para a IXP Ternera Gallega/Vacún de Galicia. Un dos cambios propostos para Ternera Galega Suprema indica: "En ditos sistemas produtivos, cando os terneiros se sacrifiquen con 8 ou máis meses deberanse estabular e protexelos de inclemencias climatolóxicas". E dicir, este cambio de fondo exclúe a todas as granxas que alimentan ao seu gando en liberdade, así como a todas aquelas que non teñen instalacións para cebar -como moitas das ecolóxicas-, e un dos valores diferenciados de calidade que até o dagora aportaba a TG Suprema.
No último pleno da IXP, dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) presentamos a través do noso vogal, Samuel Formoso, un texto alternativo eliminando a obrigatoriedade de meter aos animais en recintos pechados, co fin de protexer a cría en liberdade propia do modelo labrego, e que até o dagora foi unha das principais claves do valor engadido da marca Ternera Galega: "Nos sistemas de produción extensivo e semiextensivo o acabado poderá realizarse mediante estabulación ou o aire libre no pasto, sendo parte da marca os animais de ambos métodos que acaden os grados de engraxamento e conformación recollidos na orde".
Ámbolos dous texto foron votados, sendo o resultado 15 votos a favor do texto proposto pola IXP onde se obriga ao acortellamento, e 1 voto a favor do texto proposto polo SLG-CLL onde se autorizan ambos acabados, sempre e cando acade os grados fixados pola marca. É decir os 8 vocais das industrias, os 3 de ASAGA en representación dos cebadoiros, os 2 de Unións Agrarias e os 2 de Gandeiros Galegos da Suprema, votaron a favor de eliminar da marca a todas aquelas granxas que non ceban ou aquelas granxas que non teñen instalacións para cebar xatos.
O SLG-CCLL alerta da grande irresponsabilidade que implica o feito de apoiar ir cara un modelo de produción intensivo e industrial para a Terneira Galega Suprema, unha modificación que vai precisamente no sentido contrario dos valores cos que se xerou a marca, e que único que vai provocar é que sigan a desaparecer as granxas familiares que dan vida ao noso medio rural, privilexiando un modelo industrial baseado en cebadoiros, e que pretende facer pasar este sistema cómodo para as macrogranxas como unha produción de calidade diferenciada. Ademais, cómpre ter en conta que, no contexto de actual crise económica e climática existente, a produción en base á importación de insumos vai a ser inviable economicamente para a maioría de pequenas e medianas granxas.
Esta modificación afecta a todas as granxas da produción tradicional galegas, tanto a aquelas que ceban acortellado como ás que non, polo que a nova normativa está abrindo a marca a que dentro de pouco os cebadoiros poidan cebar xatos comprados as granxas de vacas e sacar estes o mercado como Terneira Suprema, o cal implicará tamén que no medio prazo o prezo pagado ao sector produtor baixe, redundando nas dificultades que nestes últimos anos veñen afrontando as gandeiras e gandeiros de carne.
A industria e os cebadoiros, apoiados por UU.AA e Gandeiros Galegos da Suprema, aprobaron o principio do fin da marca e de moitas granxas familiares e sostibles do país, apoiando instaurar na IXP e no noso medio rural un modelo de produción vai a reducir en poucos anos as granxas abertas a mínima expresión.
Fronte a este escenario, dende o SLG-CCLL imos activar unha campaña de información e sensibilización ás persoas consumidoras, articulando ao sector para demandar solucións que paralicen esta viraxe industrial da IXP, e canda as nosas organizacións agrarias aliadas na UE, nomedadamente a Coordenadora Europea Vía Campesina, da cal formamos parte, traballar a nivel das institucións comunitarias para que non se produza este cambio de paradigma que pretende agasallar o prestixio do bon facer labrego ao modelo agroindustrial que precisamente está a poñer a súa viabilidade en entredito co apoio de gobernos neoliberais como o da Xunta de Galicia.