Novas

  • A hondureña Dilma Cruz comeza a súa estadía con labregas do Sindicato Labrego Galego no marco do proxecto Mulleres Bravas

    A hondureña Dilma Cruz comeza a súa estadía con labregas do Sindicato Labrego Galego no marco do proxecto Mulleres Bravas

    • 06,Out 2026
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments
    • Mulleres Bravas
    • A labrega agroecolóxica, curandeira e parteira hondureña, Dilma Cruz, estará até o 16 de outubro con tres labregas do Sindicato Labrego Galego intercambiando saberes e experiencias.

    • Dilma Cruz visitará os proxectos de tres mulleres labregas galegas do SLG: Pura Seoane (Vedra), Uxía García de Buciños (Allariz) e Belén Fervenza (Redondela).

    • Un ano máis o SLG participa no proxecto Mulleres Bravas de Honduras e Galiza, un proxecto de cooperación ao desenvolvemento que xira arredor das visitas de mulleres activistas hondureñas a Galiza.

    Galiza, 6 de outubro de 2026. Unir formas de entender o coidado da terra entre dous continentes e climas tan distintos como son o galego e o hondureño é un dos obxectivos de Mulleres Bravas, o proxecto de Enxeñería Sen Fronteiras e Amigas da Terra que desta volve a unir forzas con Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) para xuntar mulleres de ambos lados do océano. Dilma Cruz visitará, deste xeito, os proxectos de tres mulleres labregas galegas do SLG: Pura Seoane, Uxía García de Buciños e Belén Fervenza.

    “Dilma é unha labrega doutro continente e dun país cun clima distinto ao galego co que temos moitísimas diferenzas”, conta Pura Seoane, con quen Dilma pasará a súa primeira estadía, entre o 5 e o 8 de outubro, na súa granxa de Vedra. “Con todo, ao final a paixón por traballar a terra, por recuperar sementes e por ter os nosos propios froitos e a nosa propia comida na mesa é común. E moitas outras paixóns máis, porque Dilma tamén busca a sabedoría de curación do corpo con plantas e saberes populares e ancestrais”.

    Pura conta que, desde a chegada de Dilma onte, xa tiveron tempo de intercambiar coñecementos. Por exemplo, cando a labrega hondureña viu que na granxa de Pura había boniatos (camote en Honduras) comentou que lles vai ensinar a manter a planta, reproducila e recolectala. “Para nós o boniato é un cultivo bastante novo, así que ter a súa sabedoría é un tesouro”, explica esta labrega. “Estivemos intercambiando impresións sobre un montón de cousas, tamén sobre como facer que as castañas e as herbas medicinais cheguen vivas alí. Ese intercambio é precioso”.

    De Vedra a Allariz e Redondela

    Despois da súa estadía en Vedra, Dilma estará en Allariz con Uxía García, entre o 9 e o 12 de outubro, e con Belén Fervenza, en Redondela, do 13 ao 16 do mesmo mes. As tres labregas, como Dilma, dedícanse a produción agroecolóxica e forman parte da Secretaría de Mulleres do SLG. Pura é labrega en Hortasán xunto ao seu fillo, onde cultiva en ecolóxico; Uxía ten un proxecto agroecolóxico chamado Tralaleira; e Belén é produtora de horta e flor en ecolóxico na iniciativa familiar Horta do Cadaval.

    “Tivemos a primeira visita á miña granxa e foi moi bonito, porque atopei unha frase que vai definir un proxecto novo que teño: Escola Labrega”, explica Pura. “Ela definiuno así e gustoume moitísimo. Creo que en cada granxa podemos facer unha escola, porque temos tanta sabedoría e tanta grandeza que é marabilloso compartila para que non se quede e se acabe aí.” Para Pura, é nese encontro onde está a verdadeira realidade, a das mulleres que chegan desde distintos puntos do mundo e descobren que teñen tantas cousas en común. Un bo facer que comparten as labregas de todo o planeta.

    O SLG, un ano máis participando neste proxecto

    Un ano máis o SLG participa no proxecto Mulleres Bravas. En edicións anteriores, por exemplo, outra labrega hondureña, Nancy Escalante, visitou granxas de labregas do Sindicato Labrego Galego. Para o Sindicato Labrego Galego é moi importante e enriquecedor participar nestes espazos de intercambio internacionais, na liña do traballo que desenvolvemos a través da nosa participación na estrutura intercontinental La Vía Campesina, e que no caso do proxecto “Mulleres Bravas” permítenos, ademais, estreitar alianzas con organizacións sociais galegas ao tempo que partillamos unha perspectiva global das problemáticas que afectan ás persoas produtoras de alimentos e ao medio rural no seu conxunto, así como as estratexias para confrontalas.

    Sobre o proxecto Mulleres Bravas

    Mulleres Bravas de Honduras e Galiza é un proxecto de cooperación ao desenvolvemento que xira arredor das visitas de mulleres activistas hondureñas a Galiza para dar a coñecer os impactos do extractivismo sobre as persoas e o medio ambiente, e para compartir alternativas sostíbeis. Pon o foco na cidadanía global e na importancia de recoñecer as diferenzas entre as loitas no Sur Global e en Galiza, ao tempo que celebra os puntos de encontro e a forza da solidariedade internacional.