
09/02/2021
A fronte de organizacións sociais contrarias á revisión do Plan Forestal de Galiza reuniuse hoxe co PSOE e co BNG
Trala xuntanza mantida o pasado venres co grupo parlamentario do PP, representantes da fronte de organizacións sociais, ecoloxistas, agrarias e sindicais que se opoñen á primeira revisión do Plan Forestal de Galiza (PFG) reuníronse hoxe, 9 de febreiro, co PSOE e o BNG no Parlamento de Galiza.
A representación da fronte estivo integrada, desta vez, por Diego Sánchez Agra, Manuel da Cal, Benito Andrade, Xosé Alfredo Pereira, Cristóbal López e Belén Rodríguez, que se xuntaron ás 11:00 con Martín Seco, Carmen Rodríguez e Pablo Arambuena, do grupo socialista; e ás 12:30 con María Albert e Carme Aira, do grupo nacionalista. Ambos grupos parlamentarios escoitaron as nosas propostas e expresaron a súa intención de opoñerse e votar en contra da revisión do PFG.
Como na anterior xuntanza, hoxe se lles explicou aos deputados e deputadas do PSOE e o BNG os argumentos nos que sustentamos o noso rexeitamento á revisión do PFG e que se resume nun decálogo que se lles entregou actualizado con respecto á semana pasada:
-
Fai unha diagnose ficticia da situación do monte galego a partir dun inventario forestal irreal e desfasado (datos de 2009), que descoñece a superficie de partida do E. Globulus e do E. Nitens. A 1ª revisión do Plan Forestal debería partir da actualización do Inventario Galego Forestal.
-
Carece de consenso social. Na súa tramitación non se viron representados todos os axentes sociais vinculados ao monte e ao medio rural.
-
Responde unicamente a intereses produtivistas e de carácter privado poñendo a ordenación dos usos do monte en mans das empresas madeireiras e forestais, e deixando de lado o interese público e xeral e a necesidade de manter unha reserva ecolóxica de hábitats naturais polo seu valor ecosistémico.
-
Fomenta o monocultivo e o aumento de especies pirófitas e invasoras ata acadar 1,4 millóns de Ha de piñeiros e eucaliptos en 2040, e o aumento de 3 millóns de m³ de cortas anuais de madeira de baixo valor engadido ata acadar os 12 millóns de m³ de cortas / ano.
-
Propón aumentar aínda máis a superficie ocupada por eucalipto E. Nitens, pese a ter rebasado xa en máis do dobre as previsións para 2030, e en detrimento das masas forestais autóctonas que apenas sufrirán incremento nos vindeiros 20 anos.
-
Promove a forestación de terras agrarias, ao deixar en mans de empresas madeireiras e forestais máis de 150.000 Ha destes terreos.
-
Favorece a vulnerabilidade do monte galego fronte ao cambio climático e desvía investimentos destinados a fins de conservación e servizos ambientais para fins produtivistas.
-
Potencia a proliferación e intensificación dos lumes forestais e a privatización da loita contra os incendios. Non formula solucións para as causas estruturais dos incendios e segue primando o investimento na extinción fronte a prevención.
-
Agrava a situación de abandono e desertización do rural galego, impedindo o desenvolvemento dun monte multifuncional que xere riqueza e recursos diversos para as persoas que viven e traballan no rural. Desbota unha vez máis a oportunidade de apostar por un modelo de montes sustentábel, pola madeira de calidade e polo peche dos ciclos produtivos dos distintos aproveitamentos do monte.
-
Alenta a desaparición dos montes veciñais en man común, favorecendo a súa privatización e a eliminación do carácter xermánico da titularidade veciñal. Propón a revisión da condición de veciño/a comuneiro/a, de dotar as mancomunidades de montes de personalidade xurídica, e que as comunidades de montes tributen no imposto sobre sociedades, como se fosen empresas mercantís.