Do 26 de maio ao 8 de xuño a finca As Fadegas, situada en Ribadeo, na Mariña Lucense (Lugo) acolleu a José (de Toledo), Juan (de Tenerife) e Noelia (de Asturias) como participantes do espazo de estancias formativas para agricultoras e agricultores novas e novos Programa CULTIVA.
Marta e Montse, anfitrioas: “Viñeron tres persoas de diferentes lugares. Un era de Canarias, tamén facía venda directa, coma nós, pero variando os cultivos. Pareceulle moi interesante isto de vender directamente á persoa consumidora. Logo tivemos outro rapaz que tiña viña e algo de oliveiras en Toledo. Estaba collendo o relevo do proxecto dos pais. Tamén acollemos a unha rapaza de Asturias que tiña faba e quería completar o ano poñendo outros cultivos para compensar”.
Actividades: “Fomos a coller microorganismos ao monte, fixemos sementeiras, puxemos rede para faba, fixemos compost, tivemos un día de mantemento para ver diferentes estruturas, aulas de ingresos, inversións e beneficios. Un día levámolas ao mercado, para que viran o que era chegar, montar o posto e a venda. Outro día fomos de visita a outra finca, ao Cabillón (Fundación Edes)”, engaden as produtoras de As Fadegas.
A testemuña de Noelia, unha das alumnas: “Foi unha experiencia moi positiva poder estar con Marta e Montse, das Fadegas (Ribadeo). Estamos bastante preto, porque eu planto en Asturias e elas na Mariña, os cultivos son parecidos. Entón o feito de aprender de dúas mulleres que levan xa anos na agricultura…poder sacar novas ideas, diversificar, e traelo aprendido delas aquí foi bastante produtivo. Vimos o traballo nos distintos cultivos, dende plantar leitugas, facer sementeiras de coles, ir ao mercado. Foi unha estadía moi produtiva e elas moi predispostas a ensina.”
Se queres máis información sobre esta iniciativa financiada e desenvolvida polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) achégate polo local do SLG na túa comarca.
🟨Programa CULTIVA. Programa de Estancias Formativas de Jóvenes Agricultores en Explotaciones Modelo
🔗 https://www.mapa.gob.es/es/desarrollo-rural/temas/jovenes-rurales/visitas-formativas/