A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e o comisario de Comercio, Maroš Šefčovič, chegaron a Australia para ultimar un acordo comercial que inclúe sectores agrícolas sensíbeis como o azucre, a carne de vacún e a carne de ovino.
A Comisión está a ignorar sistematicamente as conclusións do Diálogo Estratéxico de setembro de 2024 sobre o Futuro da Agricultura da UE.
Galiza, 24 de marzo de 2026. Mentres as persoas agricultoras da UE se enfrontan a unha crecente presión económica e se intensifica a inestabilidade xeopolítica, a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e o comisario de Comercio, Maroš Šefčovič, chegaron a Australia para ultimar un acordo comercial que inclúe sectores agrícolas sensíbeis como o azucre, a carne de vacún e a carne de ovino.
Este impulso chega nun momento crítico: a UE está a loitar contra as consecuencias da guerra en Irán e a crise actual en Oriente Medio, mentres que nos Estados membros crece a preocupación pola especulación cos prezos da enerxía e o seu impacto nos custos da produción agrícola.
O membro do Comité de Coordinación da Coordinación Europea Vía Campesina (ECVC) –da que o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) fai parte–, Andoni García Arriola, advirte de que as negociacións volven carecer de transparencia, xa que as cotas de importación clave aínda non están definidas. “O que está claro é que esta Comisión Europea está a mostrar unha vez máis unha profunda desconexión do sector agrícola”, explicou García Arriola.
A Comisión está a ignorar sistematicamente as conclusións do Diálogo Estratéxico de setembro de 2024 sobre o Futuro da Agricultura da UE. Ese informe, froito dun longo proceso de creación de consenso entre as partes interesadas de toda a cadea alimentaria europea, pedía explicitamente unha reforma fundamental da política comercial da UE. Con todo, en lugar de atender esa chamada, a Comisión parece seguir coa súa actividade habitual en medio dunha crecente axitación.
“Empregar a agricultura como moeda de cambio en acordos comerciais multisectoriais non só é contrario ás recomendacións do Diálogo Estratéxico, senón que é unha afronta directa aos agricultores que loitan por gañarse a vida e á soberanía alimentaria europea. O nivel de ameaza para Europa está a aumentar coas numerosas crises xeopolíticas e a soberanía alimentaria nunca xogou un papel tan importante na seguridade dos pobos europeos”, continúa García Arriola.
Para a ECVC e o SLG, a agricultura non ten cabida nestes acordos. Os funcionarios comerciais da UE deben abandonar este camiño e, no seu lugar, canalizar as súas enerxías cara a unha revisión radical da política comercial agrícola da UE.
Os sectores máis ameazados
Os sectores máis afectados por este acordo son aqueles onde Australia presenta unha competitividade estrutural baseada non na eficiencia, senón na ausencia das esixencias ambientais, de benestar animal e de rastrexabilidade que se impoñen ao produtor europeo. Entre eles, encontramos a carne de vacún e de ovino e os lácteos.
• Carne de vacún: o acordo establece unha cota arancelaria de 30.600 toneladas, fronte ás 3.389 toneladas actuais da cota Hilton. Unha multiplicación por nove, nun mercado europeo xa saturado polo acumulado de concesións post-Mercosur.
• Carne de ovino: a cota acordada ascende a 25.000 toneladas, catro veces máis que a actual. O dato máis alarmante: só o 27% entra como conxelado. O 73% restante chega en fresco ou refrixerado, competindo directamente co lechal e o cordeiro español nos lineais e nos mercados de Semana Santa, Nadal e Ramadán.
• Lácteos: Cotas para leite desnatada en po (8.000 t), manteiga (5.000 t) e concentrados de proteína de soro (2.000 t). Aínda que non son cantidades excesivamente altas, a experiencia doutros acordos dinos que se utilizan en momentos puntuais estratéxicos (inicios de campaña, negociación de novos contratos, etc..) para presionar á baixa os prezos en orixe en mercado interno UE.