08/02/2024
A DN do SLG-CCLL acorda acción conxunta, achegar o modelo labrego á sociedade e trasladar propostas aos partidos políticos
As medidas que precisa o agro son garantir prezos e transitar cara a un modelo agroecolóxico que coide das persoas e do medio. Participaremos en mobilizacións con outras organizacións agrarias baixo consenso dunha táboa reivindicativa común.
Onte tivo lugar no local nacional do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas en Santiago de Compostela unha reunión extraordinaria da Dirección Nacional (DN), o noso órgano de maior dirección, constituído por persoas labregas dos distintos sectores e comarcas da Galiza.
A DN reafirmou que o obxectivo fundamental do SLG-CCLL é producir unha alimentación saudábel e accesíbel para o conxunto da poboación. Unha parte da achega social que fai a nosa organización, alén doutras moitas, é coidar o territorio, conservar a biodiversidade e manter o territorio rural con vida xerando emprego, contribuíndo así a mantermos o tecido social.
Dende Sindicato Labrego Galego compartimos que hai unha necesidade do sector de mobilizarse para conseguir melloras urxentes, nomeadamente no establecemento de medidas que garantan prezos xustos polos produtos agrarios, a eliminación de sobrecargas burocráticas das pequenas e medianas explotacións e a transición cara un modelo de produción agroecolóxico que recoñeza a alimentación como un dereito, non como unha mercadoría, aspirando á soberanía alimentaria dos pobos.
Non estamos polo tanto de acordo con que se poña o foco das reivindicacións en eliminar as medias relacionadas co medio ambiente, o benestar animal, nin coa saúde das persoas. Parécenos un feito moi negativo a decisión da Comisión Europea de rebaixar os agrotóxicos perigosos, malia terse demostrado que moitos deles chegan ao organismo das persoas, á agua e ao medio.
Neste senso, a Dirección Nacional do SLG-CCLL aprobou apoiar e colaborar con outras organizacións sempre que consensuemos unha táboa reivindicativa común, pero iso non supón renunciar a moitas outras reivindicacións propias.
A DN tamén decidiu reforzar dende o SLG-CCLL as nosas liñas de traballo para visibilizar tanto as dificultades que afrontamos como os aportes do modelo da pequena e mediana agricultura que temos en Galiza, a riqueza que xeramos non só a nivel económico, senón tamén medioambiental, social e á propia saúde das persoas.
Acordamos asemade presentarlle aos partidos políticos unha batería de medidas básicas para o futuro do agro galego, tentando que se comprometan con elas máis alá do día 18 de febreiro.
Vimos padecendo dende hai décadas a falta de resposta por parte da Administración galega ante as dificultades do noso sector. A Xunta de Galicia vense caracterizando por establecer prácticas que favorecen o modelo agroindustrial en detrimento das granxas de modelo familiar, por limitar a capacidade produtiva do noso sector ecolóxico, dificultar as novas incorporacións, facilitar o acaparamento industrial de terras no medio rural, pechar centros de formación agraria, contribuír a aumentar a nosa carga burocrática e dar mostras de patente desleixo fronte ás novas enfermidades e especies invasoras que están causando problemas ao sector.