19/12/2024
A Dirección Nacional do Sindicato Labrego Galego rexeita o pre-acordo UE-Mercosur
O máximo órgano coordinador do Sindicato Labrego Galego reuniuse na mañá de hoxe en Santiago de Compostela. Trasladamos o documento de posición elaborado ao respecto das consecuencias da desregulación comercial UE-Mercosur
A Dirección Nacional do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CC.LL), formada por labregas e labregos de todos os sectores produtivos de noso país, reunida en Santiago de Compostela, rexeita o pre-acordo alcanzado para a sinatura do tratado de libre comercio do Mercosur.
Este novo pre acordo de desregularización entre a UE e catro países do Mercosur (Arxentina, Brasil, Paraguai e Uruguai) privilexia nos dous continentes o modelo agroindustrial en detrimento das pequenas e medianas granxas e a agricultura labrega.
Realmente venden o sector agrario de pequenas e medianas granxas a cambio de garantirse no actual contexto xeopolítico minerais denominados como críticos como o litio e o níquel e empeorar as condicións sociais e laborais das traballadoras dos países do Mercosur entrando empresas de aquí na sanidade privada, a educación privada...
Opoñémonos a este acordo polo impacto social e a negación da necesidade de sistemas alimentarios sostibles que representa, utilizando a alimentación como moeda de cambio e negociación en vez de contemplala como o que é: un dereito innegociable para todos os pobos do mundo.
Opoñémonos tamén porque o pre-acordo contradí totalmente os acordos acadados polos propios países asinantes en relación o cambio climático.
Opoñémonos a dito acordo porque a súa implementación vai provocar competencia desleal, dumping e a caída de prezos para os pequenso e medianos agricultores/as europeos/as, ao tempo que conlevaría enormes problemas sociais e medioambientais nos catro países do Mercosur, en total oposición aos obxectivos do Pacto Verde e as promesas da UE no diálogo estratéxico sobre agricultura.
Os labregos e labregas de Europa e do Mercosur imos ser os grandes prexudicados/as. A nosa vida e responsabilidade é producir alimentos sans para a poboación. Demandamos os gobernos comunitarios que se posicionen en contra, tanto deste tratado, como do xeito antidemocrático en que foi negociado.
Ademais este tratado que so beneficia as grandes producións vai supoñer que moitas de nós teñamos que pechar, xa que van inundar o noso mercado con produtos a moi baixo prezo, sirva a modo de exemplo as máis de 45000 tm de mel que contempla o acordo cando a produción no estado español no ano 2022 foi de 27000 tm .
Tamén consideramos que este tipo de tratados supoñen un perigo de saúde pública, dado que moitos dos estándares que rexen na UE non son os vixente noutras rexións. De feito o 37% dos pesticidas empregados no Mercosur serían ilegais na Unión Europea.
Por todo o dito anteriormente as labregas e labregos que formamos parte do SLG-CC.LL dicimos NON AO PREACORDO TLC UE-MERCOSUR!!