03/10/2019
A Coordinadora das Persoas Maiores do SLG apoia a marcha a Madrid en defensa do sistema público de pensións
A Coordinadora das Persoas Maiores do Sindicato Labrego Galego apoia a marcha e manifestación convocada na Galiza polo Movemento en Defensa das Pensións (Modepen), que será en Madrid o vindeiro 16 de outubro.
Para o Sindicato Labrego Galego, a das pensións é unha loita na que literalmente se xogan o futuro miles de labregos e labregas na Galiza. De feito, as pensións labregas están por baixo da pensión mínima entre un 13% e un 15%. Quen sofre especialmente esta discriminación son as mulleres. Cómpre ter en conta que, en 2007, co paso da Seguridade Social Agraria ao Sistema de Autónomos, pasaron de cotizar 200.000 persoas na Galiza a facelo 36.000. A inmensa maioría das persoas que deixaron de cotizar foron mulleres a favor dos seus cónxuxes varóns; isto agrávase ao non ser as mulleres titulares da granxa na que traballan. Iso explica que, hoxe en día, só un 5'5% das mulleres labregas acadan os 35 anos cotizados ao xubilarse cos que poden acadar o 100% da pensión a que teñen dereito; pola contra, máis do 32% das labregas chega aos 65 anos de idade con quince anos cotizados ou menos.
As baixas pensións obrigan a que os labregos e as labregas sigan traballando trala idade de xubilación, o que está a facer que o índice de sinistralidade agraria nestas franxas de idade se dispare. Segundo a propia Xunta de Galicia, a maioría dos accidentes no agro galego teñen como vítima homes maiores de 65 anos en tractores con máis de 20 anos de antigüidade. Por todo o devandito, a Coordinadora das Persoas Maiores apoiará a convocatoria do Movemento en Defensa das Pensións (Modepen) na Galiza e animará á afiliación do SLG a acudir á manifestación de Madrid en defensa dun sistema de pensións público e digno para todos e todas.