• O Sindicato Labrego solicitoulle á Consellería do Medio Rural nun escrito o pasado 21 de xullo a convocatoria urxente do Pleno do Consello Agrario Galego
• Amosamos a nosa preocupación pola perda do control do Piar II da actual Política Agraria Común por parte das Comunidades Autónomas
[Audio con declaracións de Brais Álvarez, apicultor, integrante da Executiva do SLG, responsábel da Secretaría da Mocidade e coordinador do Sector da Carne]
Galiza, 29 de xullo de 2025. O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) reuniuse na mañá de hoxe coa Consellería do Medio Rural (CMR) para abordar os Impactos da Futura PAC 2028-2034. Brais Álvarez, apicultor, integrante da Executiva do SLG, responsábel da Secretaría da Mocidade e coordinador do Sector da Carne; canda Xosé María García, integrante da Executiva do SLG e labrego, acudiron á xuntanza en Santiago de Compostela, convocada pola conselleira do Medio Rural, Mª José Gómez, á que tamén asistiron representantes de diversas organizacións agrarias galegas.
Dende o SLG-CCLL, solicitámoslle á Consellería nun escrito o pasado 21 de xullo a convocatoria urxente do Pleno do Consello Agrario Galego para tratar a proposta da nova PAC e crear unha comisión de traballo para termos voz nas decisións que se tomen dende Europa. Esta petición tivo lugar logo de que a Xunta de Galicia anunciara -o pasado 18 de xullo- que ía convocar a todos os axentes do sector primario para facer fronte común diante das novas políticas europeas para o rural e o mar.
E precisamente foi esta mañá, 29 de xullo, cando a Consellería do Medio Rural anunciou que se compromete a convocar en setembro, preferentemente despois de realizar a Comisión Sectorial, o Consello Agrario e crear unha comisión específica de traballo sobre temas da PAC. O Sindicato Labrego Galego, canda outras organizacións agrarias galegas, vai formar parte da Comisión de traballo da PAC. “Fixemos fincapé na importancia de convocar o Consello Agrario Galego e de crear unha comisión específica sobre estes temas para crear unha fronte común”, declarou Brais Álvarez. “Queremos que esta Comisión sexa un fronte real de traballo onde non soamente se traballe o tema dos presupostos, senón tamén medidas de fondo que permitan que, cando dentro de dous anos a negociación chegue a Madrid, poida haber un debate de que PAC queremos para defender as producións labregas”, engadiu.
Nese senso, dende o SLG-CCLL valoramos positivamente o compromiso da Consellería do Medio Rural e a súa disposición a convocar do Consello Agrario Galego e a vontade de crear dita comisión de traballo arredor da Política Agraria Común. “Queremos que sexa algo real onde se debate de verdade e se teña en conta a voz do sector”, esclareceu o representante do Sindicato Labrego Galego.
Ademais, amosamos a nosa preocupación pola perda, por parte das Comunidades Autónomas, do control do Piar II da actual PAC. “Dende o SLG consideramos que a nivel europeo a PAC ten que ter un piar propio, ben definido. Non pode desaparecer o Piar II porque é un dos piares que máis afecta, neste caso, a territorios como o galego. Precisamos un PAC que teña en conta a realidade das pequenas e medianas granxas. Está en xogo a Soberanía Alimentaria de Europa”, sinalou Álvarez.
Tamén lle lembramos que non hai que exercer presión só o Ministerio, o propio Partido Popular galego ten parlamentarios en Europa que teñen que facer o seu traballo. É nas institucións europeas nas que se vai a negociar a futura PAC o PP Europeo ten ampla representación. “O Partido Popular ten europeo ten a maioría da comisión e, polo tanto, pode exercer, a través das presidencias que ten, ademais dos estados membros, o bloqueo deste presuposto”, destacou Brais Álvarez.
É urxente poñer o foco no Regulamento da Organización Común de Mercados, xa que seguimos co de 2013 sen intención de que apareza no debate político. No Sindicato Labrego Galego pensamos que a PAC pode cumprir os seus obxectivos se xera un funcionamento xusto do mercado, con prezos xustos, e isto só se consegue poñendo no centro do debate en Europa e nos Estados este Regulamento e non só o actual paradigma de PAC=subvencións públicas, ineficaces e insuficientes.
Rexeitamos a proposta do Marco Financeiro Plurianual e da nova PAC 2028-2034
Como denunciamos nun comunicado o 17 de xullo, logo de coñecermos a proposta da Comisión do Marco Financeiro Plurianual da Unión Europea para o período 2028-2034 e, tamén, a próxima Política Agraria Común (PAC), rexeitamos a proposta do Marco Financeiro Plurianual e da nova PAC 2028-2034, que supón o desmantelamento como política propia. No Sindicato Labrego Galego -que forma parte a nivel europeo da Coordinadora Europeo Vía Campesina (ECVC) e a nivel estatal da Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG)– estamos a traballar nesta cuestión de maneira fonda, e tivemos diversas reunións a nivel europeo e estatal sobre o porvir da nova PAC. No mes de setembro continuaremos profundando e xuntándonos para a análise e actuacións conxuntas ante as novidades da Política Agraria Común.
“Menos cartos, nada de regulación de mercados, desmantelamento da política agrícola común da UE e maiores desigualdades entre os agricultores e as agricultoras dos Estados membros”, sinalou Ana Rodríguez, gandeira e economista especializada na Política Agraria Común (PAC) no Sindicato Labrego Galego.
O Sindicato Labrego Galego seguirá reivindicando unha Política Agraria Comunitaria forte e cohesionada que responda ás necesidades das persoas agricultoras e da cidadanía europea e que garanta un modelo de agricultura máis sostíbel e agroecolóxico e sistemas alimentarios de proximidade con comida sa e a prezos accesíbeis.