Os plans de mellora denegados o ano pasado non poderán solicitar este ano salvo os que incorporen unha persoa moza.
Supresión da axuda de incorporación para persoas maiores de 40 anos até os 55 e recortes xerais nas axudas.
O pasado mércores 25 de xullo, saíu publicada no Diario Oficinal de Galicia (DOG núm 120) a ORDE do 11 de xuño de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á modernización e mellora das granxas agrarias das persoas agricultoras mozas, no marco do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader); e a ORDE do 11 de xuño de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas ás persoas agricultoras mozas, no marco do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). O prazo de ambas axudas pecha o vindeiro 28 de xullo e as novidades que inclúe a normativa non beneficia en absoluto ás labregas e aos labregos de Galiza.
En primeiro lugar, “moi poucas granxas no país van poder pedir os plans de mellora, porque para poder pedilo precísase ter aprobado un expediente de incorporación o ano pasado ou este ano solicitar unha incorporación. É dicir, unha granxa que non teña persoas mozas incorporadas o ano pasado ou este, non pode pedir plan de mellora. Unha granxa dun rapaz de 37 anos que leve 10 anos incorporado e que polo que sexa precisa renovar ou mellorar, non vai poder solicitar a mellora porque non ten a quen incorporar”, destaca Brais Álvarez, responsábel da Secretaría da Mocidade no SLG, integrante da Executiva da organización e apicultor.
O 70% das persoas titulares de granxas xubílanse nos próximos anos e a previsión é que as incorporacións non cubran o 5% dos abandonos. Lonxe de asumir e xestionar este escenario, a Consellaría do Medio Rural estableceu o ano pasado unha dotación tan sumamente baixa para as axudas de incorporación e plans de mellora que son moitas máis granxas fóra das axudas que as que conseguen acceder a elas: 434 expedientes viron denegados os plans de mellora fronte aos 180 aprobados. O 12 de febreiro deste ano, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas mobilizouse en Lugo, diante da delegación da Xunta de Galicia, en demanda dun aumento de orzamento para resolver a convocatoria actual e unha convocatoria para o ano 2025 xusta, social, plural e con fondos suficientes. A nosa sorpresa foi que, unha vez publicada a normativa, no lugar de aumentar os presupostos destinados a estas axudas, ao relevo xeracional e á supervivencia dun medio rural vivo, atopámonos cunhas novidades que nada benefician ás labregas e aos labregos, todo o contrario.
“O papel das axudas deberían ser a prol da continuación das axudas e para fomentar o relevo xeracional pero dende a Consellería do Medio Rural (CMR) non se dota de presupostos suficientes, até tal punto que non se dan nin cuberto as propias necesidades da xente que hai dentro do sector. Como pretendemos incorporar máis labregas e labregos así no sector?, cuestiona Álvarez.
Dende o Sindicato Labrego Galego denunciamos o recorte xeral que a CMR fixo das axudas. Hai granxas pequenas, sostíbeis e responsábeis co medio ambiente que por primeira vez en moitos anos non van poder pedir ningún tipo de axuda. Os plans de mitigación para o cambio climático desaparecen como unha liña propia, e todo isto o ano pasado ía en fondos por esta liña: “O ano pasado sacaron plans de mellora para pequenas granxas, tamén ante as novas esixencias medioambientais sacaron unha liña concreta para plans de mitigación para o cambio climático. Ambas liñas desaparecen este ano e a maiores as solicitudes de cisternas, fosas de xurro etc van entrar na mesma liña que os plans de mellora co cal as solicitudes aprobadas poden verse reducidas”.
A todo isto temos que engadir a supresión da axuda de incorporación para persoas maiores de 40 anos até os 55, que o ano pasado a CMR difundiu como novidade e que foi unha fantástica nova para moitas persoas. “Había unha ilusión no sector, moita xente que por circunstancias da vida non se puido incorporar antes pero que agora si que tiña as condicións e viu nesta axuda unha oportunidade. Así mesmo o que non ten sentido e que exclúan dos plans de mellora os expedientes de incorporacións de máis de 40 anos aprobados o ano pasado. Viuse que había demanda, pero ábrena un ano e ao seguinte péchala!”, exclama o responsábel da Secretaría da Mocidade no Sindicato Labrego Galego.
Dende a nosa organización xa lle tiñamos avisado á Consellería a mala planificación que estaba a facer dos presupostos e das axudas ás granxas galegas, pero, sobre todo, insistimos en fixar límites para non crear condicións de desigualdade no medio rural. “Coa mala planificación do ano pasado estamos vendo granxas moi subvencionadas e outras que non percibiron un euro”, esclarece Brais Álvarez. “Esa granxa que está competindo en desigualdade agora tampouco pode pedir un plan de mellora ao ano seguinte, é dicir, que se está perpetuando esa desigualdade entre granxas. Hai un desánimo xeral entre a xente que ten entre 35 e 45 anos, xente que lle queda media vida no sector, porque non pode facer as melloras que necesita”, apunta.
IMAXE: Mobilización do SLG en Lugo o pasado 12 de febreiro e batería de medidas fronte á denegación masiva de plans de incorporación e melloras