Logo CMR

07/06/2024

A conselleira ten unha axenda moi apertada e no ten tempo para falar dos prezos do leite nin outros problemas do sector

A CMR afirma que inda non pode conceder a entrevista que lle solicitamos en abril. Os medios sitúana en múltiples romarías. Novas medidas de saneamento gandeiro, destilación de crise na Ribeira Sacra ou a baixada de prezos do leite, temas sen atender

A nova conselleira do Medio Rural, María José Gómez, tomou posesión do seu cargo o 15 de abril. Dende o Sindicato Labrego Galego, así que pasaron os primeiros días de cortesía, pedímoslle unha entrevista e chamamos practicamente cada semana para interesarnos pola data desta xuntanza e tratar temas importantes para o sector. A resposta sempre é a mesma: a señora conselleira ten unha axenda moi completa e que xa chamarán.

Xa vimos que a conselleira si que tivo tempo na súa axenda par estar na Feira do Viño do Ribeiro, na Mostra de Viños de Pantón, na Festa do Cordeiro de Larouco, na Festa das Quendas de Mondoñedo e na Festa das Carrozas de San Cidre, entre outros eventos, pero entón alguén debería atender os problemas do sector.

Como era de agardar, ademais das citas festivas e gastronómicas, nestes case dous meses estiveron producíndose feitos de importante transcendencia para o sector agrario e gandeiro galego, onde nin a Conselleira Gómez nin a Consellaría do Medio Rural estiveron presentes.

Tivo lugar, por exemplo, o Foro de Gandaría Extensiva organizado polo Ministerio de Agricultura en Toledo, no que se trataron moitos temas fundamentais para asnosas granxas, como as novas esixencias burocráticas, o veterinario/a de explotación, medidas de saneamento gandeiro, as novas esixencias nas construcións, as características do plan de benestar e do plan de fertilización...

A esta reunión, na que participou a Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, a gandeira e produtora de faba de Lourenzá Isabel Vilalba, acudiron representantes das administracións de todas as comunidades autónomas, a excepción da Xunta de Galicia. Da Consellería do Medio Rural galega non había ninguén.

Non foi unha ausencia menor. Segundo o explicou o propio Ministerio, as Consellarías van ter un papel importante en cuestións tan sensibles como a flexibilidade das medidas a aplicar en cada territorio en circunstancias como os positivos no saneamento gandeiro -un tema moi presente no noso país ao fío da prevalencia 0 de tuberculose bovina-, coa posibilidade de determinar as medidas ou as probas diagnósticas en función do risco e da situación case granxa a granxa, rigurosidade que temos demandado moitas veces dende o SLG, e que sería un significativo avance nesta materia.

A Xunta de Galicia é perfectamente consciente da preocupación que hai entre as persoas gandeiras por esta problemática. Fai pouco máis de dous meses unha gandaría de Manzaneda foi obrigada a sacrificar ducias de animais sans. Sen embargo a día de hoxe non nos consta cal vai ser a actuación da Consellería, ou se directamente non vai aplicar ningunha flexibilidade das que estarían na súa man e logo simplemente tentará culpar ao Ministerio para sacar réditos políticos.

Parte do sector do viño atravesa tamén un momento especialmente delicado. O mes pasado viticultoras e viticultores da Ribeira Sacra tiveron o anuncio de que por primeira vez na historia non van ter quen lles merque a uva por estaren varias adegas cheas de viño da anterior colleita.

Tanto o Sindicato Labrego Galego como o propio Consello Regulador temos solicitada unha xuntanza ca conselleira María José Gómez. Tamén sen respostar. De feito, inda non sabemos se a Consellaría ten garantías de que a destilación de crise que pide vaia ser autorizada pola Unión Europea e polo Ministerio, e menos se vai poñer fondos propios para que o sector non teña que soportar estas perdas e tampouco se vai esixir que, como contrapartida, se garanta a recollida de toda uva e os prezos.

Ademais, no sector do leite, cas nosas gandeiras e gandeiros cobrando os prezos máis baixos do Estado, as industrias volven tentar impoñer novas baixadas. No vacún de carne, o Goberno galego publicitou unha axuda para os produtores/as de Ternera Galega Suprema na que finalmente se vai por cobrar por moitos menos animais dos que había posibilidade, e nas últimas semanas houbo problemas ca saída dos animais de carne para o matadoiro. E por se todo isto non fora abondo para captar a atención dunha Conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, nunca tanto se atrasou o cobro das axudas da Política Agraria Común.

Dende o Sindicato Labrego Galego polo dagora non podemos máis que apelar á responsabilidade da Conselleira María José Gómez no cumprimento do seu deber como interlocutora da Administración e insistir na necesidade de manter unha reunión canto antes para abordar estes e outros temas que están a incrementar a vulnerabilidade dun sector socioeconómico tan esencial para a poboación galega como é o das persoas que producimos alimentos no noso territorio.

Imaxe: logotipo da Consellaría do Medio Rural (Fonte: Consellaría do Medio Rural)